ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2012.

I. ANTECEDENTES

O día 25 de maio de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo indica a exposición de motivos, un dos principios reitores da política de emprego é o reforzo do consenso entre a Administración e os axentes sociais no deseño e aplicación das políticas activas de emprego. Así, o acordo sobre actuacións en materia de emprego asinado o 25 de xaneiro de 2012 ten por obxecto por en marcha medidas innovadoras en materia de emprego e modificar o acordo sobre fomento da empregabilidade, da contratación e da estabilidade para intentar dar resposta á negativa situación do mercado laboral e fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2012 dos incentivos á contratación das persoas desempregadas coa finalidade de favorecer o emprego e facilitar a inserción laboral das persoas traballadoras desempregadas e, en especial, a de aqueles colectivos con maiores dificultades.

Co obxectivo de vincular todas as políticas activas de emprego e a implicación real do tecido empresarial na recuperación do mercado laboral, establécese a obrigatoriedade da participación activa nos programas de fomento da empregabilidade por parte das persoas desempregadas e a colaboración activa das diferentes empresas galegas coa Administración. Isto supón a modificación dos programas de incentivos á contratación que só beneficiarán ás persoas desempregadas participantes activas nos programas de fomento da empregabilidade e ás entidades colaboradoras coa Administración.



Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 28 de marzo de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 2 de marzo de 2011 (Ditame 10/11), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:

Aos programas de incentivos á contratación por conta allea regulados neste proxecto normativo (artigo 1º) engádense, para esta convocatoria, o programa de incentivos á contratación indefinida inicial a tempo parcial e o programa de emprego, orientación e formación.

Dentro dos colectivos en situación de risco de exclusión social (artigo 2º) inclúese ás persoas vítimas de violencia de xénero. Por outra banda e para os efectos deste proxecto de orde, incorpóranse ás definicións de participante activo, entidade colaboradora e programas de fomento da empregabilidade.

As entidades beneficiarias (artigo 3º) dos incentivos previstos deberán acreditar á condición de entidade colaboradora segundo o establecido neste proxecto normativo.

No artigo 5º recóllese a posibilidade da presentación electrónica das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Este mesmo artigo establece que poderán solicitarse as axudas polas contratacións subvencionables que se realicen entre o 1 de outubro de 2011 e a data de publicación deste proxecto.

Obsérvase unha diminución xeneralizada dos importes dos créditos dispoñibles para esta convocatoria (Disposición Adicional Cuarta).

En relación ao programa de incentivos á contratación indefinida inicial (Anexo I), serán subvencionables as contratacións realizadas desde o 1 de outubro de 2011.

No Anexo I – Base Primeira recóllese a relación dos colectivos prioritarios de persoas traballadoras que sexan contratadas con carácter indefinido.

No que se refire aos requisitos como consecuencia da contratación indefinida inicial pola que se solicita a subvención (Anexo I – Base Segunda), todas aquelas persoas desempregadas que teñan a consideración de participantes activas nos programas de fomento da empregabilidade deberán ser contratadas con carácter indefinido na súa titulación profesional ou formativa, agás as persoas que non estean en posesión de ningunha titulación.

Con respecto aos importes das axudas (Anexo I – Base Terceira), modifícanse as contías dos incentivos ás contratacións indefinidas iniciais.

No Anexo II introdúcese como novidade o programa de incentivos á contratación indefinida inicial a tempo parcial, cuxos incentivos serán de aplicación ás contratacións cunha xornada igual ao 50% da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada máxima legal realizadas desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012 polas entidades colaboradoras con aquelas persoas desempregadas que teñan a consideración de participantes activas (Anexo II – Base Primeira). Estas contratacións incentivaranse cunha axuda de 2.500 euros (Anexo II – Base Terceira).

Por outra banda, serán subvencionables ao abeiro do programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos (Anexo III – Base Primeira) as transformacións, que se formalizasen desde o 1 de outubro de 2011 e ata a data de publicación deste proxecto normativo, sempre que o contrato temporal obxecto de transformación estivese vixente o 30 de setembro de 2011.

Estas transformacións serán realizadas por entidades colaboradoras que teñan a condición de microempresa (Anexo III – Base Segunda) e incentivaranse con 2.000 euros (Anexo III – Base Terceira).

Polo que se refire ao programa de incentivos á contratación temporal, será de aplicación ás contratacións temporais que se realicen polas entidades colaboradoras con aquelas persoas desempregadas que teñan a consideración de participantes activas nos programas de fomento da empregabilidade (Anexo IV – Base Segunda) que se formalizasen desde o 1 de outubro de 2011 e ata o 30 de setembro de 2012 (Anexo IV – Base Primeira).

Serán subvencionables todas as modalidades contractuais de carácter temporal cunha duración máxima de 12 meses que deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida (Anexo IV – Base Segunda).

Modifícase a escala dos incentivos (Anexo IV – Base Terceira), minorándose con carácter xeral a contía dos mesmos.

Por último no Anexo V regúlase o programa de incentivos ao emprego, orientación e formación, en virtude do cal serán subvencionables todas as modalidades de contratación temporal a tempo parcial que cumpran os requisitos recollidos neste anexo formalizados desde o 26 de xaneiro de 2012 ata o 30 de setembro de 2012 (Anexo V – Primeira).

