ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2013 e 2014 de programas integrados para o emprego

I. ANTECEDENTES

O día 17 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2013 e 2014 de programas integrados para o emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Orde TAS/2643/2003, de 18 de setembro), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia ao proxecto de orde que se está a ditaminar.

Ao abeiro da antedita norma, a Consellería de Traballo e Benestar ven a articular neste proxecto normativo programas integrados para o emprego, dirixidos á mellora da ocupabilidade e a explorar novas alternativas de inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrais que combinen accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 5 de xuño de 2012, publicada no DOG o 8 de xuño de 2012, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 7 de marzo de 2012, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 6/12.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

A primeira novidade que introduce o proxecto de orde, na súa exposición de motivos, é a previsión do uso e aplicación de medios electrónicos para a tramitación e presentación da solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

O artigo 2º recolle unha redución dos créditos con cargo aos cales se levará a cabo o financiamento das axudas previstas no proxecto de orde con respecto aos recollidos na orde do exercicio anterior.

Tras unha descrición dos tipos de programas contida no artigo 3º, recolle este precepto a previsión dunha instrución específica que regulará o proceso selectivo das entidades beneficiarias.

Polo que respecta ás solicitudes, desaparece a posibilidade de presentalas ben por vía escrita, ben por vía telemática, recollendo o novo proxecto normativo a necesidade de facelo por esta última. Suprímese, así, a regulación que da presentación por vía escrita se recollía anteriormente (artigo 5º).

A continuación, relaciónase no artigo 6º a documentación que acompañará ás solicitudes, e a obriga de facelo mediante copia dixitalizada, non aceptando xa o formato papel.

Suprime varios dos aspectos aos que ata agora debía facer referencia a memoria explicativa do proxecto.

As entidades que xa participaran nestas accións pasan a quedar exentas de presentar certa documentación, só cando esa participación se refira aos últimos 5 anos (artigo 6º.2).

O artigo 7º, pola súa parte, recolle os criterios de valoración para a concesión das subvencións que este proxecto normativo prevé e obsérvase, respecto da orde anterior, unha modificación de relevancia, como é o feito de que se engada o colectivo de mulleres desempregadas coa condición de vítimas de violencia de xénero no Grupo A (o valorado cunha puntuación mais alta) . Con anterioridade, figuraba no Grupo C o colectivo  “mulleres (especialmente as que acrediten a condición de vítima de violencia de xénero)”, especificación que desaparece na nova redacción, do mesmo xeito que o fai a especificación “especialmente os maiores de 45 anos” que figuraba a carón do colectivo “persoas desempregadas de longa duración”.

As puntuacións que recollen os apartados 4, 5, 7 e o último punto do artigo 7º vense modificadas en comparación coas que figuran na orde precedente, tanto polo que se refire ás puntuacións máximas como ás escalas contidas nos dous primeiros apartados mencionados .

A experiencia das entidades solicitantes nas accións que son obxecto deste proxecto de orde valorarase exclusivamente en relación aos cinco últimos anos, tendo en conta de xeito especial os resultados desas accións (artigo 7º.6).

Remata este precepto fixando en 80 a puntuación mínima para acadar a condición de entidade beneficiaria.


Polo que se refire  á contía das subvencións (artigo 9º), esta determinábase atendendo ao número de persoas que se van atender, criterio ao que agora se suma a duración do período de accións do programa. Queda establecido, así mesmo, unha cantidade máxima de 2.400 euros de media por persoa participante nun período de 12 meses.

Finalmente, destaca a modificación contida no artigo 12º.D, en virtude da cal o prazo dun mes do que dispoñían as entidades beneficiarias para a presentación dunha memoria final, a contar dende a finalización do período de execución, pasa a ser de dous meses.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2013 e 2014 de programas integrados para o emprego” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.

O día 30 de xaneiro de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e catorce consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración específica manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo II) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e pola CEG (anexo III).



DITAME 7/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2013 e 2014 de programas integrados para o emprego”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de xaneiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 30 de xaneiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité observa que a Orde do 5 de xuño de 2012, reguladora das subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas integrados para o emprego durante os anos 2012 e 2013, se vai solapar durante 2013 coa que agora se ditamina, que rexe para os anos 2013 e 2014.

Segunda.
Este Comité propón unha nova revisión do texto co fin de corrixir a persistencia no uso do masculino xenérico, tal e como se pode ver, por exemplo, no artigo 3º, epígrafe A, apartado e) (“os maiores de 45 anos”), no parágrafo segundo dese epígrafe A (“Todos eles”) ou no parágrafo cuarto do epígrafe B do mesmo artigo (“o traballador insertado”).



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 2º. Financiamento.
Neste precepto recóllense os importes do financiamento das axudas. No exercicio anterior, o crédito orzamentario destinado a estes programas de emprego descendeu globalmente un 60% respecto ao financiamento definitivo da orde do exercicio 2011. Neste exercicio obsérvase que descende un 32% enriba do referido 60%.

Este Comité, habida conta da finalidade deste proxecto normativo, non considera razoable tal descenso.

