ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/12

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2013.

I. ANTECEDENTES

O día 23 de novembro de 2012 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, correspondentes ao exercicio de 2013, ao abeiro do disposto na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, polo que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, modificada parcialmente pola Orde ESS/1727/2012, do 2 de agosto, que regula o subsistema de formación profesional para o emprego. Este Real Decreto contempla a formación de oferta entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 30 de decembro de 2011, publicada no DOG o 10 de xaneiro de 2012, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de decembro de 2011 (ditame 30/11), obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:


A novidade máis destacada deste proxecto normativo é a supresión da vía de programación recollida no punto 1b do artigo 15 da orde do exercicio pasado, correspondente ás especialidades formativas recollidas no Anexo IV, onde non existise centro inscrito ou acreditado, que podían solicitar os centros e entidades de formación inscritos ou acreditados no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar.

O prazo de presentación das solicitudes será ata o 31 de maio para a vía de programación establecida no artigo 15.2 (artigo 3º).

Suprímese como criterio de avaliación das solicitudes da vía de programación do artigo 15.1 a puntuación negativa de ata -5 puntos para aquelas entidades que non cumprisen o seu compromiso de prácticas na convocatoria anterior e valorarase con ata -20 puntos a aquelas entidades que non cumpriran o seu compromiso de inserción (artigo 4º).

Na relación da documentación que deben remitir as entidades beneficiarias (artigo 6º) engádense, antes do inicio do curso, os documentos nos que se reflicta a metodoloxía utilizada para o cálculo e imputación dos gastos e a porcentaxe que se imputa cando se trate dunha imputación parcial de gastos directos ou dunha imputación de gastos comúns a varias actividades e, no prazo de 15 días desde o seu remate, os extractos do libro maior no que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

Ademais, establécense como obrigas das entidades beneficiarias (artigo 6º), a de conservar os documentos xustificativos da aplicación da subvención durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo ou a partir do ano no que tivera lugar o peche parcial, de ser o caso; dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable e dispor de follas de reclamación a disposición de todos os usuarios.

No referido á determinación das subvencións para a acción formativa (artigo 7º), o módulo económico aplicable ás prácticas non laborais en empresas será de 5,5 euros por alumno ou alumna e hora de práctica nas accións formativas de especialidades conducentes á obtención de novos certificados de profesionalidade.

En relación cos custos subvencionables para a contratación con empresas docentes (artigo 9º), engádese a obriga de achegar tres ofertas, como mínimo, de diferentes provedores con carácter previo á contratación do servizo.

Nos proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata nos que houbese subcontratación, a suma dos custos asociados non poderá superar o 10% do custo subvencionado para a impartición da acción formativa, excluídas as axudas ao alumnado, agás que se imparta unha acción formativa do Anexo IV, no que o límite será do 15% (artigo 9º).

No referente ás accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, unicamente se poderá incorporar alumnado durante os cinco primeiros días lectivos desde o inicio da acción formativa, sempre que non se superara o primeiro cuarto. Superados estes días só poderá incorporarse, dentro dos cinco primeiros días do módulo, o alumnado que teña pendentes módulos formativos para finalizar a súa formación e sempre que non se superase o primeiro cuarto (artigo 18º).

Polo que se refire aos deberes do alumnado (artigo 23º), engádese como causa de exclusión incorrer en cinco incumprimentos horarios nun mes sen xustificación.

O alumnado que teña cursado con aproveitamento algún módulo formativo dos que integran especialidades vencelladas a novos certificados de profesionalidade non poderán volver a realizalo, sempre que esa formación sexa acreditable (artigo 23º).

En relacións ás prácticas en empresas nas accións formativas correspondentes aos novos certificados de profesionalidade (artigo 25º), o alumnado só poderá realizar o módulo de prácticas cando superase a formación teórica e asistise, como mínimo, ao 75% das horas lectivas de cada módulo e será obrigatoria a impartición en empresas do módulo de prácticas profesionais non laborais.

Para as especialidades formativas solicitadas que non estean incluídas no Ficheiro de especialidades formativas, engádese a obriga para as entidades solicitantes de achegar informe motivado da necesidade de impartición da especialidade (artigo 33º).

Obsérvase un importante descenso do importe dos créditos dispoñibles para esta convocatoria (Disposición Adicional Primeira).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2013” consta de : Exposición de Motivos, tres títulos, trinta e sete artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 27 de novembro de 2012 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións xerais e trinta e seis específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

Contén así mesmo anexos coas consideracións específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG e pola Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 23/2012




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2013”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de novembro de 2012, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de novembro de 2012, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.-
Este Comité observa que a dotación orzamentaria sufriu unha mingua do 34% respecto á dotación inicial prevista na orde do exercicio anterior.

Por outro lado, a contía do financiamento das axudas previstas, tal e como figura nesta exposición de motivos, diminuíu 4.305.204,44€ con respecto á contía que se destinou finalmente para o ano 2012, o que supón un 10,58%. Este Comité non está de acordo coa minoración, nin coas porcentaxes de aplicación nos diferentes programas. A meirande parte desta diminución aplícase á partida de entidades sen ánimo de lucro, cunha diminución do 23%; este Comité entende que, no peor dos casos, esa diminución debería limitarse ao dito 10,58%, e mesmo ser aínda inferior dadas as características das entidades impartidoras.

Consideramos que as diminucións producidas na convocatoria anterior e na actual están a poñer en risco o obxectivo de procurar a formación das persoas desempregadas e o fomento do emprego, polo que se debería incrementar o esforzo económico e máis tendo en conta as actuais taxas de desemprego en Galicia.  

Dadas as circunstancias actuais e a problemática do noso mercado de traballo, é imprescindible unha dotación suficiente que permita poñer en marcha as accións de formación necesarias e de calidade, que sirvan para integrar no mercado de traballo á poboación desempregada, que cada vez ten maiores dificultades.

A aquela minoración súmase a redución dos custos asociados, que pasan de 20% ao 15% o que prexudica enormemente ás entidades beneficiarias no desenvolvemento da actividade formativa coa calidade requirida.

