ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 6 de xullo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que o traballo autónomo constitúe un sector de importancia fundamental na creación de emprego e riqueza e no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

Por outra banda, a Lei 5/2011, do 29 de marzo, de Economía Social establece que os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral forman parte das entidades que integran a economía social. Así, esta lei dispón que as entidades da economía social poderán constituír asociacións para a representación e defensa dos seus intereses, e no seu artigo 8 recoñécese como tarefa de interese xeral a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades da economía social e das súas organizacións representativas, respectando as competencias das comunidades autónomas.

Neste contexto, esta orde establece axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento, infraestrutura e mantemento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer á súa estrutura.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 11 de febreiro de 2011 e tendo en conta o ditame 50/10, emitido polo Consello con data 23 de decembro de 2010, obsérvase que foron tidas en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Deste novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Ao programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas engádense, para este exercicio, os programas de axudas ás entidades asociativas de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral (artigo 1º).

Nesta convocatoria introdúcese a posibilidade de presentación electrónica das solicitudes de subvencións a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (artigo 5º).

Poderán realizarse pagamentos á conta da subvención concedida que suporán a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada. O importe destes pagamentos non poderá ser superior ao 80% da subvención concedida (artigo 10º).

Obsérvase unha diminución do importe dos créditos dispoñibles para esta convocatoria (Disposición Adicional Terceira).

Polo que se refire ao programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas, o Anexo A – Base Quinta establece como contía máxima das subvencións 40.000 euros, dispoñendo que poderá subvencionarse ata o 90% dos gastos subvencionables sendo o 10% restante por conta da entidade beneficiaria.

Na documentación que debe presentarse xunto coa solicitude (Anexo A – Base Sexta), introdúcese a obriga de presentar as últimas contas anuais aprobadas acompañadas da certificación acreditativa expedida polo representante legal e a documentación acreditativa de que se atopan ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social no suposto que a entidade solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións.

Modifícase a puntuación dalgúns dos criterios de valoración das solicitudes, establecéndose unha puntuación máxima de 150 puntos para a comparación das solicitudes presentadas (Anexo A – Base Sétima).

O programa de axudas ás entidades asociativas de centros especiais de emprego ten por obxecto sufragar os seus gastos de organización interna e funcionamento coa finalidade de apoiar a consecución e o cumprimento dos fins que lle son propios (Anexo B – Base Primeira).

As entidades solicitantes deberán reunir os requisitos relacionados no Anexo B – Base Segunda. Serán subvencionables os gastos que respondan á natureza da actividade subvencionada realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2012 (Anexo B – Base Terceira).
Poderá subvencionarse, cunha contía máxima de 10.000 euros, ata o 90% dos gastos sendo o 10% restante por conta da entidade (Anexo B – Base Quinta).

As solicitudes deberán ir acompañadas da documentación establecida no Anexo B – Base Sexta e serán valoradas de acordo cos criterios recollidos no Anexo B – Base Sétima.

Por último, no Anexo C – Base Segunda establécense os requisitos que deben reunir as entidades solicitantes para ser beneficiarias do programa de axudas ás entidades asociativas de empresas de inserción laboral.

Serán subvencionables os gastos, realizados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2012, relacionados no Anexo C – Base Terceira ata o 90%, cunha contía máxima de 7.500 euros (Anexo C – Base Quinta).

A valoración das solicitudes presentadas ao abeiro deste programa efectuarase de acordo cos criterios recollidos no Anexo C – Base Sétima.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais, dúas derradeiras e tres anexos.


O día 18 de xullo de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia.








DITAME 17/2012



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 6 de xullo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de xullo de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité considera que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son conceptualmente dunha excesiva flexibilidade e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñemos que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas.

Segunda.

Este Comité considera que non se xustifica suficientemente na exposición de motivos a decisión de agrupar nunha mesma orde ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas con entidades asociativas de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral, dado que son entidades con finalidades moi dispares.

Terceira.

Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa vixente para a escrita da lingua galega, corrixindo as enumeracións nas que se utilizan as letras j e k (anexos A, B e C, bases 3, 4 e 6), letras que non son propias do alfabeto galego, considerando que deben substituírse polas seguintes que correspondan.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Tendo en conta que o procedemento de concesión das subvencións tramítase en réxime de concorrencia competitiva (artigo 7.2 do proxecto normativo), este Comité propón que o prazo de tres meses para resolver se compute desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes e non desde a data de entrada de cada solicitude no rexistro.

Segunda.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Terceira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Cuarta. – Anexo A. Base terceira. Gastos subvencionables.
O apartado 1 deste artigo establece que serán subvencionables os gastos realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de outubro de 2012.

Este Comité considera que, para os efectos de subvencionar un exercicio completo, o período debería ser o comprendido entre o 1 de novembro de 2011 e o 31 de outubro de 2012.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base terceira e para o anexo C, base terceira.

Quinta. Anexo A. Base quinta.- Contía das subvencións.
No apartado 2 deste artigo establécese que a contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 20.000 €.

Este Comité propón que a redacción deste apartado sexa a que figura na Orde do 1 de xuño de 2010, que establecía a posibilidade de rateo do importe do crédito existente.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base quinta (10.000 €) e para o anexo C, base quinta (7.500 €).

Sexta.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
Tendo en conta que na base sexta do Anexo A se esixe que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados aos seus asociados, este Comité propón que se engada como criterio de valoración o que establecía o apartado 1.d) do artigo 11º da orde do exercicio 2010 : “d) Actividades realizadas no exercicio 2011 e servizos que prestan aos seus asociados: Ata 15 puntos”.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima e  para o anexo C, base sétima.

Sétima.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado d) desta base valóranse, ata 15 puntos, os acordos de interese profesional concertados.

Este Comité considera que deberían manterse a valoración de ata 10 puntos que establecía a orde do ano anterior, dado que non aparece xustificación axeitada para este incremento.

Oitava.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado 1.g) desta base valóranse os convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia en ata 10 puntos.

Este Comité considera que se deberían valorar tamén os acordos ou convenios que asinasen coas organizacións empresariais e sindicais máis representantivas de Galicia.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima, 1.g) e para o anexo C, base sétima, 1.g).


ANEXO


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:


Anexo A. Base Sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas. Letras a) ata h) do apartado 1.

As organizacións sindicais UGT- Galicia e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia consideran que non se especifica convenientemente o baremo aplicado para outorgar a puntuación a cada solicitude.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima e para o anexo C, base sétima.