ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/12

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA OS OBRADOIROS DE EMPREGO DENTRO DOS PROGRAMAS MIXTOS DE EMPREGO E FORMACIÓN DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2012.

I. ANTECEDENTES

O día 16 de maio de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede a súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A presente regulación establece un programa autonómico de obradoiros de emprego en base ao cal se aprobarán, exclusivamente, proxectos de seis meses de duración, introducíndose unha serie de modificacións e adaptacións tendentes ao mesmo tempo que a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias.

Estes obradoiros de emprego concíbense como programas mixtos de formación e emprego que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de vinte e cinco ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Así mesmo procédese ao establecemento dunha vinculación efectiva entre os programas mixtos de formación e emprego e a consecución dun emprego con posterioridade ao desenvolvemento dos mesmos, procurando unha maior implicación e compromiso dos concellos na consecución da posterior inserción laboral.

Nesta convocatoria a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas desempregadas e á evolución do paro rexistrado no período 2007-2011 e a evolución da poboación, e terase en conta, ademais, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 26 de marzo de 2010 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de febreiro de 2010, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse, como novidades, os seguintes aspectos:

A novidade máis destacada é a supresión deste proxecto normativo dos programas das escolas obradoiro e casas de oficios e das unidades de promoción e desenvolvemento.

Os proxectos de obradoiros de emprego poden ser promovidos por entidades locais e os seus organismos autónomos ou entidades con competencias en materia de promoción do emprego ou de formación de titularidade local e os consorcios, eliminándose o resto das entidades promotoras con respecto á orde anterior (artigo 3º).

Por outro lado, as entidades beneficiarias da subvención deberán ter un número mínimo de 500 persoas desempregadas no seu ámbito territorial. Este requisito non será de aplicación cando a solicitude ou as actuacións previstas engloben, cando menos, a tres concellos limítrofes (artigo 3º).

As entidades promotoras deberán asumir o compromiso de procurar a inserción laboral posterior de, polo menos, o 10% das persoas desempregadas participantes (artigo 3º).

Con respecto ao prazo de duración e ás etapas (artigo 4º), os obradoiros de emprego terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional.

Polo que se refire á documentación que debe presentarse xunto coa solicitude (artigo 16º), engádese a obriga de aportar o compromiso asumido polas entidades participantes de procurar a inserción laboral posterior de, polo menos, o 10% das persoas desempregadas participantes nos proxectos.

Os expedientes, unha vez completos, serán remitidos á Comisión Central de Valoración para o seu estudo e informe nunha única fase, que terá lugar a partir da segunda quincena de setembro (artigo 19º).

Para a valoración dos proxectos de obradoiros de emprego (artigo 20º), engádese como criterio o seu ámbito xeográfico de actuación. A puntuación mínima esixible para a aprobación dos proxectos e concesión da subvención será de corenta e catro puntos.

Obsérvase no artigo 23º unha diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria.

O importe das cantidades efectivas que se aboarán como obxecto da subvención (artigo 25º) estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes, do número de alumnos e alumnas participantes e da xustificación dos gastos subvencionados.

Nos contratos para a formación e aprendizaxe que a entidade promotora subscriba cos alumnos e alumnas participantes, a Consellería de Traballo e Benestar subvencionará o 100% do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias (artigo 28º).

Finalmente, unha vez iniciado o obradoiro de emprego concederase en concepto de anticipo unha cantidade equivalente ao 25% do importe total da subvención do proxecto. Na medida que a entidade promotora xustifique os gastos poderá aboárselle, en concepto de pagamento a conta, ata o 55% do importe do libramento non xustificado pola entidade (artigo 30º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede a súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, trinta e sete artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.



O día 30 de maio de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.






DITAME 12/2012





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de maio de 2012, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de maio de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité observa que persisten erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico e na denominación dos cargos públicos, que debe ser neutra (“secretario”, “directora xeral”, “conselleira”, no artigo 19º e nas disposicións adicionais e finais), e no uso das barras (“interesados/as” no artigo 21º), que consideramos non son as solucións máis axeitadas para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo e corrixir un erro na enumeración nos artigos 1º e 19º, a redacción no apartado 2 do artigo 12º, así como a referencia ás letras j e k, impropias do alfabeto galego, no artigo 20º.

Terceira.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto normativo emprégase o termo “alumnado-traballador participante” para referise ás persoas beneficiarias participantes no programa dos obradoiros de emprego.

Este Comité propón a súa substitución por “persoas participantes” e, consecuentemente, a modificación da clave de codificación (E01)recollida no artigo 13º.

