ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción

I. ANTECEDENTES

O día 26 de decembro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, como marco xeral, persegue  ante todo a prevención e inclúe o propósito de fomentar unha auténtica cultura preventiva, mediante a promoción da mellora da formación na devandita materia.

O Real decreto 162/1997, do 24 de outubro, que establece disposicións mínimas de seguridade e saúde nas obras de construción, introduce e regula no seu capítulo II a figura do coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante as fases de proxecto e execución de obras. O/a coordinador/a en materia de seguridade e saúde durante a elaboración do proxecto de obra é a persoa técnica competente designada polo promotor/a para coordinar, durante esta fase, a aplicación dos principios xerais da prevención. O/a coordinador/a en materia de seguridade e de saúde durante a execución da obra é a persoa técnica competente integrada na dirección facultativa, designada polo promotor/a para levar a cabo as tarefas definidas na normativa de referencia.

O obxecto deste regulamento é o establecemento dos requisitos mínimos que deben cumprir as entidades públicas e privadas interesadas en colaborador coa  Consellería de Traballo e Benestar para a impartición do curso “Coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción”, coa finalidade de garantir a calidade dos medios materiais e docentes que se destinen á cualificación dos/as profesionais que actúen como coordinadores de seguridade e saúde nas obras de construción así como para promocionar a súa formación na materia.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 25 de marzo de 2009 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 16 de febreiro de 2009 (Ditame 8/09), obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Engádese como requisito de carácter xeral que deben reunir os centros (artigo 2º), os medios tendentes a facilitar a accesibilidade universal. Por outra banda, cando así se determine por razóns xustificadas, poderase autorizar que as instalacións de dirección e coordinación estean en locais distintos a onde se sitúan as aulas.

Con respecto aos requisitos específicos (artigo 2º), as aulas teórico-prácticas deberán contar cun espazo mínimo de 2 metros cadrados por cada membro do alumnado e o centro non se poderá acreditar para unha capacidade inferior a 15 persoas alumnas, cun máximo de 25 por aula.

O profesorado deberá contar con titulación académica de arquitecto, arquitecto técnico, enxeñeiro ou enxeñeiro técnico, certificado de aptitude pedagóxica ou formación metodolóxica como formador, ou formación en prevención de riscos laborais de nivel intermedio ou superior ou experiencia docente mínima de 60 horas e experiencia acreditada como técnico de seguridade e saúde laboral de conformidade co disposto no artigo 2º.

Poderán participar como relatores invitados ao curso, profesorado de recoñecido prestixio ou experiencia en materias específicas do programa, cunha participación máxima do 10% da duración do curso (artigo 2º).

O presente proxecto normativo establece no seu artigo 3º que as entidades deberán formalizar a correspondente solicitude en exemplar duplicado.

Engádese que, para o caso do profesorado, a xustificación do cumprimento dos requisitos establecidos realizarase na forma recollida na letra c) do artigo 3º.

En relación á tramitación (artigo 4º), incorpórase a necesidade de informe do órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais sobre a adecuación do cumprimento dos requisitos dos puntos 2.1 e 2.2 do presente proxecto de orde.

Polo que se refire ao procedemento administrativo para a impartición dos cursos (artigo 7º), engádese a obriga de que o escrito de comunicación da data prevista de inicio vaia acompañado, entre outros requisitos, da designación da persoa que dirixa o curso e, como mínimo, do lugar de realización, horario, lugar das titorías e cadro do profesorado.

Non poderá figurar no programa o profesorado que non fora previamente comunicado e expresamente aceptado unha vez comprobados os requisitos establecidos (artigo 7º).

Ademais, deberán detallarse os relatores invitados, indicando o tema da súa intervención e a súa duración (artigo 7º).

Neste proxecto de orde engádese un novo artigo (artigo 11º), no que se regula a organización dos datos de experiencia profesional no Rexistro de coordinadores e coordinadoras en materia de seguridade e saúde en obras de construción da Comunidade Autónoma de Galicia.

Finalmente, incorpóranse unha disposición transitoria e unha derrogatoria.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción” consta de: Exposición de motivos, once artigos, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas finais.

O día 10 de xaneiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestadas, unha, polas organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo I) e outra polo sindicato UGT-Galicia (Anexo II).






DITAME 2/2013





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o procedemento para a acreditación das entidades formativas para a impartición do curso de coordinador/a en materia de seguridade e saúde nas obras de construción, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de decembro de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de xaneiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións, como a utilización do masculino xenérico e o uso abusivo das barras, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda
Este Comité valora positivamente a aceptación da meirande parte das consideracións emitidas no Ditame 8/09 sobre a norma precedente.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 3º.- Solicitudes.
Este Comité considera que a expresión “de ser o caso” debería engadirse ao final da letra d) do apartado 1 deste artigo e suprimila da letra c).

Segunda. Artigo 5º.- Resolución.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo máximo de resolución dos expedientes é de seis meses, contados desde o día seguinte ao da recepción da solicitude nos servizos centrais da Consellería de Traballo e Benestar. Este Comité considera este un prazo excesivo, polo que se propón que sexa de tres meses.

Terceira. Artigo 7º.- Procedemento administrativo para a impartición dos cursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que deberá remitirse a relación do alumnado que inicia a formación, non podéndose producir novas altas, sendo obrigado comunicar calquera baixa de alumnos/as.

Este Comité propón que esixa tamén a relación do alumnado suplente e que se permita cubrir con este as baixas producidas nas 20 primeiras horas desde o inicio do curso.

Cuarta. Disposición derogatoria (sic).
Obsérvase que nesta disposición figuran os termos “derogatoria” e “derogada”, inexistentes no idioma galego, que deberían substituírse polo termos “derrogatoria” e “derrogada”, respectivamente.

Quinta. Anexo da documentación.
Obsérvase que ao final deste anexo establécese que os documentos marcados presentaranse en fotocopia compulsada. Este Comité considera que, en concordancia co disposto no apartado 4 do artigo 3º deste proxecto normativo, tamén debería admitirse a fotocopia cotexada.

ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA, SN. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 7º.- Procedemento administrativo para a impartición dos cursos.
No apartado 1 deste artigo establécese que a data prevista de inicio de cada curso deberase comunicar por escrito cun prazo mínimo de 15 días previos ao inicio do mesmo.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia propoñen que ese prazo mínimo sexa de 7 días.

ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POR UGT-GALICIA:

Artigo 3º.- Solicitudes.
No apartado 4.1 deste artigo esíxese con carácter xeral unha serie de documentación, entre a que figura planos oficiais dos inmobles e instalacións (apartado e), memoria de inmobles e instalacións (apartado f), xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo (apartado g) e licencia municipal de apertura (apartado h).

A organización UGT-Galicia considera que nos locais de patrimonio sindical acumulado estes requisitos son de difícil cumprimento, polo que propón que, nestes casos, se substitúa a documentación esixida por unha certificación da persoa representante legal da entidade.