ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único e se procede á convocatoria das correspondentes axudas

I. ANTECEDENTES

O día 15 de marzo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único e se procede á convocatoria das correspondentes axudas, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único como medida de fomento de emprego, coa finalidade de propiciar a iniciativa de autoemprego das persoas traballadoras desempregadas con dereito á prestación por desemprego de nivel contributivo, facilitando a realización dun traballo por conta propia ou a incorporación como socios e socias traballadores/as ou de traballo a unha cooperativa ou sociedade laboral.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 19 de setembro de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 1 de xuño de 2011 (Ditame 18/11), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións unánimes manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O proxecto normativo que se ditamina non contén modificacións significativas con respecto á orde do ano anterior.




De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único e se procede á convocatoria das correspondentes axudas” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 20 de marzo de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.






DITAME 7/2012




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establece o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único e se procede á convocatoria das correspondentes axudas”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de marzo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de marzo de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:







CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Na exposición de motivos consta que foi consultado o Consello Galego de Cooperativas. Este Comité considera que a consulta a este organismo non é necesaria.

Así, de acordo coa normativa reguladora do citado organismo, concretamente o Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, é función propia do Consello Galego de Cooperativas (artigo 3º.d) “emitir informe, con carácter preceptivo, sobre os proxectos e disposicións legais e regulamentarias e demais normas que afecten directamente ás cooperativas ou ás súas organizacións …”.

A afectación directa á que se refire o texto do decreto supón que non todo tipo de normas poderían ser obxecto de ditame preceptivo polo Consello Galego de Cooperativas.

A orde obxecto de ditame ten como persoas beneficiarias traballadores e traballadoras que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, polo que o seu carácter xeral e non específico para as persoas socias e traballadoras de cooperativas exclúe a necesidade de consulta ao Consello Galego de Cooperativas.

Pola contra, consideramos que debería incluírse a consulta do Consello Autonómico de Emprego, cuxos fins e funcións encaixan nunha consulta previa. Así, o Decreto 192/2011, do 29 de setembro, polo que se crea o Comité Autonómico de Emprego, os consellos provinciais de Emprego e os comités territoriais de Emprego, establece como función daquel “participar e informar sobre a planificación das políticas activas de emprego así como sobre a súa programación”.

Segunda.

Este Comité observa que persisten erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico ( “beneficiarios” no artigo 1º.3) e no uso das barras (“traballador ou traballadora autónomo/a” no artigo 2º ou “Os/as interesados/as propostos/as como beneficiarios/as” no artigo 7º), que consideramos non son a solucións máis axeitadas para respectar a neutralidade de xénero, polo que propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, requisitos e principios de xestión.
O apartado c) deste artigo 1º esixe terse constituído como traballador ou traballadora autónoma sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.

Este Comité propón que se teña en conta o xa permitido na lexislación vixente, respecto ás persoas traballadoras que se teñan constituído como autónomas, establecéndose que poderán capitalizar a súa prestación por desemprego para afrontar os gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social. Por isto considérase que o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluír como persoa beneficiaria a calquera persoa traballadora autónoma e non soamente a aquelas que teñen discapacidade.

Segunda.- Artigo 5º. Documentación.
No segundo parágrafo deste artigo establécese que as solicitudes se presentarán acompañadas da documentación requirida, que deberá ser orixinal ou fotocopia compulsada.

Este Comité considera que debería admitirse tamén a presentación da documentación en copia cotexada.

Terceira. – Artigo 5º. Documentación.
Obsérvase que no apartado a) deste artigo figura o termo “desenrola”, inexistente no idioma galego, que debería substituírse polo termo “desenvolve”.

Cuarta. - Artigo 7º. Resolución e recursos.
No apartado 4 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar será de seis meses.

Este Comité propón que sexa de tres meses, tal e como figuraba na Orde do exercicio de 2005.

Quinta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.