ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2013

I. ANTECEDENTES

O día 16 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

O obxecto desta orde é convocar axudas para o fomento da prevención de riscos laborais entre as persoas traballadoras galegas mediante accións de formación, así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 17 de xaneiro de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 12 de decembro de 2011 (ditame 32/11), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                        



Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

As entidades beneficiarias das axudas relaciónanse no artigo 2º, en función das liñas de axuda.

Serán subvencionables dúas liñas de accións (artigo 3º): na liña 1 subvencionaranse programas de formación intersectorial en materia de prevención de riscos laborais de ámbito galego e na liña 2 subvencionaranse outras accións de fomento da prevención de riscos laborais que deberán estar incluídas neste artigo. Esixirase un mínimo de 15 asistentes a cada acción, en casos excepcionais debidamente motivados e previa autorización da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, poderán autorizarse estas accións cun menor número de asistentes.

As subvencións previstas destinaranse a cubrir os seguintes gastos: de execución, os derivados da contratación de servizos externos con relación directa con proxecto, de persoal técnico propio da entidade beneficiaria, retribucións do persoal técnico contratado expresamente para o desenvolvemento do proxecto, custos indirectos e os específicos da acción concreta (artigo 3º).

Poderanse financiar os gastos derivados de accións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2013 e ata que rematen, distinguindo entre a fase de planificación e organización e a fase de realización efectiva da acción (artigo 4º).

As solicitudes presentaranse acompañadas da documentación administrativa e técnica relacionada no artigo 6º.

Designarase unha persoa responsable/coordinadora única para o seguimento e control dos aspectos técnicos de todos os proxectos incluídos na solicitude (artigo 6º).

Para os proxectos iniciados antes desta convocatoria que se pretendan continuar con este proxecto de orde, xunto coa solicitude, presentarase un avance da súa situación e un informe do estado do proxecto cun resumo cronolóxico das actividades realizadas e as proxectadas (artigo 8º).

Con respecto aos criterios de avaliación das solicitudes (artigo 9º), neste proxecto normativo valorarase de 0 a 3 puntos a representatividade das entidades, de 1 a 2 puntos a súa dimensión territorial e de 1 a 2 puntos a sectorialidade. Sobre a realización da acción, teranse en conta os medios propios, o emprego da lingua galega, a continuidade, o cofinanciamento e a especificidade sectorial ou intersectorial. En relación coas persoas destinatarias valorarase o carácter xeral ou sectorial da acción, o alcance territorial, a distribución do resultado final da acción en formato electrónico e a sinistralidade.

O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, polas entidades beneficiarias, da documentación e na forma que se especifica na guía de xustificación económica do anexo V (artigo 12º).

Co fin de garantir o adecuado seguimento e control destas subvencións, comunicarase cunha antelación mínima de 10 días o inicio e o fin das accións de formación e de difusión, sensibilización e intercambio de experiencias ao enderezo electrónico indicado no artigo 17º.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2013” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 30 de xaneiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dezaseis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo dous anexos coas consideracións manifestadas pola CEG (anexo I) e polas organizacións sindicais (anexo II).






































DITAME 6/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de xaneiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de xaneiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité propón que, para respectar adecuadamente a linguaxe en materia de xénero, deixe de utilizarse no proxecto normativo o masculino xenérico. Ademais recoméndase que se utilice a neutralidade na denominación dos cargos públicos (por exemplo, persoa titular da Dirección Xeral en lugar de director ou directora xeral).

Tamén reiteramos a nosa recomendación de evitar o uso das barras no texto, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios (por exemplo, os/as subcontratistas no artigo 2.3).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Exposición de Motivos.
No parágrafo sétimo faise referencia ao proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio de 2013.

Este Comité considera que se deberá ter en conta, no momento da publicación deste proxecto de orde, se a referencia hai que facela á lei de orzamentos ou ao proxecto de lei.

Segunda. Artigo 3º.- Accións subvencionables.
No apartado 1 deste artigo establécense como subvencionables as actuacións de formación, destinadas ás persoas traballadoras galegas.

Este Comité propón que as actuacións de formación se subvencionen soamente cando estas teñan relación cos riscos específicos do posto de traballo.

Terceira. Artigo 3º.- Accións subvencionables.
Con respecto ao apartado 2 deste artigo, este Comité considera que se deben incluír os gastos financeiros, xa que segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estes gastos poderían ser subvencionables.