Polo que respecta ao réxime de anticipos, obsérvase que nos pasados exercicios foron sucedéndose sucesivos recortes, pasándose do 80% no 2011 ao 70% no 2012 e ao 25% nesta convocatoria. Aínda coñecendo a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, este Comité suxire que a Xunta de Galicia aprobe unha norma específica para subvencións en materia de formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100, anticipo que xa establece a norma estatal, e mais se temos en conta o disposto na Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede a súa convocatoria para o ano 2012, modificada pola Orde do 22 de novembro, na que se aplica o 80% de anticipo para estes casos.

Todo isto pon en serio risco a posibilidade de impartición para as entidades beneficiarias.

Para evitar os efectos nocivos da diminución do crédito dispoñible para esta convocatoria e atenuar o impacto dos retrasos nas liquidacións das subvencións, este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, suxerindo, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.

Por outra banda, este Comité considera que tanto as bolsas de axuda ao alumnado desempregado como as das empresas nas que se fan as prácticas deberían estar xestionas e pagadas directamente pola Administración da Xunta de Galicia, tendo en conta que o actual sistema está a xerar problemas de liquidez, de índole fiscal e da propia xestión das axudas públicas nun marco subvencional.

Segunda.- Linguaxe en materia de xénero.
Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso reiterado das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (especialmente significativo na utilización de alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, debendo terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Terceira.- Sobre a oferta formativa e programación.
O carácter prioritario dos novos certificados de profesionalidade debe tomarse con cautela, pois aínda que o Decreto 106/2011, de Inscrición e acreditación, foi publicado en xuño de 2011, a administración non está a responder de xeito áxil ás solicitudes de novas homologacións, máxime no momento actual, que están a saír publicados un volume importante de novos certificados de profesionalidade, derrogando moitas das especialidades que as entidades tiñan acreditadas. Así mesmo, deberíase ter en conta, no carácter prioritario, todas aquelas accións que, sen estar asociadas aínda aos novos certificados, teñen éxito polo seu nivel de demanda e polo seu grao de inserción laboral.

O Anexo IV de prioridades formativas modifica cada ano as especialidades prioritarias comarcais, (tamén para os certificados 2008), polo que as entidades que realizaron o esforzo inversor, para acreditarse nos novos certificados de profesionalidade, atópanse cunha grande inseguridade pola falta de permanencia no tempo destas especialidades como prioritarias. As prioridades comarcais deberían ser por familias e áreas profesionais, e cuns tempos mínimos de estabilidade.

Deberíase considerar a posibilidade de reprogramar as accións, nos termos e prazos establecidos pola Administración, e ter en conta a posibilidade de reprogramar aquelas accións que aínda que non estean na solicitude inicial, poidan ter demanda.

Deberíase adiantar o inicio das actividades formativas de modo que os cursos con maiores horas lectivas se poidan desenvolver sen ter que sobrecargar de horas o alumnado.

Ademais, debería contemplarse a posibilidade de facer convocatorias de carácter bianual co obxecto de facer unha programación máis axeitada en horarios e necesidades de formación.

Cuarta.- Aplicación SIFO e xestión administrativa.
Este Comité considera que se debería continuar traballando na mellora da aplicación SIFO para simplificar os procesos, coa finalidade de axilizar os traballos nos centros e garantir o seu funcionamento en todo momento, evitando a introdución manual de calquera tipo de dato por parte dos centros.

Ademais debería estar moi claro, para evitar problemas de incompatibilidade, que debe ser o Servizo Público de Emprego o organismo encargado do recoñecemento e pagamento das axudas (tamén a axuda de transporte que na actualidade recoñece a entidade de impartición), xa que é o propio servizo o que ten a información das axudas percibidas pola persoa asistente aos cursos.

Quinta.- Garantía de financiamento ás entidades.
Este Comité considera que, con independencia de que o alumnado poida non participar nalgún dos módulos da acción formativa, deberíase garantir e concretar expresamente na orde o financiamento total da acción formativa á entidade, independentemente do número total do alumnado que participe en cada módulo.

Sexta.-
Este Comité reclama da Administración unha maior axilidade nos procesos de inscrición de centros e acreditación de especialidades.  



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, deberíase incluír entre estas vías de acceso, unha vía específica para as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación, co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais.

Segunda. - Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
No apartado 1.a) establécese que poderán participar na vía de programación do artigo 15º.1 “Todos aqueles centros e entidades de formación inscritos ou acreditados no rexistro de centros e entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, naquelas especialidades que teñan inscritas ou acreditadas á data de publicación desta orde”.

Este Comité considera que debe permitirse participar aos referidos centros tamén naquelas especialidades que estean en proceso de inscrición ou acreditación á data de publicación da orde.

Terceira.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado, 2.g) indícase que cando as especialidades formativas se correspondan cos novos certificados de profesionalidade, deberán achegar convenio ou acordo coa empresa ou empresas onde se realizarán as prácticas.

Este Comité considera que debe achegarse un compromiso da entidade de realizalas, pero os convenios deberían presentarse cando a acción formativa estivera concedida para non comprometer ás empresas sen necesidade.

Cuarta.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2.i), establécese que xunto coa solicitude se acompañe a xustificación documental de ter cumprido na execución das accións formativas concedidas na convocatoria anterior co compromiso de inserción laboral.

Este Comité propón a eliminación da obrigatoriedade atribuída á entidade beneficiaria da subvención de ter que xustificar documentalmente a inserción laboral do seu alumnado polas seguintes razóns:
1ª. A entidade beneficiaria non dispón de autoridade legal para obrigar ao seu ex-alumnado a comunicar e xustificar documental e suficientemente a súa inserción laboral nun período de seis meses, logo de ter rematado o correspondente curso, o que na práctica supón cando menos unha patente limitación para a entidade.
2ª. A ausencia de recursos económicos específicos habilitados para a realización deste traballo, unha vez rematada a acción formativa.

En todo caso, este Comité considera que debería quedar máis claro e concretarse o procedemento que teñen os centros de xustificar o dito compromiso. Ademais hai que ter en conta que parte do alumnado pode optar polo autoemprego.

O compromiso de inserción laboral debería ser máis flexible no referido aos prazos, xa que, dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo a inserción laboral faise máis complicada e, polo tanto, debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural posterior á finalización das accións, as baixas producidas ao longo do curso por colocación ou que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.

