ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e ser procede á súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

De conformidade coa exposición de motivos deste proxecto normativo, a Consellería de Traballo e Benestar, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos, así como de promocionar a educación e a formación cooperativa, establece as bases reguladoras para o certame Cooperativismo no ensino e aproba a súa convocatoria para o ano 2013.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

Os centros educativos que desexen participar neste Certame organizarán actividades divulgativas e formativas e poderán dispoñer, a este fin, de apoios técnicos a través do Programa Cooperamos da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social. Para incentivar a realización das actividades, establécense distintos premios aos que poden optar os traballos realizados polo alumnado e profesorado (artigo 1º).

O alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia poderán presentarse ás seguintes modalidades: debuxo, pintura, fotografía e/ou vídeo dirixida ao alumnado de infantil e primaria; actividades cooperativizadas dirixida ao alumnado de educación secundaria obrigatoria e proxectos empresariais cooperativos dirixida ao alumnado e profesorado dos centros de formación profesional (artigo 4º).

Os traballos do alumnado debidamente identificado deberán entregarse na Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, xunto coa correspondente solicitude de participación que deberá especificar a modalidade e, no seu caso, categoría á que se presenta. As solicitudes tamén poderán presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (artigo 8º).

O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (artigo 9º) e os traballos serán avaliados, para cada modalidade, polos tribunais establecidos no artigo 10º deste proxecto normativo.

Co obxecto de facilitar a realización das actividades de promoción do cooperativismo, os centros educativos poderán participar no Programa Cooperamos organizado pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e o Consello Galego de Cooperativas. A través deste programa os centros poderán recibir asesoramento e apoios técnicos tanto para os labores divulgativos como para a elaboración e presentación de traballos (artigo 11º).

O prazo para resolver e notificar será de tres meses, transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada (artigo 12º).

Con respecto ao prazo de presentación das solicitudes e dos traballos, remata o 15 de maio de 2013 (artigo 18º).

As contías das diferentes modalidades dos premios atópase establecida no artigo 19º deste proxecto normativo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, vinte artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.



O día 23 de xaneiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.







DITAME 5/2013





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido  ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xaneiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de xaneiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
Obsérvase que no texto do proxecto normativo existen algunhas incorreccións da linguaxe, como o uso abusivo das barras, en materia de xénero e número, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda
Apréciase a ausencia, ao longo do texto do proxecto, dalgunha previsión respecto da  incompatibilidade entre participar neste concurso e concorrer aos outros premios en materia de cooperativas, polo que se propón que se regule a imposibilidade de concorrer simultaneamente a varios destes premios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Exposición de Motivos.
Este Comité observa que, no último parágrafo da exposición de motivos, falta mencionar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda. Artigo 4º.- Modalidades.
Apréciase que nas modalidades relacionadas e, en especial, nas recollidas nos apartados a) e b), non se especifica claramente que deba tratarse de actividades vinculadas ou que fomenten o cooperativismo, sobre todo unha vez que se poñen en relación estes apartados co artigo 6º.1, que describe exemplos de actividades.

Proponse que se recolla expresamente a necesidade de que tales actividades estean relacionadas co cooperativismo.

Terceira. Artigo 18º.- Presentación de solicitudes e traballos.
Este precepto recolle un prazo pechado para a presentación de solicitudes que remata o 15 de maio de 2013.

Dado que se ignora a data de publicación da Orde, proponse que se fixe un prazo xenérico, considerando que este artigo debería dicir o seguinte: “O prazo de presentación de solicitudes de participación estará aberto durante tres meses a contar dende a publicación desta Orde. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte”.

Cuarta. Artigo 20º.-Financiamento.
Neste artigo alúdese aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2013. Este Comité considera que debería terse en conta, no momento da publicación deste proxecto de orde, se a referencia hai que facela á lei de orzamentos ou ao proxecto de lei.

Considera, así mesmo, que xunto á aplicación orzamentaria con cargo á que se financiará o premio, e que figura neste precepto, se especifique tamén o código de proxecto.

Quinta. Disposición Adicional.
Esta Disposición  aproba a delegación, entre outras, da competencia para resolver a concesión do premio na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se suprima esa parte da redacción, posto que ese órgano xa está habilitado para resolver en virtude do artigo 12º.4 deste proxecto normativo

Sexta. Disposicións Derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.