Cuarta. Artigo 3º.- Accións subvencionables.
No mesmo apartado 2, letra c), que fai referencia aos gastos de persoal técnico propio da entidade beneficiaria, establécese que a súa porcentaxe máxima non poderá exceder o 30% do custo mensual empresarial.

Este Comité propón que se suprima a palabra “empresarial”, por considerala unha puntualización innecesaria, tanto no apartado mencionado, como no Anexo IV no que se observa a mesma redacción.

Quinta. Artigo 3º.- Accións subvencionables.
A letra e) do apartado 2 recolle os custos indirectos que son subvencionables, que inclúen gastos como electricidade ou teléfono, sempre que se correspondan cos locais nos que se realizan as accións.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dos locais nos que se realizan as accións en calquera das súas fases, para permitir a imputación de gastos tamén nos locais en que se leve cabo, por exemplo, a planificación das accións, polo que se propón engadir “en calquera das súas fases” á expresión “locais nos que se realizan as accións”.

Sexta.- Artigo 3º. Accións subvencionables.
No apartado 3 deste artigo establécese que o cobramento das subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Este Comité considera que se debería admitir a compatibilidade con outras axudas ata alcanzar o 100% da contía do gasto co fin de facilitar o maior número de proxectos.

Esta consideración é igualmente aplicable ao artigo 15º no que se recolle como causa de modificación da resolución de concesión a obtención concorrente de axudas, polo que este Comité propón, consecuentemente, a modificación desta causa, para adecuala a este criterio.

Sétima. Artigo 6º. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
Este Comité suxire a inclusión dun apartado máis neste artigo co seguinte texto: “As entidades que xa tiveran participado con anterioridade nestas accións, estarán exentas de presentar a documentación esixida nas letras a), b), c), d) e f) do apartado 2 deste artigo. No suposto de que se producise algunha modificación na documentación que conste en poder da Administración, estas entidades deberían remitir a dita documentación convenientemente actualizada”.

Oitava. Artigo 6º. Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
Na letra d) do apartado 2 deste artigo esíxese a presentación de copia compulsada do CIF ou NIF da entidade.

Este Comité considera que se debería admitir tamén a posibilidade de copia cotexada.


Novena.- Artigo 9º. Procedemento.
No apartado 3, letra A, punto 1.b), establécese como se determinará a representatividade das organizacións sindicais e empresariais, e faise referencia ao “ámbito funcional ou territorial”.

Este Comité propón que se modifique esa redacción, substituíndo “ou” por “e”, xa que non son termos excluíntes.

Décima.- Artigo 9º. Procedemento.
No apartado 3, letra B, punto 7 deste artigo fíxanse os criterios para avaliar as solicitudes por  parte da comisión de valoración.  

Este Comité entende, por un lado, que é un criterio totalmente errado primar a capacidade de cofinanciación por parte da entidade fronte á súa representatividade social, número de destinatarios da acción, achega innovadora, transferibilidade da acción e calquera outro dos restantes criterios que se sinalan neste artigo. Por iso, proponse a eliminación do apartado B.7 que outorga entre 0 e 3 puntos pola participación da entidade beneficiaria no financiamento da acción.

Décimo primeira.- Artigo 12º. Xustificación do pagamento.
Este Comité propón a regulación no texto da orde da posibilidade de anticipos, por un importe do 80% da totalidade da axuda, con análogo criterio ao que se establece en outras ordes  reguladoras de Formación para o emprego.
Proponse tamén que se inclúa a posibilidade de adiantar, sen necesidade de xustificación algunha, un importe do 25% do total, para comezar a executar a acción.

Décimo segunda.- Artigo 13º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 1 deste artigo, letra c), esíxese ás entidades beneficiarias dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Este Comité propón que se elimine a expresión que figura entre comiñas “así cantos estados contables e rexistros específicos sexan necesarios”, por considerar suficiente a obriga de dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados.

Décimo terceira.- Artigo 13º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Bótase en falta a inclusión formal neste artigo, entre as obrigas das entidades beneficiarias, a de realizar as accións para as que aceptasen a subvención concedida. Neste sentido, propoñemos que se inclúa ademais expresamente a obriga de realizar a execución completa da acción por parte da entidade beneficiaria.

Décimo cuarta. – Artigo 13º. Obrigas das entidades beneficiarias. Artigo 15º. Modificación de resolución de concesión.
No apartado 1, letra a) do artigo 13º e no artigo 15º, emprégase a expresión “nacional e nacionais”respectivamente.

