ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento

I. ANTECEDENTES

O día 9 de xullo de 2012 recibiuse no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual da persoa traballadora.

As axudas previstas no proxecto de orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (nun 80%) e pola Administración Xeral do Estado e están incluídas no Programa Operativo Plurirrexional  “Adaptabilidade e Emprego”, imputables ao novo período de programación dos fondos estruturais 2007-2013.


Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 14 de xuño de 2011 e o Ditame 14/11, emitido polo Consello con data 18 de abril de 2011, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

Obsérvase unha notable diminución do importe dos créditos dispoñibles para esta convocatoria (Exposición de motivos).

Os plans de formación poderán executarse desde o 1 de setembro de 2012 ata o 31 de agosto de 2013. As accións vinculadas aos certificados de profesionalidade só poderán executarse a partir da notificación da resolución de concesión e deberán estar xustificados todos os gastos no prazo dun mes desde o seu remate (artigo 3º).

As accións formativas nas que se imparta formación parcial acumulable asociada á obtención de certificados de profesionalidade poderán organizarse en grupos cun mínimo de 10 participantes e co máximo de participantes para os que foi acreditado o centro onde se imparta (artigo 4º).

No relativo á selección do alumnado (artigo 6º), o Servizo Público de Emprego seleccionará ás persoas traballadoras desempregadas que van a participar no plan de formación.

Terá dereito ás axudas o alumnado que teña a condición de desempregado, inscrito como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia na data de inicio do curso (artigo 8º).

Suprímese a compatibilidade das axudas reguladas no artigo 8º coa percepción de prestacións do Servizo Público Estatal de Emprego.

En relación ás axudas de transporte (artigo 8º), mantéñense unicamente as relativas ao transporte público urbano e interurbano.

Engádense as axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero (artigo 8º), cunha contía de 10 euros por día de asistencia. Estas axudas serán compatibles co resto das axudas previstas para o alumnado.

Por outra banda, suprímense, dentro dos plan de formación (artigo 9º), os plans de formación sectoriais integrados por accións formativas dirixidas á formación de persoas traballadoras dun sector produtivo concreto, coa finalidade de desenvolver accións formativas de interese xeral para o mencionado sector e satisfacer as necesidades específicas de formación deste e engádense os plans de formación específicos nos que se imparta formación parcial acumulable asociada á obtención de certificados de profesionalidade.

Dentro da documentación que deberá acompañar á solicitude (artigo 12º), engádese a obriga de achegar os TC2 dos 12 meses anteriores á convocatoria das persoas traballadoras que prestan os seus servizos nas confederacións e federacións de cooperativas e/ou sociedades laborais, nas organizacións representativas de economía social e nas asociacións representativas de persoas traballadoras autónomas, así como a relación de entidades a subcontratar e documentación adicional para o caso de execución dos plans de formación específicos en centros ou entidades acreditados.

No referido tanto á documentación técnica que se achega xunto coas solicitudes (artigo 13º) como aos criterios de valoración (artigo 16º), distínguese entre os plans de formación intersectoriais e os plans de formación específicos nos que se imparta formación parcial acumulable asociada á obtención de certificados de profesionalidade.

Modifícanse as contías dos módulos económicos máximos aplicables para efectos de liquidación das subvencións concedidas para o financiamento dos convenios (artigo 18º).

Os custos das accións formativas poderán imputarse desde un mes antes do inicio do plan, e en ningún caso antes do 1 de agosto de 2012 (artigo 20º).

Aboarase, en concepto de anticipo, ata o 25% do total do orzamento de gastos do convenio. Así mesmo, poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva non superiores ao 80% da subvención concedida (artigo 21º).

Non cabe a subcontratación nos plans de formación específicos nos que se imparta formación parcial acumulable asociada á obtención de certificados de profesionalidade (artigo 23º).

Por último, modifícanse as actuacións a desenvolver para a avaliación da calidade das accións formativas (artigo 27º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 18 de xullo de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén un anexo cunha consideracións xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo I), e un anexo coas consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas pola CEG (Anexo II).  





DITAME 18/2012





En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación intersectoriais e sectoriais dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de xullo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de xullo de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter NON UNÁNIME:




ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E CIG.