Os contratos temporais terán unha duración mínima de 12 meses e unha xornada inicial igual ao 70% da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada máxima legal (Anexo V – Base Segunda).

Cada contratación temporal realizada incentivarase cunha axuda de 3.500 euros e os contratos temporais subvencionados que fosen transformados en indefinidos ao rematar a vixencia do mesmo, e ata o 30 de setembro de 2012, terán dereito a unha axuda complementaria de 2.500 euros (Anexo V – Base Terceira).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, quince artigos, catro disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e cinco anexos.


O día 13 de xuño de 2012 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola CIG (anexo I), polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II), polas organizacións UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (anexo III) e polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo IV).
















DITAME 13/2012



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de maio de 2012, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xuño de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (“beneficiarios” no artigo 3º), e no uso das barras (“reclusos/as” no artigo 2º), que consideramos non son as solucións máis axeitadas para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 2º. Definicións.
Como xa si indicou no Ditame 10/11, este Comité considera farragosa a redacción do apartado 4 deste artigo, propoñendo que se substitúa por outra que resulte intelixible.

Segunda.- Artigo 2º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego realizaraa o órgano xestor das axudas, agás que fose realizada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité considera que se debería establecer cómo se resolve este último suposto, xa que non se concreta cómo se vai a realizar esa comprobación.

Terceira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Cuarta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de seis meses.  

Este Comité considera este prazo excesivo e propón que sexa de tres meses. Debe terse en conta que as solicitudes que se presentasen os últimos días do prazo, que remata o 30 de setembro de 2012, serían resoltas no exercicio 2013 xa que o prazo de resolución supera os tres meses.

Quinta.- Artigo 9º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Sexta.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería modificarse o título deste artigo xa que nel recóllense as obrigas das entidades beneficiarias e non das persoas beneficiarias.

Sétima.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Na letra e) deste artigo establécese a obriga de conservación dos documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

Este Comité considera que sería recomendable establecer un prazo concreto para a conservación desta documentación posto que o prazo establecido resulta de moi difícil determinación por parte das entidades beneficiarias.

Oitava.- Artigo 15º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose na letra e) as empresas en crise.

Este Comité considera incorrecta esta inclusión dado que as “empresas en crise” non constitúen un sector.

Novena.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décima.- Anexo I. Base Cuarta.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos incentivos as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debería definirse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décimo primeira.- Anexo I. Base Sétima.
Este Comité considera que no segundo parágrafo do apartado 1 debería constar a mención do prazo dos 20 días seguintes ao da substitución para a comunicación ao órgano que concedeu a axuda, tal e como figuraba na orde do 2011.

Igual consideración formúlase respecto do segundo parágrafo do apartado 1 da Base Sétima, Anexo II.





ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

CONSIDERACIÓN XERAL
A CIG ven preconizando e manifestándose reiteradamente nos ditames deste Comité Delegado, sobre a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais. A diminución da precariedade contractual relativa non é produto dun avance na calidade do emprego, senón que resulta do efecto estatístico da expulsión da actividade laboral de persoas traballadoras con contrato non estable, que se ten acentuado como consecuencia da crise económica.

Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:


1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta a problemática da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

A Orde que agora ditaminamos parece querer avanzar nun destes criterios, en concreto o de destinar as axudas a colectivos específicos. Sen embargo, este aparente avance queda moi mediatizado pola amplitude e diversidade de colectivos definidos no artigo 2, polo que practicamente outorga carácter xeral ás subvencións, e en consecuencia o posible efecto selectivo resulta claramente prexudicado.

Por outro lado, temos que avaliar negativamente que os relativos avances producidos en anos anteriores en canto ao establecemento de plans empresariais de estabilidade laboral e a esixencia dun determinado nivel de taxa de estabilidade para que a empresa poidese acceder a incentivos, resultaran eliminados para o exercicio de 2010 e 2011 e séguese mantendo esta eliminación para o de 2012.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS

Primeira.- Exposición de motivos.
Na exposición de motivos vencéllase esta orde cuns acordos asinados no seo do “Diálogo Social”. A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que substancialmente, e agás retoques cosméticos, ven sendo reprodución doutras anteriores.

Segunda.- Artigo 10º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.
A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Terceira.- Anexo I. Base Sétima.
Esta disposición obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de tres anos a computar desde a data de realización da contratación.

A CIG considera que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dase o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.

Esta mesma consideración formúlase respecto dos Anexos II e III na Base Sétima.








ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Anexo I. Base Segunda. Requisitos.

O apartado 4 desta disposición establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.











ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Anexo I. Base Sétima.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que no apartado 2 debería manterse a mesma redacción da orde correspondente ao exercicio anterior.

Igual consideración formúlase respecto do apartado 2 da Base Sétima do Anexo III.

Segunda.- Anexo I. Base Sétima.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que o termo “netas” que aparece no apartado 2 debería figurar tamén nos Anexos II e III ou, pola contra, que se suprima deste apartado.










ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Anexo I. Base Quinta.
No apartado 4 desta disposición esíxese acompañar á solicitude orixinal ou copia compulsada ou cotexada dos documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que non debería esixirse esta documentación posto que existe un convenio de colaboración coa Seguridade Social e xa obra en poder da Administración.

A mesma consideración formúlase respecto do Anexo II, Base Quinta, apartado 5; Anexo III, Base Quinta, apartado 4 e do Anexo V, Base Quinta, apartado 5.