Cuarta.
Este Comité bota en falta que este proxecto de orde non se acompañe dunha explicación que argumente a razón da supresión dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e unidades de promoción e desenvolvemento.

Quinta.
Este Comité non comparte a diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria de axudas e subvencións en relación con exercicios anteriores e ademais, tendo en conta o disposto nos orzamentos deseñados e aprobados pola Xunta de Galicia para o ano 2012, obsérvase un descenso entre a contía disposta (18.000.000 €) e a que aparece neste proxecto normativo (16.000.000 €), que consideramos debería terse clarificado na memoria económica que o acompaña, con indicación do destino dos dous millóns de euros de diferenza.

Sexta.
Este Comité considera que debería xustificarse no proxecto normativo o motivo da supresión, como entidades promotoras e beneficiarias dos programas, dos organismos autónomos, entes e sociedades públicas e de dereito público da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, universidades e fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro, que figuraban no artigo 6º da orde do 18 de marzo de 2010 (DOG núm. 58, do 26/03/2010) e que non se contemplan no artigo 3º deste proxecto normativo, que soamente establece como entidades promotoras e beneficiarias ás entidades locais e os seus organismos e os consorcios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.  Artigo 10º.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.
O apartado 1 deste artigo establece que a selección do alumnado-traballador así como a do persoal directivo, docente e de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Traballo e Benestar e da entidade promotora.

Este Comité, reiterando o manifestado en ditames anteriores, considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto coas persoas representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente ao obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Segunda.- Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
As organizacións sindicais e empresarial con presenza neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Consello Autonómico de Emprego.

Terceira. Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
Este Comité entende que habería que regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado que cause baixa.

Cuarta. Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
No apartado 3 deste artigo establécese que terán preferencia para participar nos proxectos as mulleres vítimas de violencia.

Este Comité considera que debería modificarse a expresión “mulleres vítimas de violencia” por “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa que dela se deriva.

Por outra banda, en relación a este mesmo apartado, este Comité non comparte que se vincule a consideración de “especiais dificultades de inserción” ao límite de 55 anos ou ao feito de carecer de títulos de F.P. de grao superior, polo que solicita que a súa redacción sexa igual que a recollida no artigo 16º da orde do exercicio 2010.


Quinta. Artigo 12º.- Procedemento de selección do persoal directivo, docente e de apoio.
Este artigo establece que a selección do persoal directivo, docente e de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Na selección do persoal directivo e docente, consideramos que deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta á Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, máxime tendo en conta que se está a seleccionar o persoal directivo e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade da decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida das persoas candidatas.

Así mesmo, as organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que, utilizando o sistema de oferta, non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, faríase a convocatoria pública”.

Sexta. Artigo 14º.- Incidencias e reclamacións.
Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademais, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que deberían sinalarse expresamente, e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar, a xurisdición ante a cal debe comparecer a persoa que reclame e a necesidade ou non de esgotar vías previas.

Sétima. Artigo 15º.- Solicitudes. Prazo de presentación.
O apartado 4 deste artigo establece a data do 16 de xullo de 2012 como a de remate do prazo de presentación das solicitudes das axudas e subvencións reguladas por esta orde.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Oitava. Artigo 19º.- Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración.
No apartado 1 deste artigo suprímese o prazo de 15 días que se establecía na orde do 2010 para a remisión do expediente xunto co informe técnico.

Este Comité propón que se manteña o antedito prazo co fin de que se axilice a tramitación do procedemento.

Novena. Artigo 21º.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de nove meses.

Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa de tres meses.

Décima. Artigo 28º.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador.
Obsérvase un descenso en 50 puntos porcentuais do SMI a subvencionar nos contratos para a formación e aprendizaxe, pasando a ser do 100%.

Tendo en conta que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios para adaptalos aos convenios colectivos de aplicación e se están a comprometer á contratación do 10% das persoas participantes, este Comité considera que debería manterse a porcentaxe contemplada na orde do 2010 co fin de favorecer a súa continuidade.

Décimo primeira. Artigo 30º.- Pagamento da subvención.
Para unha axeitada xestión do programa, este Comité entende que se debería manter o anticipo e os pagamentos a conta nas porcentaxes contempladas na orde do 2010.

Décimo segunda. Artigo 37º.- Asistencia, seguimento e avaliación.
Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas ao Consello Autonómico de Emprego, aos Consellos Provinciais de Emprego e aos Comités Territoriais de Emprego , para asegurar o exercicio das funcións que o Decreto 192/2011, do 29 de setembro lles encomenda.

Décimo terceira. Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derr