CONSIDERACIÓN XERAL

As organizacións sindicais integrantes do Comité Delegado do pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames (UGT, CCOO E CIG) entenden que, sen prexuízo de reiterarse nas consideracións xerais e específicas emitidas de xeito unánime ou polas organizacións que fan parte do organismo, con ocasión de ditames relativos ás normas nesta mesma materia en exercicios anteriores e que non tiveron acollida positiva por parte da Administración, en canto ao proxecto de Orde do ano 2012 que agora nos ocupa, non é procedente a emisión do ditame polas seguintes razóns:

1.-Entendemos que, de consolidarse as asignacións previstas neste exercicio, estaríase a producir unha presunta e moi considerable desviación de fondos procedentes da cota para formación profesional aportada polas persoas traballadoras e polas empresas, que deberían destinarse á formación para o emprego e non a outros programas.

2.-As controversias que ao respecto se suscitaron na última xuntanza da Comisión Galega de Formación Profesional Continua, teñen derivado na previsión dunha nova reunión deste organismo, que está pendente de realizar.

3.-Consideramos que se debe realizar pola administración unha nova proposta que recolla o acordado na Comisión Galega de Formación Profesional Continua, reelaborando consecuentemente o proxecto de Orde, que se debería presentar e debater no seo da dita Comisión, con carácter previo ao seu sometemento ao preceptivo ditame do Consello Galego de Relacións Laborais.

4.-Tendo en conta as razóns de urxencia manifestadas pola administración a respecto da tramitación do proxecto de Orde, deixamos constancia da nosa disposición para que o dito proxecto se poida ditaminar na xuntanza do Comité Delegado prevista para o día vintecatro de xullo.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA


CONSIDERACIÓNS ANTE A CONVOCATORIA DE PLANS DE FORMACIÓN INTERSECTORIAIS, COA INTENCION DA XUNTA DE GALICIA DE NON CONVOCAR AS AXUDAS PARA PLANS SECTORIAIS


1. A formación de oferta recollida tanto no R.D. 395/2007 como na Orde TAS/718/2008, ten como finalidade ofrecer aos traballadores, tanto ocupados como desempregados unha formación axustada ás necesidades do mercado que atendan ao requirimento de produtividade e competitividade da empresa e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal dos traballadores, de forma que lles capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego.

2. Na proposta relativa ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) n.º 1081/2006 do Consello ao Parlamento Europeo da Comisión, onde se propón o presuposto do Fondo Social Europeo para os anos 2014-2020, este presuposto increméntase de 75.000 millóns de euros no período programático en vigor a 84.000 millóns de euros para o período 2014-2020. Este aumento orzamentario está fundamentado na necesidade de fomentar a formación para o emprego en prol dunha maior cohesión social, e en especial faise énfase na Formación Continua ao longo da vida. Calquera rebaixa nas dotacións orzamentarias que afecten á formación continua vai en contra das propostas da Comisión Europea en materia de Cohesión Social.

3. O subsistema de formación profesional para o emprego finánciase principalmente cos fondos provenientes da cota de formación profesional que achegan as empresas e os traballadores, coas axudas do Fondo Social para o Emprego e con achegas específicas establecidas no presuposto do SEPE. O destino dos devanditos fondos ten que ser exclusivamente e na súa totalidade para a formación para o emprego.  Hai que ter en conta que as empresas e os traballadores financian o sistema mediante unha cota de formación profesional DE CARÁCTER FINALISTA, é dicir, que tanto empresas coma traballadores achegan un financiamento estable á formación profesional. O RD 395/2007, indica no seu artigo 6 ("financiamento") que "O subsistema de formación para o emprego se financiará, de conformidade co establecido na Lei de Presupostos Xerais do Estado, COS FONDOS PROVENIENTES DA COTA DE FORMACIÓN PROFESIONAL que achegan empresas e traballadores, coas axudas provenientes do Fondo Social Europeo e coas achegas especificas establecidas no presuposto do Servizo Público de Emprego Estatal". Consideramos que se está a materializar un recorte destes fondos.

