ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de xuño de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, as transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, acompañado da perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. Un rasgo común a casi todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral. Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que no capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral. Así, esta orde, desenvolve o mencionado capítulo, establecendo un programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e anunciando a súa convocatoria para o ano 2012.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 8 de xuño de 2011 e o Ditame 15/11, emitido polo Consello con data 28 de abril de 2011, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Engádense como entidades beneficiarias (artigo 3º) das axudas reguladas neste proxecto normativo ás entidades promotoras de empresas de inserción laboral.

No artigo 5º introdúcese como actuación subvencionable para as empresas de inserción laboral as axudas para o inicio e posta en marcha da actividade. Ademais, as entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias de axudas á contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción e de subvencións para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral.

Poderase conceder para o financiamento dos primeiros gastos da actividade para as empresas de inserción laboral que iniciaran a súa actividade a partir do 1 de outubro de 2011 unha subvención de 3.000 euros por cada persoa traballadora en proceso de inserción da empresa de inserción laboral e ata un máximo de 12.000 euros (artigo 13º). A subvención destinarase a sufragar os gastos necesarios derivados da posta en marcha da actividade.

Por outra banda, a subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral está destinada a financiar parcialmente, e cun límite máximo de 6.000 euros, os custos que conleva o proceso de creación de empresas de inserción laboral (artigo 14º).

Nesta convocatoria admítese a posibilidade de presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (artigo 16º).

Por último, poderán realizarse pagamentos á conta para as subvencións pola contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral. O importe dos pagamentos á conta que se concedesen non poderá ser superior ao 90% da subvención concedida (artigo 22º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e nove artigos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.
O día 20 de xuño de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e doce específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime: dúas consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), unha consideración específica manifestada pola CIG (anexo II), unha consideración específica manifestada polas organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e pola CEG (anexo III), unha consideración específica manifestada por UGT-Galicia (anexo IV) e unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais SN de CCOO de Galicia, UGT-Galicia e CIG (Anexo V).











DITAME 16/2012





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de xuño de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de xuño de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

O Comité delegado bota en falta no preámbulo unha referencia expresa á Lei 44/2007, do 13 de decembro, pola que se regula o réxime das empresas de inserción laboral.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que debería completarse o contido do apartado 1 deste artigo quedando redactado nos seguintes termos: “Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos recollidos na normativa de referencia e no establecido nesta orde para os distintos tipos de axudas.”

Segunda. - Artigo 5º. Contratos de traballo subvencionables.
Na letra b) do apartado 1 deste artigo indícase que os contratos de traballo terán unha duración non inferior a 6 meses.

Este Comité entende que debería establecerse tamén un prazo máximo de duración que sexa coherente coa lexislación estatal na materia.

Terceira. - Artigo 6º. Tipos de axuda.
A letra f) do apartado 1 deste artigo menciona a "creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral” como unha das actuacións que poden ser obxecto das axudas reguladas na orde.

Este Comité considera que, tendo en conta o establecido no artigo 12º, que desenvolve este tipo de axuda, debería xa figurar expresamente na súa definición no artigo 6º que o importe da subvención se calculará en función do investimento en inmobilizado material ou intanxible que se realice.

Cuarta. - Artigo 10º. Subvención pola realización de labores de mediación laboral.
No apartado 1 deste artigo establécese que, no caso de contrato temporal cunha duración inferior a dous anos e superior a seis meses, a subvención reducirase proporcionalmente.

Este Comité considera que debería especificarse en relación a que se realiza a redución proporcional ou proceder a súa baremación.

Quinta.- Artigo 11º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente cos obxectivos da orde a redución de catro puntos establecida neste apartado, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.



Sexta.- Artigo 14º. Subvención para o fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral.
Este Comité considera que debería suprimirse do apartado 4 deste artigo a expresión “se resulta viable” e establecer un prazo xeral máis amplo que o de 1 ano, podéndose concretar, de ser o caso, un prazo menor na resolución de concesión en función da complexidade do proxecto empresarial.

Sétima. - Artigo 16º. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro de 2012.

Este Comité entende que non se debería fixar unha data concreta e pechada, propoñendo que se estableza un prazo razoable, a contar desde a publicación oficial da norma.

Oitava. - Artigo 23º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo prohibe que os incentivos regulados no proxecto normativo podan superar, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que estes límites deberían figurar expresamente na orde, polo que propón que se especifiquen no texto do artigo.

Novena. - Artigo 24º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que neste artigo aparece a letra j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola que corresponda.

Décima. - Artigo 26º. Revogación e reintegro.
Este Comité considera que debería incluírse un novo apartado neste artigo no que se concretaran as condicións para o reintegro parcial das cantidades percibidas.

Décimo primeira. - Artigo 29º. Axudas de minimis.
No punto 2 deste artigo obsérvase unha referencia a sectores, incluíndo no apartado c) “actividades relacionadas coa exportación”, algo que non é propiamente un sector.

Este Comité considera que a redacción do punto 2 debería quedar como segue:
“2.- Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderán concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Carbón, segundo se define no Regulamento (CE) nº 1407/2002.

Asemade, tampouco poderán concederse ás empresas que desenvolvan actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados Membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.”

Décimo segunda. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 8º. Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas.
No apartado 1 deste artigo establécese una subvención equivalente ao 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería manterse a redacción da orde do exercicio anterior que subvencionaba a totalidade da cota, tanto patronal como obreira.

Segunda. - Artigo 11º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 2 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Artigo 9º. Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción.
O apartado 2 deste artigo establece como límite á contía desta axuda o 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, calculados sobre 24 mensualidades.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DOS SINDICATOS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 5º. Contratos de traballo subvencionables.
Observando que se suprimiu do apartado 1 deste artigo a referencia ao Decreto 156/2007, do 19 de xullo, as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia, así como a CEG consideran que debería incluírse, neste mesmo apartado, unha mención á lexislación estatal aplicable, quedando a redacción como segue: “1. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social segundo a lexislación estatal aplicable e as empresas de inserción laboral terán que reunir as seguintes características para ser subvencionables:”

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

Artigo 4º. Suxeitos e persoas beneficiarias da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.

ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS SN DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG:

Disposición adicional terceira.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que debería ampliarse a dotación orzamentaria para o financiamento das novas axudas reguladas no apartado 2 do artigo 6º, e non proceder á distribución do crédito existente para esta convocatoria minorando a contía destinada ás axudas ás empresas de inserción laboral.