Segunda.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No epígrafe A deste artigo inclúense de novo no proxecto normativo, nos colectivos prioritarios, as persoas inmigrantes, as persoas desempregadas de longa duración (especialmente, os maiores de 45 anos) e as persoas menores de 30 anos.

Este Comité considera que, respecto dos dous últimos colectivos mencionados, debería engadirse unha especificación relativa á baixa cualificación, quedando a redacción final como segue: “as persoas desempregadas de longa duración (especialmente, as maiores de 45 anos con baixa cualificación)” e “as persoas menores de 30 anos (que posúan baixa cualificación)”.

Terceira.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No segundo parágrafo do epígrafe A deste artigo establécese que polo menos o 60% das persoas inscritas como demandantes de emprego pertencentes aos colectivos prioritarios dos programas integrados deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego.

Este Comité non comparte o feito de que se priorice a este colectivo, polo que propón que se suprima esta referencia, tendo en conta o risco de exclusión social das persoas non perceptoras de prestacións ou subsidios por desemprego.

Cuarta.- Artigo 3º. Tipos de programas.
No último parágrafo do epígrafe A deste artigo e no segundo parágrafo do epígrafe B establécese, respectivamente, que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35% no caso do epígrafe A, porcentaxe que se reduce ao 30% no caso do epígrafe B.

Este Comité considera que os obxectivos de inserción laboral que se especifican neste artigo son excesivos debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para os programas da letra A unha porcentaxe de inserción do 25% e para os programas da letra B unha porcentaxe do 20%.

Quinta.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias.
Este Comité entende que todas as administracións locais que poden ser beneficiarias, identificadas nas letras a), b) e c) deste artigo, deberían agruparse nun só apartado, establecéndose a continuación os requisitos de acceso en cada caso e garantindo que non se produzan duplicidades de acceso por un mesmo concello.

Sexta.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias.
Este Comité solicita que a acreditación da experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia, esixida ás entidades sen ánimo de lucro, se estenda a todas as entidades beneficiarias, polo que propón que se manteña a redacción da orde do exercicio de 2011.

Sétima.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1 deste artigo enuméranse documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións  particulares das persoas candidatas.

Oitava.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, propón incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 1º da orde: información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Novena.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que se propón que se valore simplemente o número e as características dos colectivos desempregados para atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral, independentemente do colectivo prioritario de pertenza.

Décima.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 4 deste precepto recolle, como criterio de valoración dos programas, os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes.

Obsérvase que no actual proxecto normativo redúcese a puntuación que se asignaba a este criterio na orde do exercicio anterior (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pásase a 15 sobre 80). Este Comité, tendo en conta o obxecto deste proxecto normativo, non está de acordo con esta redución e considera ademais que o referido parámetro debería ter un maior peso na puntuación global.

Décimo primeira.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Tendo en conta  a natureza do programa, non se considera necesario puntuar o esforzo investidor que figura no punto 5 deste artigo. Obsérvase, ademais, que se valora unha porcentaxe de cofinanciamento superior respecto da orde do exercicio anterior.

Este Comité propón que se elimine este criterio ou, subsidiariamente, que se manteña como porcentaxe máxima a valorar a do 20% que figuraba anteriormente.

Décimo segunda.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 6 deste precepto valora a experiencia acreditada nos últimos cinco anos pola entidade solicitante, incrementando a puntuación asignada respecto da orde anterior (pasa dun 20 % a un 30%).

Este Comité propón que se manteña a puntuación que se prevía anteriormente, por considerala suficiente.

Décimo terceira.-Artigo 11º. Inicio e período de execución.
No apartado 3, relaciónase a documentación que deberá ser remitida pola entidade beneficiaria entre a que figura, no apartado a), “a declaración xurada correspondente á ficha de transferencia bancaria.”

Este Comité considera que a expresión “declaración xurada” non procede por ser obsoleta, polo que propón que se substitúa por “declaración responsable”, entendendo que sería suficiente coa presentación dunha certificación bancaria.

Décimo cuarta.- Artigo 12º. Xustificación e pagamento.
En contra do solicitado por este Comité no ditame relativo á orde do exercicio anterior, o apartado 1.A) deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar un pagamento da cantidade equivalente á subvención concedida para o ano 2013, sempre e cando esta non supere o 25% da suma das subvencións do ano 2013 e 2014, en concepto de anticipo.

Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1. A) deste artigo, de ata o 100%.



ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 3º. Tipos de programas.
O último punto do apartado b) deste artigo sinala que o prazo de execución dos programas integrados para o emprego será como máximo de 12 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia suxire que para o correcto desenvolvemento destes plans sería necesario tamén o establecemento dunha duración mínima.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
No punto 8 deste artigo  establécese que a puntuación que se outorgará polo emprego da lingua galega nas accións do programa integrado para o emprego, será de 5 puntos.

Este Comité considera que se debe de recuperar a previsión que contiña a Orde correspondente ao exercicio de 2009, onde este criterio contaba cunha valoración de 12 puntos, xa que o idioma é un ben cultural que se debe promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e proximidade coas persoas participantes nas actividades, mellorando o seu resultado.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Gastos imputables.
Na letra c) deste artigo establécese que cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que debería permitirse que a porcentaxe chegue ata o 100%.