ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 14 de decembro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre Rexistro e Depósito de Convenios Colectivos de Traballo ten como finalidade a mellora dos procedementos de tramitación e rexistro dos convenios e acordos colectivos ao integralos no marco dos procedementos con funcionamento a través de  medios electrónicos.

Esta norma establece a obriga do actual Ministerio de Emprego e Seguridade Social e das restantes autoridades laborais con competencias en materia de convenios colectivos de traballo, de dotarse do seu propio rexistro. Para dar cumprimento a esta normativa a Consellería de Traballo e Benestar publicou a Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 28 de setembro de 2012, publicábase o Real decreto 1362/2012, do 27 de setembro, polo que se regula a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos, o cal modifica o antedito Real decreto 713/2010.

En consecuencia, a referida modificación obriga, así mesmo, a modificar a Orde do 29 de outubro de 2010 para darlle a redacción axeitada.




Este proxecto normativo regula os seguintes aspectos:

Modifícase a redacción da letra a) do apartado 1 do artigo 2º da Orde do 29 de outubro de 2010 no sentido de incorporar como actos inscritibles os acordos parciais a que se refire o artigo 86 do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores.

Suprímese do último parágrafo do apartado 4 do artigo 4º da referida Orde do 29 de outubro de 2010 a obrigatoriedade de cubrir o anexo 2.IV ao principio de cada un dos anos ou períodos.

Modifícase o título de “Disposición adicional” polo de “Disposicións adicionais” e a denominada “Única” pasa a denominarse “Primeira”.

Por último, engádese unha nova disposición adicional denominada “Segunda.- Depósito de acordos, laudos arbitrais e decisións da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos ou órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia sobre inaplicación de condicións de traballo previstas nos convenios colectivos”.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se modifica a Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, un artigo e unha disposición derradeira.















DITAME 1/2013





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 29 de outubro de 2010 pola que se crea o Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de decembro de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de xaneiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira.-  Exposición de motivos.

No último parágrafo cítase o Decreto 109/2012, do 22 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar. Este Comité considera que debería actualizarse a referencia normativa citándose o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia.


Segunda.- Artigo único, epígrafe 4, segunda.

No primeiro parágrafo e ao longo da disposición adicional fanse varias referencias a: “da Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos ou o órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia”. Este Comité manifesta que na creación dese órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia deberían terse en consideración os criterios que ao respecto estableza o Consello Galego de Relacións Laborais como o órgano capital en Galicia en materia de negociación colectiva.



Terceira.- Artigo único, epígrafe 4, segunda, apartado 1.c).

Onde di: “Os acordos e laudos arbitrais polo que....”, debe dicir: “Os acordos e laudos arbitrais polos que...”.

Cuarta.- Disposición derradeira única.

Este Comité entende que debería de substituírse o termo “derradeira” por “final” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Figura ademais neste borrador que: “a presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación”. Por razóns dun axeitado coñecemento e publicidade da norma debería establecerse a entrada en vigor ao día seguinte da súa publicación.

Así mesmo, a data que figura no borrador remitido a este Consello debe de actualizarse ao ano 2013.































ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO DE GALICIA E CIG:


Primeira.- Tratándose neste proxecto normativo de desenvolver aspectos dun real decreto derivado da reforma laboral de 2012 que se atopa recorrido xudicialmente por algunhas organizacións sindicais que fan parte deste Comité e atopándose admitido a trámite un recurso de inconstitucionalidade que afectaría a algunha das materias recollidas neste proxecto, as organizacións sindicais que fan parte deste Comité manifestan as súas reservas respecto do contido e oportunidade desta norma.

Segunda.- No texto do borrador sometido a ditame deste Comité, cítase en varias ocasións a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos. Este Comité de ditames manifestouse en reiteradas ocasións respecto do emprego do termo “nacional” dun xeito incorrecto. Consonte con estas manifestacións precedentes, as organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG, propoñen á Xunta de Galicia que inste da Administración do Estado os cambios legais necesarios para substituír a denominación Comisión Nacional por Comisión Estatal para evitar confusións interpretativas.



























ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO DE GALICIA E CIG:


Artigo único, apartado 1.
Recóllese neste artigo unha referencia ás: “revisións salariais que se realicen anualmente nos convenios plurianuais...”.  As organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG, propoñen suprimir a referencia temporal “anual” e “plurianual”, por canto enténdese que as revisións poden ter unha periodicidade inferior ou superior á anualidade.