ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/12

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se crea o Consello Galego do Traballo Autónomo e se regula a súa composición e funcionamento

I. ANTECEDENTES

O día 30 de marzo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se crea o Consello Galego do Traballo Autónomo e se regula a súa composición e funcionamento, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O artigo 22.7 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo establece que as comunidades autónomas poderán constituír, no seu ámbito territorial, consellos consultivos en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo.

En cumprimento do disposto no precepto citado, mediante este proxecto normativo constitúese o Consello Galego do Traballo Autónomo, como órgano consultivo do goberno galego.

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Este proxecto de decreto ten por obxecto a creación do Consello Galego do Traballo Autónomo, así como regular a súa composición, organización e réxime de funcionamento (artigo 1º).

O Consello Galego do Traballo Autónomo constitúese como órgano consultivo do goberno galego en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo (artigo 2º).

No artigo 4º relaciónanse as funcións deste órgano colexiado, entre as que se atopan, emitir o seu parecer con carácter facultativo sobre os proxectos normativos de competencia autonómica que incidan sobre o traballo autónomo e asesorar na planificación e na execución dos programas de desenvolvemento e fomento do traballo autónomo e a cultura emprendedora na Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que se refire á composición do Consello Galego de Traballo Autónomo, aparece regulada no capítulo II deste proxecto normativo.

Por último, no capítulo III recóllese o réxime de funcionamento e organización deste consello consultivo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea o Consello Galego do Traballo Autónomo e se regula a súa composición e funcionamento” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaseis artigos, unha disposición adicional e tres derradeiras.


O día 26 de abril de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e quince consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e pola CEG.

















DITAME 11/2012





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se crea o Consello Galego do Traballo Autónomo e se regula a súa composición e funcionamento”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de marzo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de abril de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo existen algunhas incorreccións no uso do masculino xenérico, polo que se propón unha revisión do texto cara a homoxeneizar a utilización da linguaxe en materia de xénero.

Segunda.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo, para evitar erros como o que figura na exposición de motivos (“artigo 29.Uno” en lugar de “artigo 29.1”).









CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité bota en falta a referencia ao Decreto 147/2011, do 30 de xuño, polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade, criterios que, tendo en conta o disposto no artigo 9º.2.a), son de aplicación neste proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 2º. Natureza e réxime xurídico.
No apartado 1 deste artigo establécese que “O Consello Galego do Traballo Autónomo constitúese como órgano consultivo do goberno galego en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo”.

Tendo en conta o título deste artigo, consideramos que este apartado debería incluír a referencia á natureza do Consello Galego do Traballo Autónomo como órgano colexiado, nos seguintes termos:  “O Consello Galego do Traballo Autónomo constitúese como órgano consultivo e colexiado de participación institucional do goberno galego en materia socioeconómica e profesional do traballo autónomo”, suprimindo do apartado 2 deste mesmo artigo a citada referencia.

Terceira.- Artigo 3º. Sede.
Este Comité considera que debería completarse o título e o contido deste artigo co ámbito territorial do Consello Galego do Traballo Autónomo, nos seguintes termos: “O Consello Galego do Traballo Autónomo ten a súa sede na cidade de Santiago de Compostela e o seu ámbito territorial abrangue a Comunidade Autónoma de Galicia.”

Cuarta.- Artigo 4º. Funcións.
Os puntos 1º e 2º da letra a) deste artigo establecen que o Consello Galego do Traballo Autónomo emitirá o seu parecer con carácter facultativo sobre os proxectos normativos de competencia autonómica que incidan sobre o traballo autónomo e sobre o deseño das políticas públicas de carácter autonómico en materia de traballo autónomo.

Tendo en conta o carácter tan amplo do concepto de “traballo autónomo”, este Comité considera que estes puntos deberían redactarse do seguinte xeito:

“1º. Os proxectos normativos de competencia autonómica que incidan específica e expresamente no ámbito profesional do traballo autónomo.
2º. O deseño das políticas públicas de carácter autonómico no ámbito profesional do traballo autónomo.”

Quinta.- Artigo 4º. Funcións.
Este Comité considera que a expresión “cultura emprendedora”, que figura  na letra d) deste artigo, se debería substituír polo termo “autoemprego”, debido ao sentido tan amplo da dita expresión.

