ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 30 de novembro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A finalidade destas axudas é o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, principalmente as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, así como a realización de actividades de fomento do emprendemento realizadas en rede.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 18 de xaneiro de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de novembro de 2011 (Ditame 28/11), obsérvase que foron aceptadas varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

A contía máxima da subvención non poderá exceder de cen mil euros (100.000 €) por entidade beneficiaria para a modalidade de actividades en rede e de cento cincuenta mil euros (150.000 €) para a modalidade de gastos normais de funcionamento (artigo 3º).

Modifícanse, así mesmo, os límites de investimento subvencionable para as actividades divulgativas e formativas de duración superior a 10 horas ata un máximo de catro mil euros (4.000 €) e por asistencia a feiras, mostras e congresos cun máximo de tres mil euros (3.000 €) (artigo 3º).

A contía do crédito orzamentario previsto para esta convocatoria é de 550.000 euros fronte aos 600.000 euros da convocatoria para o ano 2012 (artigo 7º).

Con respecto aos gastos normais de funcionamento e de promoción do cooperativismo e economía social, destinaranse 300.000 euros de fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 7º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, oito artigos, dúas disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 17 de decembro de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.



DITAME 24/2012




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de novembro de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de decembro de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-
Este Comité solicita a modificación das bases reguladoras contidas na Orde do 25 de febreiro de 2011 na liña do manifestado no seu ditame 51/2010.

Segunda.-
Este Comité considera que xunto á referencia da orde aplicable debería especificarse, en todos os casos, o DOG no que a antedita norma se publica.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.- Artigo 3º. Contía e límites das axudas.
Este Comité considera que se debería coordinar a formación establecida nas letras a) e b) do apartado 3 deste artigo cos programas de formación para o emprego.

Segunda.- Artigo 4º. Presentación de solicitudes.
Nas letras a) e g) deste artigo solicítase copia compulsada da documentación que debe acompañar ás solicitudes.

Este Comité considera que se debería admitir a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Terceira.- Artigo 4º. Presentación de solicitudes.
Este Comité considera que debería modificarse a redacción da letra d) deste artigo pola seguinte: “Memoria aprobada polo órgano competente e asinada polo representante legal, segundo modelo que figura como anexo II desta orde”.


Cuarta.- Artigo 4º. Presentación de solicitudes.
Este Comité considera que debería substituírse no penúltimo parágrafo deste artigo a expresión “Permanecen válidos os anexos” por “Deberán cumprimentarse os anexos” que se recollen na Orde do 25 de febreiro de 2011.

Quinta.- Disposición Adicional Segunda.
Obsérvase que nesta disposición faise referencia á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais que debería substituírse por “Dirección Xeral de Traballo e Economía Social” de conformidade coa nova estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

Igual consideración formúlase respecto da Disposición derradeira primeira (sic).

Sexta.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.