ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2012

I. ANTECEDENTES.

O día 18 de xullo de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2012, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é establecer as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 18 de agosto de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 23 de xuño de 2011 (ditame 22/11), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

Obsérvase un importante descenso do importe dos créditos dispoñibles para esta convocatoria , que pasa de 6.324.617,97 € en 2011 a 2.000.000 € en 2012 (artigo 1º).

Modifícase o artigo 2º, esixíndoselles ás entidades beneficiarias que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución dos correspondentes proxectos.

Modifícase o artigo 4º, establecéndose unha escala para a contía da subvención, tendo en conta o número de persoas desempregadas no ámbito territorial da entidade beneficiaria. Así mesmo,  en relación co período subvencionable, suprímese a referencia á prórroga da contratación do axente de emprego.

Modifícase o artigo 5º, axustando o seu contido ao disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia.

Engádese a este artigo 5º un novo apartado (6) que establece serán causa de desestimación da solicitude o non axustarse aos termos da convocatoria, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Modifícase o artigo 8º, engadíndose un novo criterio de valoración das solicitudes que se sinala coa letra a): “A agrupación de concellos para a presentación da solicitude (ata 15 puntos)”. Así mesmo, establécese unha puntuación máxima de 58 puntos.

Modifícase o artigo 9º, establecéndose no seu apartado 2 que a resolución poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servizos polo AEDL, cando xa estivera contratado pola entidade local.

Establécese un novo artigo (10º), que regula o réxime de aceptación e renuncia da subvención.

Engádese un novo apartado (4)  ao artigo 12º, relativo aos requisitos e selección dos axentes, establecéndose que non será necesario realizar este proceso de selección cando a persoa a contratar estea prestando servizos na entidade beneficiaria da subvención e cumpra os requisitos establecidos neste artigo.

Engádese un novo apartado (2) ao artigo 15º, relativo á xustificación e pagamento, establecéndose que, se é o caso, a comprobación da permanencia en alta na Seguridade Social realizarase polo Servizo de Promoción do Emprego da respectiva xefatura territorial a través das correspondentes aplicacións informáticas, cando a persoa estivera xa contratada pola entidade local.

Elimínase o artigo 18 da Orde do exercicio pasado, relativo á prórroga da subvención.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2012” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 31 de xullo de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as consideracións xerais e específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).






DITAME 22/2012





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2012, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de xullo de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de xullo de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo xa que obsérvanse erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, como o uso reiterado do masculino xenérico e o emprego ocasional das barras que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité non comparte o drástico recorte que o Goberno galego está a aplicar nos diferentes programas polos que se desenvolven en Galicia as políticas activas de emprego; recortes que, nalgúns casos, superan a porcentaxe aplicada nos orzamentos xerais do Estado e restrinxen os colectivos beneficiarios das medidas. Non é entendible que, con case 280.000 persoas desempregadas en Galicia, as medidas para combater o paro non vexan incrementados os seus orzamentos senón que, pola contra, redúcense os recursos e o persoal destinado á atención das persoas paradas contribuíndo a súa vez a incrementar o volume de desemprego.

Asemade, observamos desde este Comité que proxectos normativos como o que hoxe é obxecto de ditame presentaban xa axustes respecto do seu orzamento (dos que fora informado este Comité delegado o pasado mes de xuño), constatándose que a memoria económica e o orzamento destinado para este proxecto de orde non se corresponde coa diminución prevista, un feito que exemplifica a consideración exposta con anterioridade.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 8º.- Criterios de valoración das solicitudes.
Na letra i) do apartado 1 deste artigo establécese que se valorará con ata 3 puntos o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.
Este Comité considera que, en coherencia cas restantes ordes, se debería valorar con ata 5 puntos.
Segunda.- Artigo 9º.- Resolución e recursos.
Obsérvase que neste proxecto normativo suprimiuse parte do contido do apartado 2 deste artigo respecto da Orde do exercicio de 2010, propoñendo este Comité que se volva a incluír o que nel se dispoñía: “A resolución pola que se conceda a subvención, que será motivada e individualizada, e que se lles deberá notificar aos interesados nos termos previstos no devandito artigo...”.

Terceira.- Artigo 9º.- Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses, contados a partir da entrada da solicitude no rexistro, prazo que se considera excesivo.
Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de dous meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, dado que se aplica o réxime de concorrencia competitiva.


Cuarta.- Artigo 12º.- Requisitos e selección dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (sic).
Este Comité considera que debería suprimirse a parte final do apartado 3 deste artigo na que se elimina a obriga da inscrición como demandantes de emprego das persoas a contratar, no caso de acudir a outros procedementos de selección por non atopar candidatos idóneos.

Quinta.- Artigo 14º.- Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.
Este Comité considera que debería modificarse o título deste artigo polo seguinte: “Adaptación inicial e actualización permanente de formación de axentes de emprego e desenvolvemento local”.

Sexta.- Artigo 16º.- Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.
No apartado 1 deste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas pola seguintes que correspondan.

Sétima.- Disposición Adicional Cuarta.
Este Comité considera que os datos de carácter identificativo aos que se fai referencia nos parágrafos primeiro e terceiro desta disposición adicional deberían relacionarse de forma taxativa, non debendo incluírse a expresión “etc...”

Oitava.- Disposición Adicional Cuarta.
No último parágrafo desta disposición adicional faise mención ao artigo 15º.2 deste proxecto normativo cando a referencia debe ser feita ao artigo 16º.2.




ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CC.OO DE GALICIA:

Este Comité considera que debería terse en conta, nas funcións dos axentes de emprego e desenvolvemento local que se regulan neste proxecto de orde, a posible colaboración dos plans de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL cos pactos locais ou territoriais de emprego tal e como figura no artigo 8º.1.e), incluíndose así mesmo unha referencia á normativa reguladora desta cuestión na exposición de motivos.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Consideración xeral.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneizar as ordes que emite a Consellería de Traballo e Benestar en materia de contratación de axentes de emprego.

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito de que, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, no apartado de asignación de contías e asignación orzamentaria, establécense criterios diferentes respecto do proxecto normativo que estamos a ditaminar.


Consideración específica.
Artigo 12º.- Requisitos e selección dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (sic).
No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másters e posgraos que teñen relación co ámbito de xestión empresarial (empresariais, económicas ou outras).

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se faga esa priorización.