ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/12

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2013.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de xuño de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2013 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do decreto publicado no DOG o día 4 de xullo de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 1 de xuño de 2011 (Ditame 19/11), obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais.


A novidade máis destacada deste novo proxecto normativo con respecto ao decreto do ano anterior é a inclusión como festa laboral propia da Comunidade Autónoma de Galicia do 24 de xuño, día de San Xoán, en substitución do 6 de xaneiro, día de Reis.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e dúas disposicións derradeiras.

O día 20 de xuño de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración xeral e outra específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO., UGT-Galicia e CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO.e CIG (Anexo II).


DITAME 15/2012




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia no calendario laboral para o ano 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de xuño de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xuño de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.- Exposición de motivos.
No primeiro parágrafo da exposición de motivos obsérvase o emprego dos termos “nacional/nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilicen os termos “estatal/estatais” para evitar confusións interpretativas, tal e como se contemplaba no Decreto do ano anterior.

Segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG.

Consideración xeral
As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia, UGT-Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, respectando, de ser o caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.

Consideración específica
A diferenza do establecido no Decreto do ano anterior, no artigo 1º deste proxecto normativo obsérvase que tan só se relacionan as festas laborais propias da Comunidade Autónoma.

As organizacións sindicais consideran que o obxecto do presente proxecto de decreto é determinar o calendario laboral do ano 2013, polo que se solicita que se manteña a redacción do Decreto do 2011 incorporando as datas das festas laborais de carácter retribuído e non recuperable fixadas desde o ámbito estatal, con indicación da posibilidade de modificación das mesmas, se fora o caso.




ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.

Seguindo coa liña argumental de anos precedentes e tendo en conta que o Parlamento Galego aprobou o día 9 de marzo de 2006 “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.

Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1º do proxecto de decreto como “Día Nacional de Galicia” e pase a designarse como “Día da Patria Galega”.