ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

De conformidade coa exposición de motivos deste proxecto normativo, a Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación, e acordou establecer as súas bases reguladoras.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

Estes premios teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que cooperativistas, cooperativas e outras persoas e institucións veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na comunidade autónoma galega (artigo 1º).

Poderán optar a estes premios as cooperativas e as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo en Galicia (artigo 2º).

Neste proxecto normativo convócanse as seguintes modalidades de premios: premio aos valores cooperativos, premio ao mellor proxecto cooperativo e premio á promoción do cooperativismo (artigo 3º).

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (artigo 7º) e, para a concesión dos premios, actuará como tribunal a comisión permanente do Consello Galego de Cooperativas (artigo 8º).

O prazo para resolver e notificar será de tres meses, transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada (artigo 9º).

Unha vez publicada a convocatoria, as persoas ou entidades interesadas deberán presentar a solicitude de participación acompañada dunha memoria explicativa e a documentación xustificativa dos valores e méritos alegados (artigo 10º).

O prazo de presentación das solicitudes remata o 15 de maio de 2013 (artigo 15º).

No relativo á contía dos premios, atópanse dotados con 5.000 euros para cada unha das modalidades (artigo 16º).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, dezasete artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.


O día 23 de xaneiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.























DITAME 4/2013





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xaneiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de xaneiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
Obsérvase que no texto do proxecto normativo existen algunhas incorreccións da linguaxe, como o uso abusivo das barras, en materia de xénero e número, así como o uso reiterado do masculino xenérico, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda
Apréciase a ausencia, ao longo do texto do proxecto, dalgunha previsión respecto da  incompatibilidade entre participar neste concurso e concorrer aos outros premios en materia de cooperativas, polo que se propón que se regule a imposibilidade de concorrer simultaneamente a varios destes premios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Exposición de Motivos.
Este Comité observa que, no último parágrafo da exposición de motivos, falta mencionar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda. Artigo 8º.- Tribunal.
O primeiro apartado deste artigo prevé que será a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas a que avalíe os proxectos presentados, actuando como tribunal para a concesión do premio.

Este Comité considera que debería engadirse un apartado neste artigo establecendo o seguinte: “Cando exista vínculo algún entre un membro da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e un aspirante ao premio, aquel terá a obriga de absterse.”


Terceira. Artigo 11º.- Financiamento, documentación e prazo
Obsérvase que tanto no apartado 1 deste precepto, como no artigo 17º, figura a aplicación orzamentaria con cargo á que se financiará o premio.

Este Comité considera que, xunto á aplicación orzamentaria, debería figurar o código de proxecto

Cuarta. Artigo 15º.- Presentación de solicitudes
Este precepto recolle un prazo pechado para a presentación de solicitudes que remata o 15 de maio de 2013.

Dado que se ignora a data de publicación da Orde, proponse que se fixe un prazo xenérico, considerando que este artigo debería dicir o seguinte: “O prazo de presentación de solicitudes de participación estará aberto durante tres meses a contar dende a publicación desta Orde. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte”.

Quinta. Artigo 17º.-Financiamento
Neste artigo alúdese aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2013. Este Comité considera que debería terse en conta, no momento da publicación deste proxecto de orde, se a referencia hai que facela á lei de orzamentos ou ao proxecto de lei.

Sexta. Disposición Adicional
Esta Disposición  aproba a delegación, entre outras, da competencia para resolver a concesión do premio na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se suprima esa parte da redacción, posto que ese órgano xa está habilitado para resolver en virtude do artigo 9º.6 deste proxecto normativo

Sétima. Disposicións Derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.