ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

I. ANTECEDENTES

O día 25 de maio de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Tal e como se recolle na exposición de motivos deste proxecto normativo, a crise en que está inmersa a nosa economía repercute en termos de emprego, destruíndose día a día numerosos postos de traballo e aumentando o número de persoas inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego e, por tanto, as taxas de desemprego. Esta situación, aínda que repercute en todos os tramos de idade, presenta unha maior gravidade no sector máis novo da poboación, e particularmente naqueles mozos e mozas con menor cualificación.

En base a esta situación e no marco do Diálogo Social deséñanse un programa mixto de formación e contratación (FORCON) dirixido a mozos e mozas con baixa cualificación que versa sobre especialidades formativas vencelladas a ocupacións incluídas nos sectores estratéxicos de Galicia, segundo o plan estratéxico Galicia 2010-2014, de xuño de 2010.

Os sectores estratéxicos de futuro son os relacionados coa economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación medioambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia) e economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización), sectores nos que se prevén maiores posibilidades de empregabilidade e estabilidade.


Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Este proxecto normativo ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2012 da fase de emprego do programa mixto de formación e contratación (Programa FORCON) dirixido a mozos e mozas con baixa cualificación que sexan contratados en ocupacións incluídas nos sectores estratéxicos de Galicia (artigo 1º).

Poderán ser beneficiarias deste programa (artigo 3º) todas aquelas entidades que pertencendo aos sectores estratéxicos establecidos no plan estratéxico Galicia 2010-2014, de xuño de 2010, teñan a condición de entidades colaboradoras.

Serán subvencionables as contratacións temporais, a tempo completo ou a tempo parcial que, cumprindo os requisitos establecidos neste programa, se formalicen desde o 26 de xaneiro de 2012 ata o 30 de setembro de 2012 (artigo 4º).

As contratacións temporais deberán ter unha duración de seis meses e realizarse con mozos e mozas sen cualificación en situación de desemprego que participasen como alumnos e alumnas na etapa formativa do programa FORCON, nos cursos relacionados no anexo X deste proxecto normativo (artigo 5º).

Segundo o artigo 6º deste proxecto de orde, estas contratacións temporais incentivaranse cunha axuda de 2.500 euros. Os contratos temporais subvencionados que fosen transformados en indefinidos ao rematar a vixencia dos mesmos, e ata o 30 de setembro de 2012, terán dereito a unha axuda complementaria de 2.500 euros.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das axudas (artigo 8º) corresponderalle, por delegación da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar, á persoa titular da Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

As axudas poderán solicitarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido (artigo 9º).

O prazo para a presentación das solicitudes rematará o 30 de setembro de 2012. As solicitudes polas contratacións subvencionables realizadas entre o 26 de xaneiro de 2012 e a data de publicación desta orde, poderán presentarse no prazo dun mes a contar desde a data de publicación desta orde (artigo 9º).

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados xunto coa documentación relacionada no artigo 11º.

De conformidade co artigo 13º, o prazo para resolver e notificar é de seis meses.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación -Programa FORCON -, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 13 de xuño de 2012 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo I), pola CIG (anexo II) e polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo III).
















DITAME 14/2012



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de maio de 2012, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xuño de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este programa diríxese á formación e á contratación pero só desenvolve exhaustivamente este último aspecto, entendendo este Comité que se debería regular tamén a parte formativa do programa. A este respecto cabe salientar que no apartado 1 do artigo 5º faise mención a uns cursos relacionados no Anexo X, sobre o que este Comité non pode pronunciarse por non ter recibido este anexo xunto co proxecto formativo.

Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo “alumno” no artigo 2º ou “beneficiarios” no artigo 20º), e no uso das barras, que consideramos non son as solucións máis axeitadas para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 2º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego realizaraa o órgano xestor das axudas, agás que fose realizada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité considera que se debería establecer cómo se resolve este último suposto, xa que non se concreta cómo se vai a realizar esa comprobación.

Segunda.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Terceira.- Artigo 4º. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables.
Este Comité considera que debería substituírse a expresión “2.500 euros” que figura no apartado 3 deste artigo pola seguinte redacción: “nos termos contemplados no artigo 6º desta orde”.

Cuarta.- Artigo 5º. Requisitos.
No apartado 1 deste artigo obsérvase que se emprega o termo “participasen” debendo substituírse por “participen”, xa que se trata dun programa mixto de formación e contratación.

Quinta.- Artigo 7º. Exclusións.
Este Comité considera que se debería rectificar o apartado 2 deste artigo, no  que figura como excepción á exclusión dos beneficios deste proxecto normativo a contratación a un só familiar menor de 45 anos, xa que só se poden acoller a este programa os menores de 30 anos.

Sexta.- Artigo 9º. Solicitudes e prazo.
Este Comité considera que se debería incluír neste artigo a posibilidade de presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima.- Artigo 11º. Documentación.
Este Comité considera que debería substituírse a expresión “Cumprimento por parte da empresa...” establecida no apartado 5 deste artigo pola seguinte redacción: “Acreditación do cumprimento por parte da empresa...”, xa que a primeira expresión non se refire a ningún tipo de documentación.

A mesma consideración formúlase respecto da letra b) do apartado 1 do artigo 14º.

Oitava.- Artigo 13º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de seis meses.  

Este Comité considera este prazo excesivo e propón que sexa de tres meses.

Novena.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios.
No apartado 5 deste artigo establécese a obriga de conservación dos documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

Este Comité considera que sería recomendable establecer un prazo concreto para a conservación desta documentación posto que o prazo establecido resulta de moi difícil determinación por parte das entidades beneficiarias.

Décima.- Artigo 17º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Décimo primeira.- Artigo 18º. Reintegros.
Este Comité considera que debería introducirse unha referencia á necesaria substitución da persoa traballadora nos supostos de extinción da relación laboral recollidos no apartado 2 deste artigo, establecendo un prazo breve a ese efecto.

Décimo segunda.- Artigo 21º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose na letra e) as empresas en crise.

Este Comité considera incorrecta esta inclusión dado que as “empresas en crise” non constitúen un sector.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Artigo 4º. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que se suprima do apartado 1 deste artigo a expresión “a tempo completo ou a tempo parcial”.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Primeira.- Artigo 5º. Requisitos.
No apartado 2 deste artigo faise referencia ao mantemento do cadro de persoal da empresa respecto á media dos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita a subvención.

A CIG considera que esta referencia é un lapso temporal moi escaso e polo tanto debería ampliarse.

Así mesmo, no segundo parágrafo deste mesmo artigo establécese que para o cálculo do mantemento do cadro de persoal non se computarán, entre outras, as baixas por finalización do contrato. A CIG considera que debería suprimirse esta causa.

Segunda.- Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.
A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.



ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 11º. Documentación.
No apartado 6 deste artigo esíxese acompañar á solicitude orixinal ou copia compulsada ou cotexada dos documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que non debería esixirse esta documentación posto que existe un convenio de colaboración coa Seguridade Social e xa obra en poder da Administración.