ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES
O día 11 de xullo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional cuadraxésimo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha redución durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

A Lei 18/2007, de 4 de xullo, procede á integración dos traballadores e traballadoras por conta propia do Réxime Especial Agrario no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, con efectos dende o 1 de xaneiro de 2008. Créase, dentro deste réxime, un Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios que establece unha redución durante cinco anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas de 40 ou menos anos de idade que sexan cónxuxes ou descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que esta se atope dada de alta nos citados réxime e sistema especial.

Agora, a Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias modifica a Lei 18/2007, do 4 de xullo e amplía a aplicación da redución na cotización á Seguridade Social ás persoas que teñan cincuenta ou menos anos de idade na data da súa incorporación ao sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

Por outra banda, cómpre recordar as previsións contidas na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia relativas ao establecemento de políticas activas de emprego que teñan en conta de xeito prioritario a situación das mulleres no medio rural.

Neste contexto normativo, nesta orde establécese a regulación do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e á súa convocatoria para o ano 2012, dando continuidade aos incentivos e melloras introducidos neste programa desde o ano 2006.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 28 de marzo de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 3 de febreiro de 2011 (Ditame 6/11), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Esta orde elimina a mención como persoas beneficiarias ás mulleres de entre corenta e un e corenta e cinco anos”, quedando incorporadas no epígrafe 1 (persoas de cincuenta ou menos anos) e establece como requisito para acceder á condición de beneficiario que non percibisen subvencións ao abeiro deste programa de incentivos en anteriores convocatorias (artigo 2º).

Introdúcese a posibilidade de presentación das solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (artigo 5º) e, no apartado da documentación, substitúese a certificación da entidade financieira por unha declaración responsable acerca da veracidade dos datos relativos á titularidade da conta bancaria (artigo 6º).

Obsérvase tamén unha redución no prazo para resolver e notificar a resolución, pasando de seis a tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación (artigo 8º).

Finalmente aparece unha minoración do crédito orzamentario consignado, que pasa de 296.137,14 € na orde de 2011 a 140.000 € no proxecto de orde para o 2012 (Disposición adicional sexta).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, sete disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 24 de xullo de 2012 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e quince consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha específica manifestada pola organización sindical UGT-Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II).





DITAME 20/12




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xullo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de xullo de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Este Comité considera que se debería garantir, mediante as oportunas medidas de coordinación interadministrativa, que todas as persoas que se benefician da bonificación estatal sexan informadas, no momento de facer os trámites ante a Seguridade Social, das posibilidades que teñen de acollerse ao programa de incentivos regulado neste proxecto normativo.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité suxire incluír na exposición de motivos, entre as mencións á normativa de aplicación, pola súa relevancia para os efectos desta orde, o Real Decreto 297/2009, do 6 de marzo, sobre titularidade compartida nas explotacións agrarias e a Orde ARM/2763/2009, do 5 de outubro, pola que se regula o rexistro de titularidade compartida de explotacións agrarias.

Segunda.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería engadirse un novo apartado no punto primeiro deste artigo (despois da letra c) que recolla especificamente a condición de titularidade compartida establecida no RD 297/2009.

Terceira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería suprimirse a letra d) do apartado 1 deste artigo, xa que podería darse o caso de que persoas menores de 50 anos, que non teñen a condición legal de cotitulares, non podan solicitar a axuda estatal.



Cuarta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Nos apartados 1.a) e 2 esíxese que a incorporación das persoas beneficiarias ao réxime especial de persoas traballadoras por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para persoas traballadoras por conta propia agrarios, se produza a partir do 1 de outubro de 2011 e ata o 30 de setembro de 2012.

En anteriores convocatorias podía ser beneficiaria das axudas calquera persoa incorporada desde o 1 de xaneiro de 2006. Considérase que este proxecto normativo exclúe ás persoas incorporadas con anterioridade ao 1 de outubro de 2009 que non se beneficiaron das axudas en convocatorias anteriores, polo que este Comité propón manter o prazo do 1 de xaneiro de 2006 establecido en ordes precedentes.

