ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2012 e 2013 de programas integrados para o emprego

I. ANTECEDENTES

O día 29 de febreiro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2012 e 2013 de programas integrados para o emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Orde TAS/2643/2003, de 18 de setembro), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia ao proxecto de orde que se está a ditaminar.

Ao abeiro da antedita norma, a Consellería de Traballo e Benestar ven a articular neste proxecto normativo programas integrados para o emprego, dirixidos á mellora da ocupabilidade e a explorar novas alternativas de inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrais que combinen accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 12 de maio de 2011, publicada no DOG o 24 de maio de 2011, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 30 de marzo de 2011, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 12/11.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:



Obsérvase unha importante diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 2º).

Nos programas integrados para persoas desempregadas preferentemente perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego (artigo 3º), suprímese como colectivo prioritario ás persoas inmigrantes.

O número mínimo de persoas desempregadas a atender no programa integrado para o emprego será de 60 (artigo 3º).

Na resolución de concesión poderase adecuar a definición da inserción laboral por conta allea en función de circunstancias como a actividade profesional que desenvolverá a persoa traballadora insertada ou a súa pertenza a colectivos de persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción (artigo 3º).

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados neste proxecto normativo (artigo 4º): as deputacións provinciais; os concellos que, por si sos ou asociados, teñan unha media de paro rexistrado no ano 2011 superior a 500 persoas; as mancomunidades, consorcios ou calquera outra forma de agrupación que comprenda, cando menos, a tres concellos limítrofes galegos e as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

Neste proxecto normativo engádese a posibilidade da presentación das solicitudes das axudas (artigo 5º) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén na mesma e que debe facer constar os extremos relacionados no artigo 5º.

Con respecto á relación recollida na orde do 2011, suprímese algunha da documentación que debe acompañar á solicitude (artigo 6º) e, ao mesmo tempo, engádese a obriga dos concellos que concorran en agrupación constituída a través dun convenio de colaboración de achegar copia do devandito convenio.

Por outra banda, modifícanse os criterios de valoración dos programas recollidos no artigo  7º. A valoración mínima para a consecución da condición de entidade beneficiaria debe ser de 70 puntos.

Para o desenvolvemento dos programas integrados para o emprego, o financiamento total determinarase en función do número de persoas que se van a atender e os obxectivos previstos de inserción de acordo coa fórmula establecida no artigo 9º.

Na resolución de concesión dos programas integrados para o emprego especificaranse as datas de inicio, de desenvolvemento das accións e o prazo de execución do programa (artigo 11º).


A entidade beneficiaria recibirá un pagamento, en concepto de anticipo da subvención, da cantidade equivalente á subvención concedida para o ano 2012, sempre e cando esta non supere o 25% da suma das subvencións do ano 2012 e 2013 (artigo 12º).

Por outro lado, as entidades beneficiarias disporán ata o 14 de decembro de 2012 para presentar a liquidación parcial da subvención, polo que deberán presentar a xustificación de todos os gastos realizados con cargo á subvención ata o 30 de novembro de 2012 (artigo 12º).

Para a presentación da liquidación final, as entidades terán un prazo máximo de dous meses desde a finalización do prazo de desenvolvemento das accións do programa, e un prazo máximo dun mes desde que finalice o período de execución do programa para a presentación da memoria final de actividades (artigo 12º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2012 e 2013 de programas integrados para o emprego” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.



O día 7 de marzo de 2012 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e dezasete consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, tres consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e pola CEG (anexo II).



DITAME 6/2012







En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2012 e 2013 de programas integrados para o emprego”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de febreiro de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de marzo de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.
Este Comité observa que a Orde do 12 de maio de 2011, reguladora das subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas integrados para o emprego durante os anos 2011 e 2012, se vai solapar durante 2012 coa que agora se ditamina, que rexe para os anos 2012 e 2013.

Segunda.
Este Comité propón unha nova revisión do texto dado que aínda persisten erros na linguaxe en materia de xénero, como por exemplo o uso das barras no artigo 8º, apartado 3, parágrafo segundo e no apartado 4. Ademais, este Comité non considera acertada a solución da utilización das barras tendo en conta que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan esta solución para os formularios.







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Financiamento.
Este Comité non considera razoable que haxa un descenso global do 60% do crédito orzamentario destinado a estes programas de emprego respecto ao financiamento definitivo da orde do exercicio anterior, habida conta da finalidade deste proxecto normativo.  

Segunda.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No epígrafe a) deste artigo elimínanse dos colectivos prioritarios, con respecto á orde do exercicio anterior, ás persoas inmigrantes, ás persoas desempregadas de longa duración (especialmente, os maiores de 45 anos con baixa cualificación) e ás persoas menores de 30 anos (especialmente, aqueles que posúan baixa cualificación).

Este Comité considera que deberían incluírse estes colectivos, tal e como constaba na orde do exercicio anterior.

Terceira.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No segundo parágrafo do epígrafe a) deste artigo establécese que polo menos o 60% das persoas inscritas como demandantes de emprego pertencentes aos colectivos prioritarios dos programas integrados deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego.