Debido ao escaso marxe existente entre a finalización da formación na convocatoria do 2012 (14 de decembro de 2012) e a presentación da nova solicitude (xaneiro de 2013), este Comité considera que é pouco realista o compromiso de inserción esixido ás entidades colaboradoras. Establécese como requisito que o alumnado teña finalizada a formación específica para poder cumprir co compromiso de inserción laboral, polo que as entidades só dispoñen de 15 días para poder conquerir e demostrar os obxectivos de inserción, cando o máis probable e que estes se produzan nos 6 meses seguintes á finalización da formación.

Quinta.- Artigo 4º. Procedemento.
Para a elaboración do Anexo IV referido neste artigo, este Comité considera que se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresarial na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír no citado anexo.

Por outro lado, este Comité considera que deberían manterse incluídas no referido Anexo IV, cando menos durante un período de tempo axustado ao período de amortización do esforzo inversor, aquelas especialidades formativas que supoñan un elevado investimento para as entidades beneficiarias, para os efectos de permitir a súa programación e rendibilización en termos económicos e sociais.

Sexta.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 4.d) deste artigo establécese que “A inserción deberá realizarse nunha ocupación relacionada coa familia profesional á que pertenza a especialidade impartida. Non se considerarán inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso”.

Este Comité considera que deberíase substituír este texto por: “Consideraranse inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso.”

Sétima.- Artigo 4º. Procedemento.
O apartado 4.f) deste artigo establece a valoración da experiencia e xestión do centro.

Co obxecto de que as entidades poidan traballar na mellora continua, este Comité propón que a Administración traslade as suxestións de mellora que considere convenientes derivadas do informe técnico de seguimento, aínda mais cando este puntúa no baremo.

Oitava.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 4.g) deste artigo valórase con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas. Este Comité propón que se valore con 10 puntos o emprego efectivo e verificable da lingua galega.

Novena.- Artigo 4º. Procedemento.
Respecto ao disposto no apartado 4 deste artigo, este Comité considera que deberían concretarse neste artigo as excepcións ás penalizacións, tendo en conta que se poden producir circunstancias totalmente alleas á vontade da entidade formativa.

Décima. – Artigo 5º. Resolución.
O apartado 4 deste artigo establece que a resolución deberá producirse no prazo de seis meses. Este Comité propón que este prazo se reduza a tres meses.

Décimo primeira.- Artigo 6º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que na documentación que se relaciona na letra e) do apartado 3 deste artigo engádense os extractos do libro maior no que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

Este Comité entende que debería eliminarse esta obriga por considerar xa suficiente a documentación que se esixe. E, de manterse, debería engadirse “ou ben extractos da contabilidade analítica onde se reflictan todas as imputacións realizadas para a execución da acción formativa”.

No caso específico das entidades sen ánimo de lucro constátase, por exemplo, que na xestión de plans subvencionados de formación para o emprego, non se poden desglosar as subcontas por tipos de plans debido a súa complexidade, polo que a imputación dos custos para cada plan formativo realízase a través da contabilidade analítica que está cadrada coa contabilidade financeira.

Décimo segunda.- Artigo 6º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No penúltimo parágrafo do apartado 3 deste artigo establécese que a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2013.

Este Comité considera que os prazos, na práctica, resultan moi axustados, polo que entende que se debería flexibilizar o período de xustificación, sendo este como máximo de 15 días despois de finalizado o último curso.

Décimo terceira.- Artigo 6º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 18 deste artigo establécese a obriga de dispoñer de libros contables..., coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas...”.

En liña co disposto na consideración anterior, este Comité considera que deberían engadirse os termos “contabilidade financeira ou analítica”.

Décimo cuarta.- Artigo 6º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 21 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería conveniente que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estes deben cumprir para acceder á especialidade correspondente.

Décimo quinta.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
O apartado I.1 deste artigo establece un custo hora mínimo en concepto de docencia, estipulándose como mínimo no 35% do custo da acción formativa, tendo como límite o prezo de mercado.

Este Comité suxire que se formule unha redacción nova, na que se estableza unha modulación da porcentaxe da docencia en relación coa valoración económica do módulo.

Décimo sexta.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría, impedindo na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado, e provocando na práctica un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.

Décimo sétima.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
No apartado II.3 relaciónanse outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxería, correo, limpeza e vixilancia asociados á execución da actividade formativa, eliminándose, con respecto á convocatoria para o 2012, a expresión “e outros non especificados anteriormente”.

Este Comité entende que este cambio impide a imputación doutros custos asociados como, por exemplo, a telefonía.

Por outra banda, nesta convocatoria redúcense os custes asociados pasando do 20% ao 15%, polo que este Comité considera que este cambio prexudica enormemente ás entidades beneficiarias, fundamentalmente ás entidades sen ánimo de lucro, que non teñen actividade mercantil para manter as súas estruturas formativas.

Décimo oitava.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
Este Comité entende que se debería flexibilizar a obriga de pagamento das facturas, recollida no apartado IV deste artigo, dadas as difíciles condicións de financiamento ás que xa se ten aludido, como, por exemplo, a posibilidade de regular na orde a cesión de cobro prevista na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou eximir da obriga de pagamento nas xustificacións parciais.

Décimo novena.- Artigo 10º. Subcontratación.
Dado que a contratación de persoal laboral nunca se debe de considerar subcontratación, este Comité considera que se debería modificar a redacción da segunda frase deste artigo do seguinte xeito: “A contratación de servizos para a impartición de docencia directa dos cursos non se considerará subcontratación”.

Vixésima.- Artigo 11º. Pagamento.
No apartado 1.a) deste artigo, establécese que os anticipos serán ata o 25% da subvención concedida. Tal e como se dixo na consideración xeral primeira deste ditame, obsérvase que na orde do pasado exercicio recollíanse anticipos de ata o 70% e no ano 2011 do 80%. Non obstante, aínda coñecendo a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, este Comité suxire que a Xunta de Galicia aprobe unha norma específica para subvencións en materia de formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100, anticipo este que xa establece a norma estatal.

Vixésimo primeira.- Artigo 11º. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 2 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas do alumnado, etc., así como todos os gastos financeiros que se lle ocasionan, como os xuros debedores ou calquera modalidade de garantía válida en Dereito como o seguro de caución, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha clara relación coa acción formativa a impartir.