Este Comité considera que se debería substituír a dita expresión pola de “estatal ou estatais”, respectivamente.



Décimo quinta. – Anexo V. Requisitos formais das facturas.
Na letra h) deste anexo establécese que todas as facturas deberán indicar a conformidade da entidade beneficiaria mediante a sinatura da persoa responsable ou coordinadora.

Este Comité considera que a persoa que debe asinar a conformidade é a representante legal da entidade.

Décimo sexta. – Anexo V. Modelo de certificado de formación.
Este Comité propón a revisión do  modelo de certificado de formación (anexo V.3) e substituir a sinatura da persoa responsable da entidade pola da persoa representante legal da entidade, incluir tamén o logotipo da entidade beneficiaria e ademais que se especifique en que accións se aplica este certificado.



























ANEXO I


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 3º.- Accións subvencionables.
No apartado 1 deste artigo establécese como subvencionables as actuacións de formación destinadas as persoas traballadoras galegas.

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) suxire que a formación se destine tamén aos empresarios e empresarias, posto que -de acordo co Regulamento dos servizos de prevención de riscos laborais- o/a empresario/a pode asumir directamente a prevención, nas circunstancias previstas na normativa vixente, polo que é bo incluír aos empresarios/as dentro das actividades de formación.

Segunda.- Artigo 3º.- Accións subvencionables.
No apartado 2 desde precepto fíxase o número mínimo de asistentes que se esixe para poder acollerse á subvención e faise referencia aos “eventos formativos”.
A CEG propón que se inclúa unha aclaración do que se entende por “eventos formativos”, e que se amplíe o apartado 1 deste artigo, onde se recollen as accións subvencionables, engadindo os “eventos formativos”.

Terceira.- Artigo 3º.- Accións subvencionables.
O número mínimo de asistentes para que a acción sexa subvencionable fíxase en 15.

Respecto a isto, a CEG considera que se poden dar supostos nos que non sexa posible prever o número de asistentes a unha acción con carácter anticipado á súa realización. Por iso, propón que se articule algún mecanismo para que, en casos excepcionais e debidamente motivados, a acción programada e levada a cabo sexa subvencionable, aínda que a asistencia final non acadara o mínimo establecido.

Cuarta.- Artigo 6º.- Presentación de solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 2 desde artigo establece, como única posibilidade de modificar o orzamento, o movemento de partidas na porcentaxe máxima do 10% do seu total.

Esta falta de flexibilidade pode causar prexuízos aos beneficiarios que por circunstancias alleas poidan sufrir alteracións na execución que supoñan cambios nos orzamentos inicialmente formulados que non poderán repercutir. É conveniente estipular unha marxe de variación orzamentaria que permita absorber estas modificacións previamente motivadas e  posteriormente aceptadas pola administración.

A isto engádese a imposibilidade de reprogramación o que impide que as entidades que non poidan poñer en marcha algunha das accións formuladas, non poidan aplicar os seus fondos dispoñibles a outras accións contempladas no proxecto de orde.

Por isto proponse que se permita a reprogramación das accións logo de autorización da administración.


Quinta.- Artigo 9.- Procedemento.
O apartado A, punto 3, recolle a sectorialidade como un dos criterios para avaliar as solicitudes.

Sen prexuízo de que poidan realizarse ao amparo do proxecto de orde accións sectoriais ou intersectoriais, incluso en liñas diferentes como a formación, para o suposto das demais accións a baremación da sectorialidade ou intersectorialiadade debería substituírse polo criterio máis razoable do valor engadido e resultados das accións propostas.

Sexta.- Artigo 9.- Procedemento
No apartado B, punto 5, este precepto valora o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita  a axuda

A CEG propón que se aclare o significado ou que se entende polo termo “condutas”, no que se refire á utilización da lingua galega.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E UGT-GALICIA:


Artigo 5º.- Remate e xustificación das accións.
Este artigo, ao igual que o artigo 12º.2, establece como data límite para o remate das accións e para a presentación de documentación xustificativa a do 31 de outubro de 2013.

As organizacións sindicais CIG, S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia suxiren que se diferencie a data límite do remate das accións, que podería ser a do 31 de outubro de 2013, da data límite da presentación da documentación xustificativa, que se propón que sexa a do 30 de novembro de 2013, para posibilitar así que as nóminas, facturas, así como os documentos de cotización á Seguridade Social e os documentos xustificativos de pago aboados ao final do período de execución, poidan ser enviados coa xustificación final.