4. Consideramos que o feito de que o presuposto habilitado para plans de formación intersectorial sexa insuficiente, e a intención de non convocar plans sectoriais fai que se incumpra coas disposicións do RD 395/2007 do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema da Formación Profesional para o Emprego, e especialmente co disposto no seu artigo 24, ao referirse ás organizacións empresariais mais representativas no ámbito autonómico e máis representativas no sector correspondente.

5. Analizando as circunstancias actuais, encontrámonos inmersos nunha crise económica e de emprego con tinguiduras dramáticas, no que se acentúa as perdidas de emprego dada a baixa produtividade e o pouco movemento da economía interna. A eliminación dos plans sectoriais motiva que as nosas Organizacións Empresariais Sectoriais non conten con programación específica para poder recualificar a desempregados de sectores como a construción para os sectores que están a xerar emprego, o que leva consigo un claro retroceso nas estratexias e actividades que as diferentes organizacións sectoriais veñen desenvolvendo co irrenunciable obxectivo de manter e incrementar o grao de competitividade das nosas empresas, así como potenciar a cualificación e empregabilidade dos nosos traballadores, ao tempo que discriminará a formación vinculada directamente aos sectores de actividade e aos seus postos de traballo.

6. Con esta proposta da Xunta de Galicia prodúcese un redución dun 80,33%, recorte excesivo e que pon en risco o cumprimento do artigo 20 do RD 395/2007 que recolle que as administracións competentes adoptarán as medidas necesarias para que a oferta de formación profesional para o emprego sexa ampla, permanente e accesible. Tamén convén recordar que a recente Lei 3/2012, do 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, no seu articulo 2, modifica a letra b) do apartado 2 do articulo 4 do Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores no que recolle como dereito dos traballadores "... a promoción e formación profesional no traballo, incluída a dirixida á súa adaptación ás modificacións operadas no posto de traballo, así como ao desenvolvemento de plans e accións formativas tendentes a favorecer o seu maior empregabilidade.
Por todo iso non se xustifica que esteamos a falar neste momento dun recorte dunha dotación de fondos tan escasa (6 millóns segundo o trasladado no seo da CGFC e 6,5 millóns segundo a memoria económica que acompaña o texto) e descoñezamos o destino exacto do conxunto total de fondos transferidos (81.548.566 €).
De feito se o recorte dos fondos transferidos á Comunidade Autónoma supón unha redución en torno ao 60% e non se entende que a realidade do recorte en Galicia supere o 80%.

7. Tampouco ten sentido habilitar unha contía proporcionalmente tan elevada dentro do total dos fondos para centros con ánimo de lucro (Preto do 15% do total de fondos aplicados).
Resulta incomprensible a proposta de minorar aínda mais os plans intersectoriais detraíndo fondos para os sectores. Que a propia Administración nos solicite que lle suxiramos unha repartición da "escaseza absoluta" resulta totalmente incomprensible. Para entender de que estamos a tratar, é conveniente facer algunha aproximación a cifras, e así encontrámonos que estariamos a falar de que unha repartición nos escasos fondos supoñería que, aplicados os parámetros da anterior convocatoria, por exemplo un sector completo como o transporte tería unha axuda total de aproximadamente 70.000 euros, a repartir entre as organizacións solicitantes de viaxeiros, mercadorías, taxi.... que formación real e de calidade pódese dar con 800 euros (importe que lle correspondería a algunha aplicando a proporcionalidade da convocatoria pasada) cando a tendencia é a primar a formación certificable?

8. As Confederacións empresariais aglutinamos e representamos a todos os sectores, tanto aos que en anos anteriores foron solicitantes de plans de formación, coma a aqueles outros que non o son e que cobren as súas necesidades formativas e as dos seus traballadores, coas accións formativas que ano tras ano (e xa van vinte) vimos xestionando e executando as Organizacións intersectoriais. Pero non sería entendible que renunciásemos a que se convoque formación sectorial estrita, ben entendido que dentro dos plans sectoriais en ningún caso deben permitirse accións formativas transversais e intersectoriais, tales como idiomas, ofimática, habilidades directivas, laboral, fiscal, contabilidade e similares, (accións que ata a data foron aprobadas nalgúns plans presentados por organizacións sectoriais) que deben ser cubertos, polas Confederacións como organizacións intersectoriais que son. Na programación do ano 201-2012, máis do 40% das accións formativas integradas dentro dos plans sectoriais tiñan carácter transversal.