Vixésimo segunda.- Artigo 11º. Pagamento.
Para o caso de que se esixa aval bancario, este Comité solicita que se aclaren as condicións de levantamento dos avais aos que se refire o punto 2 deste artigo.

Vixésimo terceira.- Artigo 17º. Persoas destinatarias da formación.
O apartado 3 deste artigo establece que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións. Este Comité propón substituír “en cada unha das accións” por “no conxunto do plan formativo”.

Vixésimo cuarta.- Artigo 18º. Selección do alumnado.
No apartado 1.b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente. Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, estas deben convocarse de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.

Vixésimo quinta.- Artigo 18º. Selección do alumnado.
No apartado 1.c) deste artigo permítese a participación nas probas a traballadores e traballadoras ocupados, que o tiveran solicitado. Este Comité considera que non se debe limitar esta participación só ás persoas traballadoras ocupadas, suxerindo a eliminación do termo “ocupados”.

Vixésimo sexta.- Artigo 18º. Selección do alumnado.
Respecto ao establecido no apartado 1 letra e) epígrafe i deste artigo, sobre que a selección do alumnado que se realice mediante un anuncio en prensa deberase publicar en domingo, agás que o centro directivo correspondente da consellería autorice a súa publicación nun día distinto, este Comité propón que se acuda a esta posibilidade “sen necesidade de autorización previa”.

Vixésimo sétima.- Artigo 21º. Módulos transversais.
Este Comité considera que debería engadirse a familia profesional correspondente a Industrias Extractivas que, no pasado exercicio, foi introducida a posteriori nunha modificación á orde.

Vixésimo oitava.- Artigo 21º. Módulos transversais.
No apartado 7 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”. Este Comité considera que, dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicirse: “poderán quedar exentos se así o solicitan”.

Vixésimo novena.- Artigo 22º. Axudas para o alumnado desempregado.
No apartado 5.1 establécese que o alumnado terá dereito a percibir unha bolsa consistente no 75% do IPREM diario. Este Comité considera necesario modificar a norma de xestión destas bolsas para que o pagamento sexa xestionado directamente pola Administración, tal e como se indicou na consideración xeral primeira deste ditame.

Trixésima.- Artigo 22º. Axudas para o alumnado desempregado.
No último parágrafo do apartado 5.1 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á perda deste dereito.

Trixésimo primeira.- Artigo 22º. Axudas para o alumnado desempregado.
No apartado 5.2.a) establécese unha axuda de transporte ao alumnado que utilice a rede de transporte público.

Este Comité considera que, co obxecto de unificar o criterio para os efectos do desprazamento con independencia de que se utilice o transporte público ou non, deberíase substituir esta axuda por unha bolsa de asistencia como en anteriores convocatorias. Subsidiariamente, caso de que permaneza esta axuda para este pagamento, cómpre establecer un método de xustificación axeitado, práctico e viable.

Por outro lado, na última frase do apartado 5.2.b) debería especificarse que se trata de  0,10 euros por quilómetro percorrido.

Trixésimo segunda.- Artigo 24º. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% da especialidade formativa”, este Comité considera que se debería facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Trixésimo terceira.- Artigo 33º. Solicitudes.
No apartado 2 deste artigo aparecen as letras j e k, que non fan parte do alfabeto galego, polo que se deberían substituír polas seguintes que correspondan.

Trixésimo cuarta.- Anexo V.
O anexo V ao proxecto de orde, segundo o seu artigo 25.B, débese aportar como compromiso de realización de prácticas non laborais en empresas. Aínda que se acurtou o prazo de xeito significativo, este Comité considera que sería máis idóneo informar concretamente en que empresas está prevista a realización das prácticas. Así mesmo, no modelo do Anexo V, polas razóns xa expostas, se debería trocar a frase “Empresa/s con que se conveu a realización das prácticas” por: “Empresa ou empresas nas que está prevista a realización das prácticas”.

Trixésimo quinta.- Anexo VI. Compromiso de inserción de alumnos.
Consideramos este anexo pouco realista, xa que na situación económica e empresarial actual, débese poder traballar ao longo do curso na inserción laboral dos alumnos. Comunicar na solicitude as empresas nas que se vai realizar a inserción, os postos e a duración do contrato, representa unha seria limitación para as entidades solicitantes e pouco realista, xa que as empresas non teñen por qué manter ese compromiso. Debería ser unha declaración de intencións, con xustificación posterior do grao de cumprimento, atendendo as alegacións expresadas no artigo 4º.

Trixésimo sexta.- Disposición Adicional Terceira.
Nesta Disposición Adicional faise referencia á obtención concorrente de subvencións ou axudas “outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais” en coherencia co disposto no apartado 7 do artigo 7º deste proxecto normativo.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda compartindo a lóxica excepción da concorrencia competitiva, consideran que se debería realizar unha fiscalización eficaz sobre a que entidades se lles concede e en que condicións.

Segunda.- Artigo 11º. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 2 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o aboamento do anticipo deberá constituír unha garantía a favor da Consellería a través dun seguro de caución ou outras formas de aval, as organizacións sindicais deste Consello consideran que este debería esixirse só para as entidades lucrativas.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 4º. Procedemento.
O apartado 4.a) deste artigo avalía con 20 puntos  a solicitude que teña a especialidade solicitada incluída no anexo IV.

As organizacións UGT-Galicia, CC.OO. de Galicia e a CEG consideran que a solicitude debería avaliarse cos citados 20 puntos tamén cando sexa unhas unidades de competencia que formen parte de dita especialidade formativa.

Segunda.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 4.h) deste artigo establécese unha penalización de ata -20 puntos para aquelas entidades que non cumpriran o seu compromiso de inserción na convocatoria anterior.

As organizacións UGT-Galicia, CC.OO. de Galicia e a CEG consideran excesivo o incremento da penalización polo incumprimento do compromiso de inserción, que nesta convocatoria aumenta de -15 a -20 puntos, non parecendo procedente polos motivos expostos na consideración específica cuarta de carácter unánime.

Terceira.- Artigo 18º. Selección do alumnado.
Para garantir uns niveis de calidade na formación impartida, todo o alumnado dos cursos deben pasar por un proceso de selección, incluídos os candidatos que os servizos de orientación determinan como asinantes dun itinerario personalizado de inserción que inclúa a especialidade formativa obxecto da proba.

ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 4.e) deste artigo valórase con 5 puntos a acreditación da entidade en norma ISO de calidade ou plan de mellora EFQM.

A CIG e a CEG suxiren a supresión deste apartado e a apertura dun período transitorio, para os efectos de favorecer a progresiva implantación dun modelo de calidade real e operativo, que dea solucións de mellora á xestión das entidades.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Primeira. – Exposición de motivos.
No último parágrafo da exposición de motivos afírmase que esta Orde disponse despois de “consultado(s) o Consello Galego de Formación Profesional...”.

A CIG considera que esta afirmación deberíase retirar da exposición de motivos, xa que o trámite de consulta ao devandito organismo non pode entenderse cumprido coa simple notificación e entrega do texto do proxecto de Orde no día anterior a unha reunión, sen abrir un mínimo prazo para que as organizacións representadas no Consello tivesen a oportunidade sequera de manifestar o seu razoado parecer sobre os contidos da norma.

Segunda.- Artigo 4º. Procedemento.
A CIG solicita unha valoración da inserción do alumnado superior aos 20 puntos.

Terceira.- Artigo 7º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
No apartado 3 deste artigo prevese que de cada 5,5 € por alumno ou alumna, 4 se destinen, pola entidade beneficiaria das axudas, ás empresas, para compensar as prácticas non laborais.

Sen prexuízo do que se fai constar a este respecto na Consideración Xeral Primeira deste ditame, a CIG propón que se retire da Orde esta nova obriga de subvención indirecta ás empresas por canto:
a)      Impulsa a mercantilización das prácticas non laborais, xerando un submercado contraditorio coa filosofía do RD 395/2007.
b)      Pode orixinar complicacións de índole fiscal ás empresas colaboradoras.
c)      Xera dúbidas a respecto dunha posible obriga de cotización á Seguridade Social.
d)      Supón unha subvención indirecta a entidades con ánimo de lucro, que non poden concorrer á convocatoria para entidades sen ánimo de lucro.
e)      Empresas que non dispoñen dunha actividade económica de formación terían que facturar pola mesma.
f)       Desvíanse os fondos destinados ás entidades sen ánimo de lucro, dirixindo, con intermediación destas, unha parte dos recursos a entidades con ánimo de lucro que xa poden participar na convocatoria por medio doutros apartados.

Cuarta.- Artigo 7º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
O apartado 4 deste artigo establece que o importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe do módulo que lle corresponda á especialidade.

Esta organización propón a eliminación do modelo proposto para a cuantificación das subvencións destinadas a cada acción formativa, que entendemos desvencellado da realidade, xa que non ten en conta os custos reais que ten cada especialidade formativa en función das súas características e esixencias materiais de execución.

Na práctica pásase dun modelo de financiamento adaptado a cada especialidade, que contaba con 48 niveis económicos distintos segundo as especialidades, a un modelo que contempla dous niveis económicos, 9 e 13 €, que provoca diferenzas de financiamento en relación ao modelo anterior que conleva un encarecemento das accións formativas de entre un 10% e un 70% segundo a especialidade.

Quinta.- Artigo 9º. Custos subvencionables.
O apartado IV deste artigo establece que “as facturas deberán conter unha descrición completa e detallada da operación realizada”.

As obrigas de facturación están reguladas legal e regulamentariamente, polo que se propón a eliminación desta frase.

Sexta.- Artigo 22º. Axudas para o alumnado desempregado.
A CIG solicita que o apartado 5.2 c), segundo ítem, deste artigo quede redactado como segue: “Que a especialidade formativa se imparta nos centros pertencentes á Consellería de Traballo e Benestar ou que sexa algunha das especialidades formativas incluídas no Anexo IV”.

ANEXO V

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR UGT-GALICIA E POLO SINDICATO NACIONAL DE CC.OO. DE GALICIA.

Primeira.- Artigo 4º. Procedemento.
Respecto ao disposto no apartado 4 deste artigo, o S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia formulan as seguintes consideracións:

1ª.- Que se avalíe con 15 puntos, en lugar de 10, o disposto no apartado b) deste apartado 4.
2ª.- Que se avalíe con 10 puntos, en lugar de 15, o disposto no apartado c) deste apartado 4, propoñéndose así mesmo que se elimine o adxectivo “novas” que aparece xunto a “tecnoloxías”.
3ª.- Que, respecto ao establecido no apartado 4.h), se deberían concretar as penalizacións.

Segunda.- Artigo 7º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
No apartado 3 deste artigo prevese que de cada 5,5 € por alumno ou alumna, 4 se destinen, pola entidade beneficiaria das axudas, ás empresas, para compensar as prácticas non laborais.

Sen prexuízo do que se fai constar a este respecto na Consideración Xeral Primeira deste ditame, as organizacións sindicais UGT e CCOO propoñen que se retire da Orde esta nova obriga de subvención indirecta ás empresas por canto:
a) Impulsa a mercantilización das prácticas non laborais, xerando un submercado contraditorio coa filosofía do RD 395/2007.
b) Pode orixinar complicacións de índole fiscal ás empresas colaboradoras.
c) Xera dúbidas a respecto dunha posible obriga de cotización á Seguridade Social.
d) Desvíanse os fondos destinados a formación, a políticas de axudas e becas, que non resolven as dificultades actuais para a realización das prácticas non laborais, converténdose nun precedente sen retorno.
e) Empresas que non dispoñen dunha actividade económica de formación terían que facturar pola mesma.




ANEXO VI

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO NACIONAL DE CC.OO. DE GALICIA.

Artigo 9º. Custos subvencionables.
No apartado I.1.B deste artigo establécese a posibilidade de que o docente sexa contratado por contrato mercantil. Esta organización considera que é irregular a utilización desta modalidade de contratación para usos laborais e, polo tanto, non debería citarse na orde.

ANEXO VII

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Consideración xeral.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que os procedementos de rexistro e acreditación de centros de formación, regulados a través do Decreto 106/2011 postos en marcha neste ano presentan a necesidade de que todos aqueles centros que teñen solicitadas homologacións, cunha antelación razoable, teñan resolta a súa solicitude na data da publicación da Orde AFD co obxecto de que poidan concorrer a esta en cumprimento do establecido na vía de programación do artigo 15.1, xa que noutro caso se imposibilitaría a formalización da solicitude da formación de AFD para o exercicio 2013.