Este Comité non entende que se priorice a este colectivo, polo que propón que se suprima esta referencia, tendo en conta o risco de exclusión social das persoas non perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego.

Cuarta.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No epígrafe b) deste artigo establécese que o Servizo Público de Emprego seleccionará ás persoas demandantes de emprego dispoñibles para a súa incorporación aos programas e a entidade beneficiaria poderá participar no proceso de selección.

Este Comité considera que se deberían especificar no artigo os termos da participación da entidade beneficiaria no proceso de selección.

Quinta.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No último parágrafo do epígrafe a) deste artigo e no segundo parágrafo do epígrafe b) establécese, respectivamente, que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35% das atendidas durante o desenvolvemento do programa, porcentaxe que se reduce ao 30% cando as persoas participantes sexan desempregadas previamente admitidas ao Programa de Renda Activa de Inserción ou perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia.



Este Comité considera que os obxectivos de inserción laboral que se especifican neste artigo son excesivos debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para os programas da letra a) unha porcentaxe de inserción do 25% e para os programas da letra b) unha porcentaxe do 20%.

Sexta.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias.
Este Comité entende que todas as administracións locais que poden ser beneficiarias, identificadas nas letras a), b) e c) deste artigo, deberían agruparse nun só apartado, establecéndose a continuación os requisitos de acceso en cada caso e garantindo que non se produzan duplicidades de acceso por un mesmo concello.

Sétima.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias.
Este Comité solicita que a acreditación da experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia, esixida ás entidades sen ánimo de lucro, se estenda a todas as entidades beneficiarias, polo que propón que se manteña a redacción da orde do exercicio anterior.

Oitava.- Artigo 6º. Documentación.
Este Comité considera que na relación da documentación que debe acompañar á solicitude, establecida no apartado 1 deste artigo, debe admitirse a posibilidade de aportar copia compulsada ou cotexada.

Igual consideración formúlase respecto da letra b) apartado 3 do artigo 11º.

Novena.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1 deste artigo enuméranse documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións  particulares das persoas candidatas.

Décima.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, propón incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 1º da orde: información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Décimo primeira.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que se propón que se manteña a redacción da orde do exercicio anterior.


Décimo segunda.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité entende que, tendo en conta o obxecto deste proxecto normativo, os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes deberían ter un maior peso na puntuación global.

Décimo terceira.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Tendo en conta  a natureza do programa, non se considera necesario puntuar o esforzo investidor que figura no punto 5 deste artigo.

Polo exposto, este Comité propón que se elimine este criterio.

Décimo cuarta.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
No punto 8 deste artigo minóranse, en relación coa orde do exercicio 2009, os puntos polo emprego da lingua galega, pasando de 12 a 5.

Este Comité considera que se deben manter os 12 puntos polo emprego da lingua galega, xa que o idioma é un ben cultural que se debe promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e proximidade coas persoas participantes nas actividades, mellorando o seu resultado.

Décimo quinta.- Artigo 9º. Contía das subvencións.
Este Comité non comparte a redución do 17% da cantidade percibida por persoa desempregada participante no programa, pasando de 2.400€ a 2.000€, polo que propón que, polo menos, se garanta a contía do exercicio anterior.

Décimo sexta.- Artigo 12º. Xustificación e pagamento.
En contra do solicitado por este Comité no ditame relativo á orde do exercicio anterior, o apartado 1.A) deste artigo establece que a entidade beneficiaria recibirá un pagamento da cantidade equivalente á subvención concedida para o ano 2012, sempre e cando esta non supere o 25% da suma das subvencións do ano 2012 e 2013, en concepto de anticipo.

Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1. A) deste artigo, de ata o 100%.

Décimo sétima.- Artigo 16º. Participación institucional.
Este Comité considera que en lugar de “Comité Autonómico de Emprego” debería dicir “Consello Autonómico de Emprego”.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto.
A Confederación de Empresarios de Galicia propón incluír entre as accións de diversa natureza, relacionadas neste artigo 1º, a prospección de empresas, a busca de xacementos de ofertas e a intermediación laboral. É necesario levar a cabo unha prospección do mercado laboral e das empresas que o integran para a detección de perfís demandados.

Segunda.- Artigo 3º. Tipos de programas.
O último punto do apartado b) deste artigo sinala que o prazo de execución dos programas integrados para o emprego será como máximo de 12 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que para o correcto desenvolvemento destes plans sería necesario tamén o establecemento dunha duración mínima.

Terceira.- Artigo 10º. Gastos imputables.
A CEG propón que se inclúan como gastos imputables no apartado 1 deste artigo, os gastos derivados da contratación de forma externa para a realización de estudos de mercado e de prospección de empresas, así como a posibilidade de contratar outros tipos de servizos (formación para traballadores, captación de ofertas e prospección empresarial).  



ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Gastos imputables.
Na letra c) deste artigo establécese que cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que debería permitirse que a porcentaxe chegue ata o 100%.