9. Finalmente, e pola propia escaseza de fondos, deben excluírse do acceso á convocatoria autonómica a aquelas organizacións que teñan cubertas as súas necesidades formativas con fondos procedentes da convocatoria estatal. Neste sentido, e dados os limitados recursos existentes, deben considerarse conxuntamente os fondos procedentes da convocatoria estatal e a autonómica para evitar que un sector reciba fondos en ambas as dúas convocatorias e resulte favorecido na distribución de fondos con relación a outros sectores. Polo tanto, aqueles deben quedar excluídos da convocatoria para que o mapa da formación en Galicia sexa proporcional en aplicación total de recursos ao número de traballadores en cada sector de actividade.

10. En función da posición da CEG xa trasladada á Comisión, e destas consideracións, mantemos a necesidade de proceder a formalizar unha convocatoria de plans sectoriais de formación habilitando fondos específicos para esta convocatoria, ata chegar a unha proporción similar á de anos anteriores con relación á formación intersectorial e aplicando fondos dos seguintes destinos:
a. Dos fondos transferidos (81.548.566 € do total de formación: desempregados, ocupados e oportunidades de emprego e formación).
b. Da convocatoria específica de sectores como o de autónomos.
c. Das partidas destinadas a Centros con ánimo de Lucro.

11. Por todo iso, instamos á Consellería de Traballo e á Xunta de Galicia á convocatoria de plans de formación sectoriais, cunha repartición equilibrada dos Fondos de Formación Continua, considerando o carácter finalista destes fondos polo que non poden ser destinados a outros recursos que non sexan a súa aplicación a través das organizacións empresariais e sindicais. Sería necesario que por parte da Administración competente se habilitasen os fondos necesarios para poder financiar a formación necesaria a nivel intersectorial e sectorial, ao igual que en exercicios anteriores, xa que os citados fondos teñen carácter finalista e proveñen, na súa gran maioría, das cotizacións empresariais e dos traballadores.
ANTE A PROPOSTA DE BORRADOR DA ORDE

Consideracións ao articulado do proxecto de orde:
Art. 3. - Prazo de execución
Debe aclarase o que se entende por gasto xustificado, e en todo caso permitir ás entidades poder xustificar os seus gastos á finalización da totalidade do plan formativo e non atención aos períodos sinalados neste artigo en tanto en canto o período de execución comprende a totalidade do plan.
Art. 4. - Accións Formativas
4.1. Debería revisarse a obrigatoriedade de realización de módulos transversais que obedecen a unha recomendación o FSE así como o módulo de igualdade xa que na maior parte dos casos os alumnos xa os cursaron, polo que o custo formativo asociado a estes queda infrautilizado e dadas as circunstancias todos os recursos son necesarios.
4.2. Debería aclararse no articulado, ou no seu defecto na guía informativa, o que terá consideración de "diploma oficial" e os termos en que se vai realizar a validación dos módulos, para iso proponse adoptar a redacción establecida no art.º 33 da Leus 2/2007 do traballo en igualdade de Galicia "O alumnado deberá realizar Dito módulo agás que acredite documentalmente ter realizado formación en materia de igualdade de duración igual ou superior ás horas que debe realizar (…) ".

4.3. As entidades de formación non dispoñen de mecanismos que lles permitan contrastar a exención aquí considerada. Polo que debe explicarse como se lles pode esixir este punto.
Art. 6.- Selección do alumnado
O feito de que a selección das persoas desempregadas que vaian participar no plan sexa realizada polo SPE xera numerosas dúbidas sobre como se vai articular o procedemento (criterios de selección, prazos...) e as consecuencias metodolóxicas e de xestión nos que van incorrer as entidades. Por iso proponse detállese o mesmo na Guía de Plans para que as entidades saiban con tempo abondo as implicacións que terá este proceso na execución.

Art. 7.-  Dereitos e deberes do alumnado
En consonancia co exposto anteriormente deberíase eliminar a referencia ao módulo de igualdade para obter dereito a diploma.
Así mesmo o artigo 7.2 di: "Na modalidade presencial, en caso de que as faltas de asistencia dalgún alumno ou alumna superen o 25% das horas lectivas, deberá ser dado/a de baixa na acción formativa. Na modalidade a distancia, teleformación ou na parte correspondente a calquera destas dúas modalidades para a formación mixta serán dados de baixa cando o alumno ou alumna non superen o 75% das avaliacións".