Polo que se refire á xestión administrativa, é necesaria unha maior axilidade na xestión e unha simplificación das obrigas administrativas que leva consigo a execución das accións, evitando que os centros teñan que remitir a documentación esixida no artigo 6º, que debe remitirse vía SIFO e tamén en papel.


Consideracións específicas:
Primeira.- Artigo 7º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
A CEG considera que debería aclararse se as prácticas en empresas están ou non afectadas polo Real Decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime da Seguridade Social das  persoas que participan nos programas de formación e, polo tanto, as obrigas derivadas polas partes: empresas e entidades concorrentes á orde AFD.

Polo que respecta ao módulo económico das prácticas non laborais en empresas establecido no apartado 3 deste artigo, a CEG considera que sería conveniente coñecer o sistema de pagamento ás empresas colaboradoras na realización das prácticas e a súa posterior xustificación a través das entidades beneficiarias da subvención.

Segunda.- Artigo 21º. Módulos transversais.
A CEG considera que deberían revisarse as materias a impartir nestes módulos, incluíndo outras materias de interese para as persoas destinatarias e os criterios para homologalos, posto que provocan duplicidades de xestión.

Terceira.- Artigo 25º. Prácticas en empresas.
En relación ás prácticas incluídas no programa formativo do curso establecidas no apartado A deste artigo, sería desexable establecer unhas instrucións para o correcto desenvolvemento das prácticas atendendo a aspectos como calendario de execución, lugar (mesmo concello ou outro), circunstancias para a renuncia e, en xeral, todos aqueles aspectos xerais derivados da posible casuística.
Polo que se refire ao período de presentación da documentación que se precisa para a realización das prácticas, co motivo de facilitar a participación das empresas na xestión de toda a documentación administrativa que se xera e sobre a cal as entidades beneficiarias dependen de terceiros, a CEG solicita unha redución dos tempos de entrega que se traduza en cinco días hábiles de antelación á data de inicio das prácticas e non os dez días hábiles que se recollen no actual proxecto normativo, tal e como se viña establecendo anteriormente.

Cuarta.- Artigo 25º. Prácticas en empresas.
Con respecto ás prácticas referidas no apartado B, no período de presentación da documentación que se precisa para a realización das prácticas, con motivo de facilitar a participación das empresas na xestión de toda a documentación administrativa que se xera e sobre a cal, as entidades beneficiarias dependen de terceiros, solicitamos unha redución de tempos de entrega que se traduza en cinco días hábiles de antelación a data de inicio das prácticas e non 10 como se viña establecendo anteriormente.

Quinta.- Artigo 25º. Prácticas en empresas.
No apartado C.2 deste artigo establécese que as empresas deberán comunicar aos representantes legais das persoas traballadoras na empresa unha relación do alumnado que vaia realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

A CEG considera que as entidades non deben establecer os procedementos internos das empresas, co cal serán elas mesmas as que decidan o que nas súas empresas deben comunicar, a quen e como.

ANEXO VIII

PROPOSTA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA AO ANEXO IV


A Confederación de Empresarios de Galicia entende que este anexo non considera ningunha acción formativa no ámbito do comercio internacional, ben sexa por cuestións relacionadas coa xestión administrativa ou financeira, medios de cobro, etc. Tendo en conta os esforzos que desde as empresas están a facer para a súa proxección internacional é unha carencia especialmente importante non programar accións que sirvan para mellorar a empregabilidade e preparación das persoas nesta área.


ANEXO IX

PROPOSTA DO SINDICATO UGT-GALICIA AO ANEXO IV

Comarca de Santiago:
Dende os últimos anos vimos dando formación relacionada coa familia profesional de fabricación mecánica, con moito interese por parte do alumnado anotado nas oficinas de emprego nas acción formativas correspondentes, dado que nas probas de selección sempre hai un grande número de candidatos. E todo esto ven dado porque a incorporación laboral deste colectivo durante a duración do curso é moi superior a outras especialidades. A demanda de empresas do ramo non decrece nestes últimos anos, e no mercado de traballo consideran que os alumnos con formación en materia de soldadura xa están preparados a metade de curso. Dada esta circunstancia propoñemos a inclusión de especialidades dun menor número de horas que den resposta á demanda real actual do mercado de traballo, así como especializándose en tipos concretos de soldadura, dependendo dos diferentes postos a ocupar. A proposta de inclusión sería das especialidades FMEL6106 Soldador con máquinas semiautomáticas MAG/MIG, FMEL6206 Soldador ó arco eléctrico (básico) e FMEL6706 Soldador de unións achaflanadas para homologacións G con electrodos e TIG.

Comarca de Verín:
Nesta comarca vimos tendo moita demanda de formación a nivel sanitario, debido á contínua incorporación de profesionais no Hospital de Verín, polo que vimos dando xa dende fai uns anos formación para activos e cremos convinte formar a traballadores desempregados para dar resposta a esta demanda, en concreto na especialidade mais xenérica e demandada neste centro sería SANC20 Auxiliar de enfermería en hospitalización.
Consideramos tamén de interese a inclusión de especialidades para ampliar as posibilidades de incorporación ao mercado laboral que teñan que ver coa implantación en empresas de novas tecnoloxías, como sería a especialidade IFCX0304 Deseño web e multimedia.

Comarca de Fisterra:
Nesta comarca e logo de haber grandes recurtes de traballadores da metalurxia en Ferroatlántica, así como o crecemento da capital Cee como centro neurálxico de dinamización da comarca, houbo un repunte de establecementos de atención ó público en distintas ramas pero cun nexo común que sería a incorporación na gran maioría deles das novas tecnoloxías para a xestión destes comercios. Esta demanda de formación vense notando nos últimos anos, polo que solicitaríamos a inclusión de algunha especialidade que apoie a formación de traballadores desempregados neste tipo de comercios, propoñendo a especialidade IFCI23 Informática de usuario, como necesaria e moi demandada para dar a formación específica de cara a cubrir este nicho do mercado laboral.