Quinta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O último parágrafo do apartado 2 deste artigo establece que deberá producirse unha continuidade no funcionamento da explotación agraria, de xeito que entre a data de alta no sistema especial da nova titular e a data do feito causante que determina o cambio de titularidade non transcorran máis de 12 meses.

Este Comité considera que se debería eliminar este parágrafo dado que en ordes anteriores non se esixía ningunha condición.

Sexta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 3 deste artigo establece que será requisito para poder acceder á condición de beneficiario das axudas desta orde que non estivesen de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, nos 6 meses inmediatamente anteriores ao mes da súa alta no sistema especial.

Este Comité considera que deberíase manter a redacción que figuraba na orde do exercicio de 2010 (apartado 5), no que se establecía como requisito que as persoas beneficiarias estiveran incluídas no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

Sétima.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
No proxecto normativo que se ditamina obsérvase que se eliminaron como persoas beneficiarias deste programa as que foron beneficiarias en calquera das convocatorias dos anos 2006, 2007, 2008 e 2009, suposto que estaba previsto no apartado 4 do artigo 2º da orde de 2010.

Este Comité considera que deberíase xustificar a eliminación deste suposto, dado que sempre existiu unha continuidade en todos os anos desde que en 2006 comezaron estas axudas.

Oitava.- Artigo 10º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo establécese que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debería substituírse por “estatal ou estatais”.

A mesma consideración formúlase para o artigo 12º.

Novena.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Esta proxecto normativo establece para a nosa comunidade un compromiso de permanencia de alta na seguridade social que este Comité entende como mecanismo de control e, dada a situación actual, non parece oportuna a súa introdución, máxime se se ten en conta que non existe tal referencia na normativa estatal de aplicación e na maioría das ordes das respectivas comunidades autónomas.


Décima.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que a obriga que figura no apartado g) deste artigo debería substituirse pola seguinte: “g) A aceptación da axuda económica implicará a autorización para aparecer na lista pública conforme o previsto no artigo 8º.6 desta orde”.

Décimo primeira.- Artigo 11º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería figurar expresamente no apartado i) deste artigo cales son as restantes obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo segunda.- Artigo 13º. Revogación e reintegro.
Este Comité considera igualmente que neste artigo deberían figurar expresamente os casos e os termos previstos para a revogación e reintegro no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo terceira.- Disposición Adicional Quinta.
Este Comité solicita que se revise a redacción desta disposición á vista do disposto no RD 297/2009 e na Orde ARM/2763/2009.

Décimo cuarta.- Disposición Adicional Sexta.
Esta disposición establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, sendo por importe de 140.000 euros, para o exercicio de 2012.

Dado o carácter da norma que se somete a ditame e a súa finalidade, este Comité reitera a consideración presentada no ditame 6/2011, entendendo que non debería figurar unha limitación de crédito que poda conducir a que algunhas solicitudes que cumpran todos os requisitos (entre eles, a alta da afectada na Seguridade Social) resulten denegadas por insuficiencia de crédito orzamentario.

Seguimos demandando, por tanto, que o crédito disposto para estas axudas se incremente ou a lo menos manteña o importe de exercicios pasados, unha contía que se vira xa reducida a case a metade no ano 2011, e que agora presenta unha nova diminución do 52,72%, que é inaceptable para este Comité, dado o actual contexto e o sector ao que afectan estas axudas.

Décimo quinta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA:

Artigo 3º. Axuda.

Dado que as axudas reguladas nesta orde teñen carácter extraordinario e esixen un compromiso de permanencia de alta na Seguridade Social de tres anos, para a publicación definitiva da orde débese ter en conta que os 3.000€ superarían a axuda equivalente á bonificación autonómica do 20% e do 50% das cotas establecidas para aboar os pagamentos á Seguridade Social neste trienio.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 15º. Devolución voluntaria da subvención.

En base ao establecido na exposición de motivos desta orde polo que se entende o disposto nesta regulamentación como un programa de incentivos para promover a afiliación á seguridade social, e sen menoscabo do disposto na Lei de subvencións de Galicia, resulta paradoxal, dada a especificidade desta liña de axudas, que se prevea nun artigo a posible devolución voluntaria desta subvención, propoñendo a súa eliminación, xa que entendemos que é un aspecto recollido xa na normativa autonómica de referencia.