Isto só pódese coñecer unha vez finalizado o curso, nas modalidades de teleformación e distancia. Ata ese momento non se saberá se o alumno realiza ou non as avaliacións necesarias. Na modalidade presencial, dado que só ten interese dar de baixa un alumno cando nos encontramos no primeiro cuarto, que pode ser substituído por outro, consideramos eliminar esta última parte do punto 2, polo que propoñemos a seguinte redacción:
"Terán a obriga de realizar e seguir con aproveitamento as accións formativas, e de facilitar a documentación que lles sexa solicitada pola entidade beneficiaria. "

Art. 8.- Bolsas e axudas
Os conceptos incluídos en cálculo das rendas fan referencia aos traballadores por conta allea pero non aos traballadores por conta propia.
Art. 9.- Plans de Formación
A obrigatoriedade de incorporar os plans de formación intersectoriais un mínimo de accións formativas relacionadas coas novas tecnoloxías e outro tanto para especialidades industriais atendendo á minoración presupostaria debería revisarse á baixa ou no seu caso, eliminarse.
Dados os drásticos recortes que se están a promover dende a Consellería de Traballo, non ten sentido manter as partidas específicas para colectivos como o de autónomos, -que non cotizan en formación e que ademais xa poden participar nos demais plans sectoriais e intersectoriais co que estamos a formular un dobre financiamento de plans para este colectivo-.No concíbese que os autónomos deban ter unha formación específica por organizacións que lles representen, cando as organizacións empresariais son as que maior porcentaxe de autónomos temos afiliados.

Polo tanto e ademais do xa manifestado con respecto aos plans sectoriais, as asociacións de autónomos non deben concorrer aos fondos xa que nin cotizan por este concepto nin o seu marco xurídico regulador é equiparable ao das organizacións empresariais e sindicais.

Art. 12. - Solicitudes
4. En termos xerais os requisitos e os prazos establecidos neste punto supoñen un esforzo para as entidades elevado que compromete recursos e o propio desenvolvemento do plan. Concretamente:
D. Non debería esixirse a acreditación de inscrición dunha entidade no rexistro cando a propia administración posúe a xestión deste, e dispón, polo tanto, da devandita información.
J. A obriga de achegar documentación xustificativa da solvencia técnica e eficiencia económica da entidade coa que se vai subcontratar é un concepto de difícil determinación debe aclarase como se documenta.
K. A documentación requirida supón dificultades para os centros ou entidades acreditadas xa que na situación actual os traballadores propostos para a execución da acción formativa e os efectivamente incorporados na data de inicio poden variar o que causa inconvenientes en tanto en canto esta acción formativa non se poderá iniciar se non hai unha resolución previa da Administración.
Ademais trátase de formación de demanda e non de oferta polo que os participantes acceden á formación de forma directa sen a concorrencia das súas empresas polo que reiteramos que esta documentación é para todos os efectos excesiva.
Art. 13.-  Documentación técnica
1.2 G. As claves de acceso á plataforma web: Ao non estar recoñecida como formación acreditada para a obtención de certificado de profesionalidade na nosa CC.AA. as modalidades de formación a distancia e teleformación non ten cabida esta esixencia.
Art. 16.- Criterios de valoración
1. A promoción dos certificados de profesionalidade cunha maior puntación no baremo non está disputada con accións vinculadas a outras certificacións que tamén deberían puntuar na medida que son igualmente requiridas e valoradas no mercado de traballo, sirva de exemplo as certificacións en linguas estranxeiras.
A incorporación de módulos transversais non debe ser utilizado como criterio na baremación, xa que pode ser un elemento distorsionador das programacións que formulen as entidades e non servir, polo tanto, como criterio diferenciador. En todo caso debería revisarse a idoneidade de establecer módulos deste tipo tendo outras demandas que atender con recursos tan escasos.
2.B. A baremación en función do número de traballadores atende a circunstancias alleas ao solicitante do plan e polo tanto, variable polo que non debería incluírse.
.3 O financiamento do plan en virtude da superación da puntuación técnica e en función das solicitudes presentadas e os recursos dispoñibles tal e como se menciona no articulado pode interpretarse como a perda da concorrencia competitiva e a introdución de criterios subxectivos.
Art. 18.- Módulos económicos máximos
1 La minoración dos módulos máximos vai en contra dos incrementos dos custos sufridos polos servizos e polo tanto poderían repercutir na calidade dos plans que se poñan en marcha. Así mesmo esa minoración afecta en maior medida á modalidade presencial e non tanto a distancia/teleformación sendo esta primeira precisamente a máis afectada polo incremento de custos. Polo tanto non é comprensible esta minoración e debe rectificarse.
5 No caso de formación vinculada aos certificados o módulo económico recollido na web á que se fai referencia só contempla a modalidade presencial, sería conveniente aclarar o custo no caso do resto de modalidades.