Comarca de Ferrolterra:
No caso de Ferrol encontrámonos periódicamente cunha demanda directa de profesionais así como de formación dirixida en materia sanitaria, dado que é unha comarca moi importante respecto á formación da familia profesional de sanidade, ó contar con varios hospitais de referencia a nivel rexional, como son o Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide, o Hospital Xeral Juan Cardona ou o Policlínico Santa Teresa, que periódicamente demandan profesionais do sector. É por isto polo que se propón a incorporación das especialidades mais demandadas por estos centros sanitarios, que serían SANC10 Celador sanitario e SANC20 Auxiliar de enfermería en hospitalización.
Por outro lado, e dada a importancia comercial dentro da comarca da cidade de Ferrol, así como ser un porto de referencia a nivel internacional, vemos unha crecente demanda de postos para os que se posúa un segundo idioma (xeralmente inglés), tanto é así que gran parte da formación de activos que impartimos estase a enfocar nesta liña, co cal sería importante impartir as especialidades ADGI01 Inglés: atención ó público ou ADGX01 Inglés: xestión comercial.
Asemade, facemos constar unha vez máis –ao igual que o ano pasado- que as accións formativas vinculadas ás novas tecnoloxías seguen a ter unha demanda que medra día a día debido ao seu carácter transversal. Dende UGT entendemos que sería preciso incorporar a este ANEXO tamén as especialidades seguintes: IFCI10- PROGRAMADOR DE APLICACIONES INFORMÁTICAS e IFCX0304- DESEÑADOR WEB E MULTIMEDIA
AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ
Nesta comarca, moi lastimada polo desemprego, estannos a fecer chegar peticións os traballadores e traballadoras da zona de influencia para que incorporemos á nosa proposta de formación cursos transversais que permitan ás persoas paradas incorporarse a postos de traballo que requiren capacitación básica en novas tecnoloxías.
Por outra banda en outubro deste ano 2012  anunciouse a próxima creación de 40 postos de traballo directos para a empresa do grupo Delagro no parque empresarial das Pontes o que significa una expansión empresarial importante. A fábrica é de fertilizantes que aparte dos 40 postos xa sinalados vai supoñer a creación de 22 indirectos. A súa produción vai dedicada ao mercado nacional.
Outra empresa que xa conta con luz verde de Medio Ambiente para operar é a lusa Verdibeira que supón a creación de 25 empregos directos e un porcentaxe importante de indirectos e a súa produción vai dedicada a importación
Propoñemos, en función deste contexto, dende UGT que se incorporen as especialidades de IFCX02-  INICIACIÓN A REDE DE INTERNET IFCX0304, DESEÑADOR DE WEB E MULTIMEDIA, IFCI23- INFORMÁTICA DE USUARIO, IFCI7004 ADMINISTRADOR DE SERVIDORES E PÁXINAS WEB e, tamén IFC17- TÉCNICO EN SFTWERE OFIMÁTICA                                                              

Comarca de A Coruña:
Debido á enorme industria textil que acolle esta comarca, vimos dando con grande éxito de incorporacións laborais, especialidades desta familia profesional, en concreto a especialidade TCPF Patronista escalador. Concretamente, as empresas do grupo Inditex, coa base enclavada nesta comarca (Arteixo) é o motor principal na zona que precisa dos servicios de profesionais formados nesta especialidade.
Tamén parece incongruente que unha das accións que máis insercións facilita en toda Galicia e máis concretamente na Coruña durante o tempo de execución do curso non aparece no listado. Dende UGT tamén solicitamos a incorporación ao ANEXO IV de ELEL14 Electronicista Básico de Edificios.

SARRIA
Punto neurálxico do Camiño Francés de Santiago. É fundamental para o comercio desta comarca o coñecemento de idiomas por razóns obvias.
Dende UGT propoñemos que se inclúa no ANEXO IV como prioritaria ADGI01 Inglés atención ao público

VILALBA
Dende UGT entendemos que esta mesma especialidade debe aparecer como prioritaria no ANEXO IV (ADGI01 Inglés atención ao público)
Esta especialidade permitirá formar a persoas que desexen, actualizar os coñecemos para traballar nos comercios e centros de traballo da zona de xeito polivalente e abarcar diversos campos necesarios na empresa o que lle permitirá ás persoas desempregadas incrementar a súa empregabilidade e ocupabilidade.

LUGO
Non se entende que especialidades vinculadas a novos xacementos de emprego como son o do medio ambiente ou o ecoturismo non impliquen que especialidades como a  SEAG0109 Interpretación e Educación Ambiental non formen parte do ANEXO IV. Dende UGT pedimos a súa incorporación nesta comarca.
Tamén solicitamos dende UGT que se incorpore a este listado SSGC0111 Xestión de Chamadas de Teleasistencia debido a que se trata dunha comarca integrada nunha das provincias españolas máis envellecidas e onde máis se requiren traballadores vinculados á actividade de teleasistencia
Asemade, parece difícil de explicar que especialidades de Sanidade como: SANC10 Celedor Sanitario, SANC3007 Auxiliar de Enfermería e SANC4007 Auxiliar de Enfermería en saúde mental e toxicomanías  non aparezan neste ANEXO IV. Dende UGT solicitamos a súa incorporación nesta localidade toda vez que Lugo é o referente da sanidade pública e privada de toda a provincia.

ANEXO X

PROPOSTA SINDICATO NACIONAL COMISIÓNS OBREIRAS DE GALICIA AO ANEXO IV

Desde o S.N. de CCOO de Galicia, apostamos por unha formación para o emprego certificable, baseada no SNCP. No Anexo IV da presente convocatoria, elimináronse especialidades formativas, correspondentes a novos certificados (2008), que existían en anteriores convocatorias, e nas que as entidades se basean para adaptar os seus centros a estes requirimentos.

Desde CCOO, consideramos que para a elaboración do Anexo IV, deberíase ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresarial na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír no citado anexo.

Por outro lado, O S. N. de CCOO de Galicia considera que deberían manterse incluídas no referido Anexo IV, cando menos durante un período de tempo axustado ao período de amortización do esforzo inversor, aquelas especialidades formativas que supoñan un elevado esforzo inversor para as entidades beneficiarias, para os efectos de permitir a súa programación e rendibilización en termos económicos e sociais.

