ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/12

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 8 de marzo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 17/2008, do 29 de decembro, regula a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. Mediante o exercicio desta participación institucional, estase a atribuír aos axentes sociais e económicos a defensa en ditos ámbitos dos intereses xerais, comúns e intersectoriais, que corresponden ás nosas empresas e ás persoas que nelas traballan.

Polo tanto, o importante papel atribuído a estas organizacións deriva na necesidade de regular os criterios e o procedemento para o reparto das compensacións económicas con motivo das funcións resultantes desta participación institucional, funcións que se lles atribúen por ter a condición de organización sindical ou empresarial intersectorial máis representativa de Galicia, polo que se procede agora ao desenvolvemento regulamentario do previsto no artigo 6.2 da referida Lei 17/2008.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

O presente proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do artigo 6.2 da Lei 17/2008 de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, no que se establece que a fixación dos criterios de reparto da partida orzamentaria e do aboamento das compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia se establecerá regulamentariamente (artigo 1º).

As entidades beneficiarias serán as que determina o artigo 2º da antedita Lei 17/2008. Para o aboamento das compensacións de cada exercicio orzamentario, esta condición deberá ser acreditada a data do 31 de decembro do ano inmediatamente anterior (artigo 3º).

A contía das compensacións económicas será a establecida nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio (artigo 4º) e pagarase a cada entidade beneficiaria dunha soa vez e sempre antes de que remate cada exercicio económico (artigo 5º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia” consta de: Exposición de motivos, cinco artigos e unha disposición derradeira.


O día 2 de abril de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e pola CEG (anexo I) e dúas específicas manifestadas pola organización sindical CIG (anexo II).












DITAME 8/2012





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas de Galicia”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de abril de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.
Este Comité reitera as consideracións feitas no Ditame 27/08 sobre o anteproxecto de lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, perfectamente aplicables ao proxecto de decreto que se somete a ditame, e que se pode consultar na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).

Segunda.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo existen algúns erros no uso correcto do idioma galego, polo que propón a súa revisión.











CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 2º. Concesión directa.
Este artigo regula nun único apartado o procedemento de concesión das compensacións económicas e a competencia para resolver a súa concesión.

Este Comité considera que debería enumerarse o contido deste artigo en dous apartados, establecéndose no apartado 1 o relativo ao procedemento de concesión e no apartado 2 o referente á competencia para resolver.


Segunda.- Disposición derradeira.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha Disposición derradeira que debería denominarse Disposición final, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Exposición de motivos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que na exposición de motivos debería incluírse o contido do segundo parágrafo da memoria explicativa que acompaña a este proxecto normativo no que se fai referencia ao proceso de diálogo social.



ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SINDICATO CIG:


Primeira.- Artigo 5º. Procedemento para a concesión.
Este artigo establece que a contía da compensación resultante pagarase a cada entidade beneficiaria dunha soa vez e sempre antes de que remate cada exercicio económico.

A CIG propón que se contemple a posibilidade de concesión de anticipos ou ben que se fagan libramentos parciais por trimestres ou semestres vencidos.

Segunda.- Artigo 5º. Procedemento para a concesión.
Neste artigo establécese que para o pago da contía da compensación será necesario que antes do seu aboamento se acredite o cumprimento das actividades específicas relativas á participación institucional mediante memoria descritiva das actividades realizadas.
A Confederación Intersindical Galega considera que, dado que os datos que se solicitan son de coñecemento da Administración autonómica, se debería substituír a antedita memoria por unha certificación que cada órgano ou entidade remitirá periodicamente á Dirección Xeral de Relacións Laborais.