ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2012

I. ANTECEDENTES

O día 18 de xullo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2012 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro prestadoras de servizos sociais a través da prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 30 de decembro de 2010, publicada no DOG o día 17 de xaneiro de 2011 (artigos 16º e seguintes) e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de decembro de 2010, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 46/10.

As principais novidades do proxecto normativo son:

Neste exercicio desaparecen as outras liñas de axudas e subvenciónase soamente a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio na realización de funcións relacionadas coa dinamización e coa creación de emprego no ámbito das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social (artigo 1º).

As entidades beneficiarias son pois aquelas entidades sen ánimo de lucro que, sendo subvencionadas ao abeiro da Orde do 30 de decembro de 2010, sexan de carácter social que, en execución das políticas activas de emprego, establezan accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social (artigo 3º).

Redúcese a unha aplicación orzamentaria a asignación de crédito destinado ao financiamento das axudas, sendo o seu importe de tan só 950.000 € (artigo 2º).

Os formularios de solicitude axustan o seu contido ao disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia (artigo 6º).

O prazo de presentación de solicitudes, a documentación que se debe acompañar e o procedemento de concesión de axudas non se modifican respecto da orde do exercicio anterior. Tampouco son moi distintos os criterios de valoración das solicitudes, destacándose soamente o que fai referencia ao de outorgar ata 10 puntos aos proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral mediante a contratación indefinida dos técnicos.

Establécense dous novos artigos: un que regula o réxime de aceptación e renuncia da subvención (art.10º) e outro que regula o réxime de substitución de persoas traballadoras (art.12º).

Introdúcense novas obrigas para as entidades beneficiarias (artigo 18º).

Finalmente, engádese unha nova disposición adicional (cuarta), establecendo que os datos serán públicos, aínda que respectando en todo caso o disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2012” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.








O día 31 de xullo de 2012 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.







DITAME 21/2012





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2012”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de xullo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de xullo de 2012, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo cara a unha correcta utilización do galego e a un uso axeitado da linguaxe en materia de xénero, xa que persisten algunhas incorreccións puntuais relativas ao uso do masculino xenérico e unha inadecuada utilización das barras, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


Segunda.
Este Comité non comparte o drástico recorte que o Goberno galego está a aplicar nos diferentes programas polos que se desenvolven en Galicia as políticas activas de emprego; recortes que, nalgúns casos, superan a porcentaxe aplicada nos orzamentos xerais do Estado e restrinxen os colectivos beneficiarios das medidas. Non é entendible que, con case 280.000 persoas desempregadas en Galicia, as medidas para combater o paro non vexan incrementados os seus orzamentos senón que, pola contra, redúcense os recursos e o persoal destinado á atención das persoas paradas contribuíndo a súa vez a incrementar o volume de desemprego.

Asemade, observamos desde este Comité que proxectos normativos como o que hoxe é obxecto de ditame presentaban xa axustes respecto do seu orzamento (dos que fora informado este Comité delegado o pasado mes de xuño), constatándose que a memoria económica e o orzamento destinado para este proxecto de orde non se corresponde coa diminución prevista, un feito que exemplifica a consideración exposta con anterioridade.


Terceira.
O obxecto e a finalidade deste proxecto normativo, tal e como se dispón no seu artigo 1º, é o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública das axudas e subvencións destinadas ao financiamento de accións de fomento do emprego.

Tendo en conta o orzamento dispoñible para esta convocatoria, este Comité pon en dúbida que se poda levar a cabo.








CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
Este Comité considera que non existe xustificación para que se manteña exclusivamente unha determinada tipoloxía de entidades sen ánimo de lucro e se exclúan todas as demais.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: contía.
O apartado 2 deste artigo, ao igual que o apartado 2 do artigo 11º, utilizan a expresión “contía máxima da subvención”; non obstante, a Consellería mantén o reparto das axudas ano tras ano sen actualizar.

Polo exposto e para evitar discrecionalidade, este Comité considera que se debe eliminar o termo “máxima”, co obxecto de que o disposto no artigo 5º.2 sexa realmente o que se aplica.

Terceira. - Artigo 9º. Resolución.
Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva (artigo 8º.1), este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 2 deste artigo deberíase contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non desde o día de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver.

Cuarta. - Artigo 9º. Resolución.
O prazo de seis meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Quinta. - Artigo 18º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Entre as obrigas das entidades beneficiarias, na letra b) do apartado 2 deste artigo establécese a de identificar en conta contable separada todos os ingresos e os gastos referidos a operacións afectadas pola subvención.

Este Comité cre necesario que se especifique que gastos deben de asentarse na devandita conta, se só os que son subvencionables ou todos aqueles que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.

Sexta. - Artigo 18º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No último ítem da letra d) do apartado 2 deste artigo solicítase a presentación do resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF).

Este modelo normalizado ten un prazo de presentación que se estende entre o 2 e o 20 de xaneiro do ano seguinte, polo que este Comité considera que non é viable, nalgúns casos, a presentación deste documento no prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo como se require na orde.

Sétima.- Disposición Adicional Cuarta.
Este Comité considera que os datos de carácter identificativo aos que se fai referencia nos parágrafos primeiro e terceiro desta disposición adicional deberían relacionarse de forma taxativa, non debendo incluírse a expresión “etc...”

Oitava.- Disposición Adicional Cuarta.
No último parágrafo desta disposición faise mención ao artigo 15º.2 deste proxecto normativo cando a referencia debe ser feita ao artigo 18º.3 (nótese que hai un erro na numeración dos apartados).