ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas.

De conformidade coa exposición de motivos deste proxecto normativo, a Consellería de Traballo e Benestar entende que cómpre apoiar o aproveitamento integral das sociedades cooperativas como elementos dinamizadores da economía local e singularmente creadores de riqueza e emprego, a través do estímulo aos axentes que interveñen nos procesos de xeración de proxectos empresariais, e a tal efecto acordou establecer as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas e proceder á súa convocatoria para o ano 2013.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

A finalidade deste concurso é estimular e apoiar aos axentes que interveñen nos procesos de xeración de proxectos empresariais, en especial nos ligados ao ámbito local, para que, no seu labor como persoas técnicas no asesoramento e impulso de proxectos, fomenten o cooperativismo como fórmula de desenvolvemento local en Galicia (artigo 1º).

Poderán participar neste concurso as persoas físicas pertencentes aos colectivos establecidos no artigo 2º. Así mesmo, estará aberto a todas as persoas físicas, maiores de idade e de calquera nacionalidade, impulsoras de proxectos empresariais cooperativos.

Os proxectos poderán presentarse de forma individual ou colectiva, de conformidade cos requisitos indicados no artigo 3º.

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (artigo 5º) e os proxectos serán avaliados pola Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas (artigo 6º).

O prazo para resolver e notificar será de tres meses, transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada (artigo 7º).

En relación ao prazo de presentación das solicitudes de participación, remata o 15 de maio de 2013 (artigo 12ª).

O premio á mellor iniciativa cooperativa está dotado con 6.000 euros (artigo 13º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, catorce artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.

O día 23 de xaneiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xaneiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de xaneiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
Obsérvase que no texto do proxecto normativo existen algunhas incorreccións da linguaxe, como o uso abusivo das barras, en materia de xénero e número, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda
Apréciase a ausencia, ao longo do texto do proxecto, dalgunha previsión respecto da  incompatibilidade entre participar neste concurso e concorrer aos outros premios en materia de cooperativas, polo que se propón que se regule a imposibilidade de concorrer simultaneamente a varios destes premios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Exposición de motivos.
Este Comité observa que, no último parágrafo da exposición de motivos, falta mencionar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda. Artigo 3º.- Presentación de proxectos e prazos.
No apartado 3 deste precepto establécense os requisitos de formato que deben reunir as copias en papel dos proxectos que se presenten, esixindo que se faga en Arial 12 ou tipo de letra similar.

Este Comité propón que se suprima a especificación “...ou tipo de letra similar...”, por entender que todos os tipos de fonte son similares, o que fai innecesaria esa puntualización.




Terceira. Artigo 6º.- Tribunal e criterios de avaliación.
O primeiro apartado deste artigo prevé que será a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas a que avalíe os proxectos presentados, actuando como tribunal para a concesión do premio.

Este Comité considera que debería engadirse un apartado neste artigo establecendo o seguinte: “Cando exista algún vínculo entre un membro da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e un aspirante ao premio, aquel terá a obriga de absterse.”

Cuarta. Artigo 6º.- Tribunal e criterios de avaliación.
Este Comité propón que xunto aos criterios de avaliación relacionados no apartado 2 deste artigo se engada que se avaliará o número de postos de traballo a crear co proxecto que se presenta.

Quinta. Artigo 8º.- Financiamento e normativa reguladora.
Obsérvase que tanto no apartado 1 deste precepto, como no artigo 14º, figura a aplicación orzamentaria con cargo á que se financiará o premio.

Este Comité considera que, xunto á aplicación orzamentaria, debería figurar o código de proxecto.

Sexta. Artigo 8º.- Financiamento e normativa reguladora
No seu apartado 3º, este artigo esixe a presentación dunha declaración complementaria acerca doutras axudas solicitadas para a mesma actividade, tanto das concedidas como das pendentes de resolución.

Este Comité considera innecesario este apartado, sobre todo por tratarse dun premio que recae sobre un traballo que, de acordo co artigo 3º.4, debe ser inédito; polo que se propón a súa supresión.

Sétima. Artigo 9º.- Condicións xerais de participación.
No apartado 1º obsérvase un erro de concordancia ao empregar o termo “consideren”, o cal debería substituírse por “considere”.

Oitava. Artigo 9º.- Condicións xerais de participación.
Conclúe o apartado 3 deste artigo afirmando que “os materiais presentados non serán devoltos”.

Este Comité entende que tal previsión constitúe un abuso, ao tratarse de traballos orixinais e considera que debería regularse o dereito a recuperar os traballos presentados, fixando un prazo a tal efecto.

Novena. Artigo 12º.- Presentación de solicitudes.
Este precepto recolle un prazo pechado para a presentación de solicitudes que remata o 15 de maio de 2013.

Dado que se ignora a data de publicación da Orde, proponse que se fixe un prazo xenérico, considerando que este artigo debería dicir o seguinte: “O prazo de presentación de solicitudes de participación estará aberto durante tres meses a contar dende a publicación desta Orde. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte”.




Décima. Artigo 14º.- Financiamento.
Neste artigo alúdese aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2013. Este Comité considera que debería terse en conta, no momento da publicación deste proxecto de orde, se a referencia hai que facela á lei de orzamentos ou ao proxecto de lei.

Undécima. Disposición Adicional.
Esta Disposición  aproba a delegación, entre outras, da competencia para resolver a concesión do premio na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se suprima esa parte da redacción, posto que ese órgano xa está habilitado para resolver en virtude do artigo 7.6 deste proxecto normativo.

Duodécima. Disposicións Derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.