As prioridades comarcais deberían estar organizadas por familias e áreas profesionais, e non por especialidades concretas, e cuns tempos mínimos de estabilidade. Por exemplo, na comarca de Lugo no anexo IV do ano 2012, con respecto ao ano 2011, elimínase o certificado de “Cociña”, manténdose “Operacións básicas de cociña”, cando estes dous certificados esixen un alto grao de inversión nas súas instalacións e as dúas especialidades pertencen á mesma familia e área profesional, polo que constitúen na práctica un itinerario formativo na mesma ocupación.


LUGO

Completar Anexo cos certificados de profesionalidade correspondentes á Familia de “Turismo e Hostalería”

HOTR0408 COCIÑA

VIGO
Completar Anexo cos certificados de profesionalidade correspondentes á Familia de “Administración e Xestión” e “Artes Gráficas”

ADGD0208 XESTIÓN INTEGRADA DE RECURSOS HUMANOS
ARGD10 TÉCNICO AUXILIAR EN DESEÑO GRÁFICO
ARGD30 TÉCNICO AUXILIAR EN DISEÑO INDUSTRIAL



SANTIAGO:

Completar Anexo cos certificados de profesionalidade correspondentes á Familia de “Administración e Xestión” e “Fabricación mécánica (soldadura)”

ADGD0208 XESTIÓN INTEGRADA DE RECURSOS HUMANOS
FMEL50 SOLDADOR DE ESTRUTURAS METÁLICAS LIXEIRAS
FMEL6106 SOLDADOR CON MÁQUINAS SEMIAUTOMÁTICAS MAG/MIG
FMEL6206 SOLDADOR Ó ARCO ELÉCTRICO (BÁSICO)
FMEL6706 SOLDADOR DE UNIÓNS ACHAFLANADAS PARA HOMOLOGACIÓNS G CON ELECTRODOS E TIG.





ANEXO XI

PROPOSTA SINDICATO CIG AO ANEXO IV

En base ás especialidades priorizadas no Anexo IV, pola Consellaría de Traballo e Benestar, para as distintas comarcas do País, a CIG considera que se deberían priorizar, a maiores das propostas, as especialidades que a seguer se sinalan, consonte co criterio de alta demanda dos cursos polas persoas traballadoras desempregadas das comarcas correspondentes:

Comarca: A Coruña
Concellos: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Coruña (A), Culleredo, Oleiros e Sada
Especialidade
ADGD0208 xestión integrada de recursos humanos
COMV20 axente comercial
IFCI10 programador de aplicacións informáticas
FMEL50 soldador estruturas metálicas lixeiras

Comarca: Eume
Concellos: Cabanas, Capela (A), Monfero, Pontedeume e Pontes García Rodríguez (As) Especialidade
ADGD0208 xestión integrada de recursos humanos
FMEL40 montador estruturas metálicas

Comarca: Ferrolterra
Concellos: Ares, Cedeira, Fene, Ferrol, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, Somozas (As) e Valdoviño
Especialidade
FMEL10 caldereiro industrial
FMEL50 soldador estruturas metálicas lixeiras
ADGD0208 xestión integrada de recursos humanos
ADGG0108 asistencia a dirección
FMEL60 soldador estruturas metálicas pesadas

Comarca: Santiago
Concellos: Ames, Boqueixón, Brión, Santiago De Compostela, Teo, Val Do Dubra e Vedra Especialidade
ADGD0208 xestión integrada de recursos humanos  
ARGE30 grafista / maquetista
FMEL50 soldador de estruturas metálicas lixeiras
ADGG0108 asistencia a dirección
FMEL70 soldador de tubos e recipientes alta tensión

Comarca: A Mariña Central
Concellos: Alfoz, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo e Valadouro (O)
Especialidade
SANC4007 auxiliar de enfermaría en saúde mental e toxicomanías
ADGG0108 asistencia a dirección

Comarca: Lugo
Concellos: Castroverde, Corgo (O), Friol, Guntín, Lugo, Outeiro De Rei, Portomarín e Rábade Especialidade
ARGN0109 produción editorial
ARGN0110 deseño de produtos editoriais multimedia
ARGP0110 tratamento e maquetación de elementos gráficos en preimpresión
ELEM0110 desenvolvemento de proxectos de instalacións frigoríficas
IMAR0209 desenvolvemento de proxectos de instalacións frigoríficas

Comarca: Terra de Lemos
Concellos: Bóveda, Monforte De Lemos, Pantón, Pobra Do Brollón (A), Saviñao (O) e Sober Especialidade
COMV20 axente comercial

Comarca: Ourense
Concellos: Amoeiro, Barbadás, Coles, Esgos, Nogueira De Ramuín, Ourense, Pereiro De Aguiar (O), Peroxa (A), San Cibrao Das Viñas, Taboadela, Toén e Vilamarín
Especialidade
FMEL6106 soldador con maquinas semiautomáticas mag/mig
SANC5006 auxiliar enfermaría en unidades rehabilitación
ADGD0208 xestión integrada de recursos humanos
SSCG0209 mediación comunitaria

Comarca: Verín
Concellos: Castrelo Do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós Especialidade  
ADGD0208 xestión integrada de recursos humanos
ADGN0108 financiamento de empresas
IFCI21 técnico en seguridade de redes e sistemas

Comarca: Pontevedra
Concellos: Barro, Campo Lameiro, Cotobade, Lama (A), Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa
Especialidade
ADGD0208 xestión integrada de recursos humanos
ARGG0110 deseño de produtos gráficos
ADGN0108 financiamento de empresas
IMAI0108 operacións de fontanería e calefacción-climatización domestica
HOTR0109 operacións básicas de pastelaría
ADGG0508 operacións de gravación e tratamento de datos e documentos
ARGN0109 produción editorial


Comarca: Vigo
Concellos: Baiona, Fornelos De Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, Pazos De Borbén, Porriño (O), Redondela, Salceda De Caselas, Soutomaior e Vigo
Especialidade
ADGN0108 financiamento de empresas
FMEL60 soldador estruturas metálicas pesadas
IMSV0109 montaxe e postprodución de audiovisuais
FMEL50 soldador estruturas metálicas lixeiras
FMEL70 soldador de tubos e recipientes alta tensión
ADGD0208 xestión integrada de recursos humanos
IMSV0209 desenvolvemento de produtos multimedia interactivos