ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/12

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se desenvolve a regulamentación e o alcance da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 8 de marzo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se desenvolve a regulamentación e o alcance da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 17/2008, do 29 de decembro, regula a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. A participación institucional é un instrumento para a participación e o diálogo social, que ten como obxectivo reforzar a función dos interlocutores sociais e a súa implicación e participación na vida económica e social de Galicia.

A propia Lei 17/2008 establece no seu artigo 3º.2 que se desenvolverá mediante decreto a regulamentación e alcance da participación institucional. O presente proxecto normativo ven a cumprir este mandato, sendo o seu obxectivo desenvolver a lei concretando uns criterios mínimos e homoxéneos de participación.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame:

O capítulo I do presente proxecto normativo regula o seu obxecto, ámbito de aplicación e a finalidade da súa incorporación ao ordenamento xurídico galego.

Pola súa banda, o capítulo II define a regulamentación da participación institucional como instrumento e canle para a participación social, diálogo e consenso, para a mellora e a potenciación da actuación da administración no exercicio das súas competencias.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se desenvolve a regulamentación e o alcance da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, doce artigos, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.


O día 2 de abril de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e pola CEG (anexo I) e catro específicas manifestadas pola organización sindical CIG (anexo II).






DITAME 9/2012




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se desenvolve a regulamentación e o alcance da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de abril de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité reitera as consideracións feitas no Ditame 27/08 sobre o anteproxecto de lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, perfectamente aplicables ao proxecto de decreto que se somete a ditame, e que se pode consultar na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).

Segunda.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo existen algúns erros no uso correcto do idioma galego, polo que propón a súa revisión.


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG e as organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN de CCOO de Galicia non atopan xustificación por parte da Administración para a modificación dos artigos 3, 7 e 9 do texto deste proxecto de decreto respecto do que figuraba nos Acordos asinados polo presidente da Xunta e os axentes sociais presentes no Diálogo Social o pasado 25 de xaneiro.

Consideración específica:

Exposición de motivos.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que o cuarto parágrafo da exposición de motivos debería completarse facendo referencia á data da sinatura dos Acordos do diálogo social, polo que propón a seguinte redacción: “O presente decreto ven a cumprir este mandato, xurdindo, igual ca propia lei, no seo do diálogo social asinado o pasado 25 de xaneiro, sendo o seu obxectivo desenvolver a lei concretando uns criterios mínimos e homoxéneos de participación”.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SINDICATO CIG:

Primeira.- Artigo 5º. Participación concorrente.
O segundo parágrafo deste artigo establece que a representación das organizacións sindicais e empresariais a ostentarán no momento de constituírse o respectivo órgano ou entidade.

A CIG considera que a representación debe referirse ao 31 de decembro do ano anterior ao de constituírse o respectivo órgano ou entidade.

Segunda.- Artigo 5º. Participación concorrente.
O último parágrafo deste artigo dispón que a participación das organizacións sindicais e empresariais o será en proporción a súa respectiva representatividade, salvo que exista acordo expreso das organizacións afectadas noutro sentido.

A CIG considera que o acordo expreso das organizacións afectadas debería ser adoptado por unanimidade.

Terceira.- Artigo 6º. Incorporación de novas organizacións.
A organización sindical CIG considera que este artigo resulta confuso xa que os mecanismos de adaptación da composición de cada órgano á realidade representativa das organizacións están previstos na Lei 17/2008 e no artigo 5º deste proxecto de decreto.

De referirse o seu texto á previsión dunha ampliación da súa composición pola inclusión de organizacións distintas das empresariais e sindicais, debería establecerse claramente na redacción do precepto. En caso contrario, o artigo resulta superfluo, polo que se propón a súa eliminación.

Cuarta.- Artigo 12º. Avaliación e seguimento.
Este artigo establece que, co fin da realización da avaliación e seguimento da participación institucional das organizacións empresariais e sindicais máis representativas, estas achegarán unha memoria descritiva das actividades realizadas.

A Confederación Intersindical Galega considera que, dado que os datos que se solicitan son de coñecemento da Administración autonómica, se debería substituír a antedita memoria por unha certificación que cada órgano ou entidade remitirá periodicamente á Dirección Xeral de Relacións Laborais.