Art. 21.- Pagamento e liquidación
Pto.6
A. O anticipo do 25% contemplado non fai senón trasladar ás entidades problemas de tesouraría e sobrecostes para poder financiar as accións. Dadas as dificultades actuais no acceso ao financiamento é un sacrificio demasiado elevado. ademais non se corresponde con outros anticipos que nalgunhas CC.AA. articuláronse e que chegan ao 100%. Por iso debe ampliarse o anticipo ata alcanzar polo menos o 80% sendo como son fondos finalistas.
Nesta liña, é importante establecer un calendario de pagamentos parciais en tanto sexan xustificados parte dos gastos e que facilite ás entidades a liquidez necesaria para poder continuar coa execución dos plans sen que as entidades e os centros teñan que sufrir tensións de tesouraría.

Art. 23.- Instrucións de liquidación
5. A relación de entidades a subcontratar xa facilítase na solicitude (art.12.4j) polo que neste apartado só deberían comunicarse as modificacións ao xa comunicado.
Así mesmo no segundo parágrafo establécese a prohibición de subcontratar con persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención nesta convocatoria que non obtivese subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente, é imposible para as entidades que concorren coñecer esta información polo que debe eliminarse esta mención.
No seu terceiro parágrafo débese aclarar a que porcentaxe corresponde o 20% da subvención, xa que pode entenderse como o custo da acción ou da totalidade do plan ou aos dous conxuntamente.
Finalmente é conveniente que se determine os termos que inclúen no concepto de subcontratación xa que formula dúbidas nalgúns casos como os alugueres de aulas e de material.

Art. 24. -Obrigas das entidades beneficiarias
Pto. 4
B. En canto á obriga de remisión á Consellería a acreditación da formación ou experiencia profesional dos docentes. Enténdese que este apartado fai referencia a aquelas accións orientadas á obtención dun certificado de profesionalidade. De non ser así, debe aclarase a que documentación deberíase enviar para acreditar a experiencia profesional do docente e como se debe contrastar a experiencia do docente.

Así mesmo a experiencia en materia de xénero tanto en horas de formación coma en experiencia profesional é excesiva e a súa acreditación é complexa por iso proponse a seguinte redacción: "... as persoas físicas ou xurídicas encargadas da impartición do módulo sobre igualdade... deberán acreditar documentalmente formación e/ou experiencia profesional en materia de xénero".

Anexos:
Para unha correcta valoración das prioridades sería necesario coñecer os criterios manexados para propoñer estas accións e non outras. Polo que máis alá do anexo sería desexable coñecer estes criterios para poder facer unha valoración na súa xusta medida atendendo ás necesidades dos traballadores e as empresas. así mesmo sería interesante coñecer os criterios de selección da priorización dos Plans específicos dos Centros Integrados en canto ás familias e os módulos formativos seleccionados para coñecer as complementariedades en canto ás demandas de formación.
Ademais, tanto o anexo III como o IV non dan cobertura a sectores específicos que non ven as súas necesidades cubertas nesta materia.
Finalmente, debe revisarse a guía en para a súa adaptación en tempo e forma, na materias nas que fora necesario á presente orde.

Memoria Económica
Manifestamos o noso rexeitamento ás contías aquí reflectidas polos motivos anteriormente expostos, así mesmo as cantidades difiren do que se nos comunicou na CGFC.