Sexta.- Artigo 5º. Composición.
Este Comité considera que na composición do Consello Galego do Traballo Autónomo recollida no apartado 1 deste artigo habería que incluír a secretaría.

Tendo en conta o anterior, o apartado 2 deste mesmo artigo debería suprimirse incluíndose o seu contido no artigo 8º.1, no que se regula a figura da secretaría.

Sétima.- Artigo 6º. A Presidencia.
Na letra d) do apartado 2 deste artigo establécese que corresponde á persoa titular da Presidencia “exercer o seu dereito ao voto de calidade”.

Este Comité considera que a redacción correcta sería a de “Dirimir os empates co seu voto de calidade”.

Oitava.- Artigo 7º. A Vicepresidencia.
No apartado 3 deste artigo regúlase a suplencia das persoas titulares da Presidencia e da Vicepresidencia, establecéndose que ocupará a presidencia do consello a persoa que acorde o pleno de entre os seus membros.

Este Comité considera que debería cambiarse a redacción deste apartado, asociando a designación da persoa suplente a un criterio obxectivo como pode ser a idade ou o desempeño dalgún cargo.

Novena.- Artigo 9º. Vogais.
Este artigo recolle as persoas vogais que compoñen o Consello Galego do Traballo Autónomo.

Este Comité considera que esta composición debería adaptarse á establecida no Real Decreto 1613/2010, do 7 de decembro, no que se regula a composición do Consello do Traballo Autónomo estatal, modificando, polo tanto, a redacción das letras b) e c) do apartado 2 deste artigo para establecer unha composición paritaria en número de representantes das administracións públicas, das asociacións profesionais de traballadores autónomos, das organizacións sindicais máis representantivas (6 persoas) e das organizacións empresariais máis representantivas (6 persoas).

En consecuencia co anterior, esta ampliación debería recollerse nos artigos 5º e 14º nos que se regulan, respectivamente, a composición do Consello Galego do Traballo Autónomo e a Comisión Permanente.


Décima.- Artigo 9º. Vogais.
Este Comité considera que, na letra a) do apartado 2 deste artigo na que se recolle a distribución da representación das asociacións profesionais de traballadores autónomos, debería engadirse ao final da primeira frase: “nos termos previstos no artigo 8º do Real Decreto 147/2011, do 30 de xuño, polo que se crea o Consello Galego da Representatividade das Asociacións Profesionais de Traballadores Autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia e se determinan os criterios para acreditar e declarar a súa representatividade”.

Décimo primeira.- Artigo 10º. Funcións das persoas vogais.
Este Comité considera que debería suprimirse a última frase da letra c) deste artigo na que se recolle a imposibilidade de abstención nas votacións das persoas representantes das administracións públicas, xa que esta cuestión atópase suficientemente regulada na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo segunda.- Artigo 14º. A Comisión Permanente.
Na letra d) do apartado 4 deste artigo establécese que corresponde á Comisión Permanente exercer as funcións do Pleno no caso de urxencia debidamente motivada e así apreciada pola persoa titular da presidencia.

Este Comité considera que, ao tratarse dun suposto excepcional, estes casos de urxencia deberían ser apreciados de maneira unánime por todos os membros da Comisión Permanente.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décimo cuarta.- Disposición derradeira primeira (sic).
Nesta disposición establécese que o Consello Galego do Traballo Autónomo deberá constituírse no prazo máximo de tres meses desde a entrada en vigor deste proxecto normativo.

Tendo en conta a acumulación dos prazos establecidos na Orde do 13 de abril de 2012 pola que se regula a convocatoria pública para a determinación da representatividade das asociacións profesionais de traballadores autónomos no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia, este Comité considera necesario ampliar o prazo de tres meses para a constitución do Consello.

Décimo quinta.- Disposición derradeira terceira (sic).
Este Comité considera que debería xustificarse, cando menos na exposición de motivos, o prazo de entrada en vigor deste proxecto normativo, xa que resulta rechamante unha vacatio legis de 20 días para un decreto.
ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 4º. Funcións.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que debería engadirse unha letra máis nas funcións do Consello Galego do Traballo Autónomo coa seguinte redacción: “f) Participar no Consello do Traballo Autónomo estatal.”