ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2012 ata o 30 de novembro de 2012, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego

I. ANTECEDENTES
O día 9 de xullo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2012 ata o 30 de novembro de 2012, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. No Título VII da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social das persoas con discapacidade, establécese como finalidade primordial da política de emprego de traballadores e traballadoras con discapacidade, a súa integración no sistema ordinario de traballo ou, no seu defecto, a súa incorporación ao sistema produtivo mediante fórmulas especiais de traballo protexido, como son os centros especiais de emprego.

O programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle como accións subvencionables as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, nas que se inclúe a subvención do custo salarial dos traballadores e das traballadoras con discapacidade.

Este proxecto normativo dá continuidade á Orde do 11 de outubro, dado que o seu obxecto é regulamentar unicamente as subvencións do custo salarial do cadro de persoal con discapacidade dos centros especiais de emprego para o período do 1 de xullo de 2012 ata o 30 de novembro de 2012, que comprende as subvencións polas mensualidades desde outubro de 2011 a xuño de 2012, xa que se trata dunhas subvencións periódicas ao mantemento dos postos de traballo e deste xeito non queda paralizada a súa concesión e pagamento durante ningún período.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 18 de outubro de 2011 e o Ditame 23/11, emitido polo Consello con data 12 de setembro de 2011, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:
Elimínase a subvención específica para os postos de traballo ocupados por persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33% e por persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65% (artigo 4º).

Introdúcese a posibilidade da presentación da solicitude de forma electrónica, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Con respecto aos centros especiais de emprego que soliciten a súa cualificación con posterioridade ao 18 de novembro de 2011 e/ou inicien á súa actividade con posterioridade á data de finalización do prazo de presentación xeral por ser de nova creación, a solicitude deberá presentarse no prazo do mes seguinte ao remate do primeiro mes polo que se solicita a subvencióne o prazo xeral para a presentación de solicitudes finalizará o 31 de outubro de 2012, aínda que non transcorrese o prazo especifico anterior (artigo 6º).

No apartado da documentación, substitúese a certificación da entidade financieira por unha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á titularidade da conta bancaria (artigo 8º).

Coa resolución de concesión, o órgano xestor proporá conxuntamente un pagamento anticipado do 25% da subvención concedida, a diferenza do establecido na orde anterior (ata o 80%) (artigo 11º). O importe da subvención concedida poderá ser obxecto de modificación en función da documentación presentada para a xustificación do pagamento e poderá dar lugar, no seu caso, a unha resolución complementaria ou revogatoria se o importe xustificado é superior ou inferior ao concedido inicialmente (artigo 10º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2012 ata o 30 de novembro de 2012, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 24 de xullo de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma das organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG.





DITAME 19/12



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de xullo de 2012 ata o 30 de novembro de 2012, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de xullo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xullo de 2012 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Dado que o obxectivo perseguido con este programa é o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, este Comité considera que se debería manter o carácter plurianual das axudas segundo se contempla na orde do exercicio anterior (Orde do 11 de outubro de 2011). En consecuencia, deberíase dotar suficientemente a aplicación orzamentaria que financia estas axudas.

Segunda.
Este Comité non pode ditaminar os anexos xa que non foron remitidos para ditame xunto co proxecto normativo.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Preámbulo.
O oitavo parágrafo do preámbulo fai referencia á agrupación nunha soa orde dos programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego dende o ano 2010.

Tendo en conta que a antedita orde supón o marco normativo de referencia das subvencións obxecto deste ditame, este Comité propón que se mencione expresamente neste proxecto normativo, indicando a súa data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 1º, relativo ao obxecto e finalidade das subvencións.


Segunda. - Artigo 7º. Autorizacións.
Este Comité considera que se debería modificar a redacción do segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo, debido a que a expresión “ ... poderá denegar expresamente o consentimento, daquela deberá ......” resulta confusa.

Terceira.- Artigo 8º. Documentación.
A letra g) do apartado 1 deste artigo establece que as solicitudes da subvención deben ir acompañadas dos recibos de salarios e documento bancario de transferencia que acredite o seu pagamento.

Este Comité considera que existen distintas formas de pago dos salarios ademais da transferencia bancaria, polo que debería permitirse a acreditación  do pagamento cos outros medios existentes.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 12º.1.b), relativo á xustificación do pagamento das subvencións.

Cuarta.- Artigo 8º. Documentación.
Na enumeración deste artigo figuran as letras j) e k), impropias do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúan polas seguintes que correspondan.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 13º.

Quinta.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Sexta.- Artigo 14º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 15º, faise referencia á obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos “concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Sétima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amosános a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.




CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Artigo 4º. Axudas e período subvencionable.

Obsérvase unha diminución da porcentaxe da subvención do salario mínimo interprofesional respecto do proxecto de orde ditaminado por este Comité en data 12 de setembro de 2011 (ditame 23/2011). As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais entendemos que se deberían manter a porcentaxe e o importe da cantidade mínima mensual para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.