ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/12

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento

I. ANTECEDENTES

O día 8 de marzo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, modificada pola Lei 14/2011, do 16 de decembro, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e das súas estruturas de integración económica e representativa, dispoñendo que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, realizará unha política de fomento do movemento cooperativo e adoptará as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas. Dentro destas liñas de acción atópase a creación dunha rede de centros para o fomento do espírito emprendedor no ámbito local, comarcal e transfronteirizo prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social, no territorio de actuación.

Esta rede de centros denominarase Rede Eusumo e estará formada por entidades relacionadas co cooperativismo e a economía social que con distintas infraestruturas e medios materiais e humanos, poidan desenvolver as actividades e funcións que lle correspondan, asinándose a tal efecto convenios ou acordos de colaboración entre a Consellería de Traballo e Benestar e as devanditas entidades.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Ten por obxecto a creación e regulación da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social (artigo 1º).
Poderán ser colaboradoras da Rede as entidades relacionadas no apartado 1 do artigo 4º. Estas entidades deberán poñer a disposición da Rede algún dos medios de que dispoñan, tales como instalacións, infraestruturas e servizos, ou calquera recurso que facilite o cumprimento dos obxectivos. A condición de entidade colaboradora non leva aparellada contrapartida financeira.

O capítulo II deste proxecto normativo regula a integración na Rede, e nel recóllense as condicións de adhesión (artigo 7º), as obrigas das entidades colaboradoras (artigo 8º) e as vantaxes de pertenza á Rede (artigo 9º).

Por outra banda, o procedemento de adhesión á Rede atópase establecido no capítulo III; o relativo á organización e funcionamento da Rede regúlase no capítulo IV e, por último, as medidas de fomento e incentivo para a creación de emprego, baixo a fórmula cooperativa e da economía social, recóllense no artigo 18º.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, dezaoito artigos e dúas disposicións derradeiras (sic).


O día 3 de abril de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezasete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.











DITAME 10/2012




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de marzo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de abril de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.
Este Comité manifesta a súa perplexidade pola solicitude de ditame dun proxecto de decreto que regula a creación dunha rede, cando esta xa está operativa dende hai máis dun ano.


Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “cidadáns” no décimo primeiro parágrafo da exposición de motivos ou “usuarios” no artigo 7º.2), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que propón unha revisión do texto do proxecto normativo.








CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.
No sétimo parágrafo da exposición de motivos faise referencia á conciliación da vida persoal e laboral.

Este Comité considera que debería incluírse ademais o termo “familiar”.

Segunda.- Exposición de motivos.
Este Comité observa que, no último parágrafo da exposición de motivos, falta mencionar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Terceira.- Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.
No apartado 1 deste artigo establécese que “O presente decreto ten por obxecto a creación e regulación da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social”.

Tendo en conta o manifestado na consideración xeral primeira deste ditame, consideramos que este apartado debería dicir o seguinte: “Este decreto ten por obxecto a regulación da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar”.

Cuarta.- Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.
O apartado 2 deste artigo recolle a posibilidade de establecer acordos de colaboración con entidades doutros ámbitos territoriais.

Este Comité ten serias dúbidas sobre a posibilidade de establecer acordos de colaboración con entidades doutros ámbitos territoriais que non sexan fronteirizos con Galicia, dado que esta rede pretende encadrarse no Eixe 4 do POFSE 2007-2013.

Quinta.- Artigo 2º. Creación da Rede Eusumo.
Este Comité considera que, en coherencia co disposto na consideración xeral primeira deste ditame, se deberían substituír os termos “Creación” e “Créase” que aparecen no título e no apartado 1 deste artigo.

Sexta.- Artigo 3º. Obxectivos da Rede Eusumo.
Este Comité propón que se completen os obxectivos recollidos neste artigo en concordancia cos que aparecen na páxina web da Rede Eusumo, incorporando como obxectivo desta rede “o acompañamento de proxectos de economía social así como rendibilizar e achegar aos cidadáns diferentes recursos e infraestruturas de institucións, entidades ou organizacións con interese en adherirse á Rede.”


Sétima.- Artigo 4º. Entidades colaboradoras.
Este Comité considera que a afirmación que figura no apartado 4 deste artigo pode ser matizable, habida conta do que se prevé nos artigos 9º.c) e 18º deste proxecto normativo.

Oitava.- Artigo 6º. Distintivo de identificación da Rede Eusumo.
Este Comité considera que debería suprimirse o apartado 2 deste artigo por non ter cabida nun texto legal.

Novena.- Artigo 8º. Obrigas das entidades colaboradoras.
A letra b) deste artigo recolle a obriga de participar, na medida das súas posibilidades, nas actividades de asesoramento, información e formación que se deseñen para o fomento do emprendemento cooperativo e a economía social, sen que por elo se vexan afectadas as actividades e funcións propias da entidade.

Este Comité considera que esta última frase debería suprimirse porque resulta de imposible verificación.

Décima.- Artigo 8º. Obrigas das entidades colaboradoras.
Na letra f) deste artigo establécese a obriga de remitirlle á Dirección Xeral de Relacións Laborais toda a información xerada neste ámbito de actuación.

Este Comité considera que debería relativizarse esta obriga, propoñendo a súa substitución pola expresión “toda a información relevante”.

Décimo primeira.- Artigo 10º. Formalización de adhesión á Rede.
No apartado 3 deste artigo solicítase copia compulsada do documento que acredite a personalidade xurídica da entidade.

Este Comité considera que deberíase admitir a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Décimo segunda.- Artigo 11º. Resolución.
Establécese no apartado 1 deste artigo que o prazo para ditar resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Décimo terceira.- Artigo 13º. Control e revogación do recoñecemento.
Este Comité considera que a última frase do apartado 1 deste artigo debería trasladarse ao final do apartado 2, quedando a redacción deste último apartado como segue:


“2. As entidades que teñan locais integrados na Rede Eusumo deberán garantir que estes manteñan as condicións que permitiron a súa incorporación á Rede para o que a Dirección Xeral de Relacións Laborais poderá efectuar visitas aos centros adscritos á Rede coa periodicidade que crea oportuna.”

Décimo cuarta.- Artigo 16º. Actividades da Rede Eusumo.
Este Comité considera que ás actividades que figuran relacionadas neste artigo debería engadirse unha nova letra coa seguinte redacción:

“n) Calquera outra actividade dentro dos termos contemplados no artigo 3º, cuxa finalidade, debidamente xustificada, responda ao obxectivo do fomento do cooperativismo e a economía social.”

Décimo quinta.- Artigo 16º. Actividades da Rede Eusumo.
Na relación das actividades recollidas neste artigo utilízanse as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Décimo sexta.- Artigo 17º. Permanencia na Rede.
Este Comité considera que neste artigo debería preverse a posibilidade de excluírse voluntariamente da Rede.

Décimo sétima.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras (sic) que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.