ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/13

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se desenvolve a regulamentación e o alcance da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 9 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se desenvolve a regulamentación e o alcance da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 17/2008, do 29 de decembro regula a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, a participación institucional é un instrumento para a participación e o diálogo social, que ten como obxectivo reforzar a función dos interlocutores sociais e a súa implicación e participación na vida económica e social de Galicia.

A propia Lei 17/2008 establece no seu artigo 3º.2 que se desenvolverá mediante decreto a regulamentación e alcance da participación institucional. O referido proxecto normativo ven a cumprir este mandato, sendo o seu obxectivo desenvolver a lei concretando uns criterios mínimos e homoxéneos de participación.

Con posterioridade á Lei 17/2008, aprobouse a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoñendo na súa disposición adicional décimo terceira que nos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público terán dereito a participar os sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, establecendo que asumirán a totalidade dos deberes e dereitos recollidos nos títulos II e III da referida Lei  17/2008.

En consecuencia, este proxecto normativo modifica o anterior existente e non publicado oficialmente, que foi ditaminado por este Comité en data 2 de abril de 2012 (ditame 9/2012).

Tendo en conta o proxecto normativo anterior, destacan as seguintes modificacións :

Tal como se establece na Exposición de motivos, a raíz da aprobación da Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, recoñécese o dereito dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas a participar nos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público.

O artigo 3º, que recolle o ámbito de aplicación, distingue agora entre entidades e organismos públicos con competencias en materias de carácter laboral, social ou económico, das entidades e organismos públicos competentes en materias socioeconómicas e de fomento do desenvolvemento económico e social da autonomía galega.
O apartado segundo deste artigo 3º introduce a aplicación deste proxecto de orde aos sindicatos presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.
Tamén no artigo 4º, relativo á participación paritaria, se observa como novidade, a necesidade de ter en conta, no seu caso, a presenza na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas como un dos criterios para determinar o número de representantes das organizacións sindicais nas entidades e organismos públicos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se desenvolve a regulamentación e o alcance da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, once artigos, dúas disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e dúas derradeiras.

O día 4 de febreiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.










DITAME 8/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se desenvolve a regulamentación e o alcance da participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de xaneiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de febreiro de 2013, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
O obxecto deste proxecto de decreto é o desenvolvemento regulamentario da Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, previsto na disposición derradeira (sic) primeira da devandita Lei.

Entende este Comité que o proxecto de decreto confunde dous conceptos que non gardan directa relación entre sí, non son sinónimos, senón que teñen moi distinta natureza. Por un lado, a participación institucional e polo outro, a negociación colectiva.

En termos constitucionais e en múltiples sentencias do Tribunal Constitucional, na normativa internacional (Convenios da Organización Internacional do Traballo), e nos preceptos recollidos tanto na Lei Orgánica de Liberdade Sindical como na Lei do Estatuto dos traballadores, ambos conceptos aluden a diferentes materias.

O dereito de PARTICIPACIÓN INSTITUCIONAL, como ben recolle a exposición de motivos da Lei 17/2008, conceptúase como parte integrante do contido adicional do dereito de liberdade sindical, atribuído soamente ás organizacións sindicais e empresariais que teñan a condición de máis representativas, ás que o marco legal lles confire unha posición xurídica singular e relevante na participación na xestión dos asuntos públicos de natureza socioeconómica, facendo así efectiva na práctica a presenza institucional dos axentes sociais máis representativos no ámbito autonómico.

A NEGOCIACIÓN COLECTIVA nada ten que ver con ese contido adicional do dereito de liberdade sindical. As regras de lexitimación que establece o Estatuto dos traballadores, determinan o dereito á participación dunhas ou outras organizacións sindicais ou empresariais, segundo a súa implantación no concreto ámbito territorial e/ou sectorial da negociación en xogo. No eido específico do emprego público, existe normativa propia que adapta as regras de lexitimación ás súas específicas circunstancias, prevendo asemade a constitución de Mesas xerais ou sectoriais de Negociación, nas que están presentes as organizacións sindicais que neste ámbito acadan un determinado nivel de audiencia expresado a través dos resultados obtidos nas eleccións das persoas representantes legais do persoal. Efectivamente, o artigo 36 do Estatuto básico do empregado público establece que as Mesas Xerais de Negociación teñen como obxecto a negociación das materias relacionadas no artigo 37 do propio Estatuto, materias dentro das cales non se atopan as que se pretenden introducir por medio deste proxecto de Decreto.

Pois ben, resulta de todo punto arbitrario, discriminatorio, falto de rigor e realmente inexplicable en termos legais e de razonabilidade -agás que se tratase basicamente de beneficiar a algunha organización en flagrante prexuízo de outras-, que a simple presenza de algunha organización sectorial na Mesa Xeral de Negociación, sexa suficiente para conferir o dereito a participar en outros órganos da administración que non sexan, exclusivamente, aqueles nos que se adopten acordos que afecten ás condicións de traballo dos empregados públicos. As regras de acceso a estes órganos en representación do persoal afectado, a efectos de exercicio do dereito de negociación colectiva, en ningún caso poden atribuír un dereito adicional de participación institucional, que está regulado separadamente e reservado en exclusiva a aquelas organizacións sindicais máis representativas segundo a Lei Orgánica de Liberdade Sindical.

Certo é  que a STC 98/1985 resalta que “en canto á representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal ou de comunidade autónoma que a teñan prevista, debe entenderse que a Lei (refírese á Lei Orgánica de Liberdade Sindical) limítase a establecer a capacidade representativa dos sindicatos que teñan o carácter de máis representativos a nivel estatal ou de Comunidade Autónoma, pero non impide que as comunidades autónomas, no exercicio da súas competencias de organización, integren ademais nos seus propios órganos a outros sindicatos que non teñan esta consideración legal”. Pero tal previsión non pode interpretarse no senso de que unha comunidade autónoma goza de absoluta discrecionalidade para introducir criterios arbitrarios de integración que, como neste caso, resultarían potencialmente discriminatorios (sentenzas do Tribunal Constitucional 7/1990 e 32/1990: “Sempre que o criterio utilizado para diferenciar a uns e outros sexa obxectivo, e a distinción establecida non poda estimarse como irracional ou arbitraria por ser proporcionada e razonable á finalidade constitucionalmente lexítima perseguida”). Efectivamente, o exercicio de tal prerrogativa esixe, á luz do conxunto do ordenamento xurídico internacional, estatal e mesmo nacional, o establecemento de criterios obxectivos na determinación dun umbral de acceso por parte das diferentes organizacións sindicais. No presente caso, o criterio da simple presenza nunha Mesa de Negociación de ámbito sectorial, non pode entenderse cabalmente como obxectivo, senón como claramente carente do mínimo rigor, pois podería darse o caso de que unha organización sindical que non tivese a  consideración legal de máis representativa, contando cunha implantación globalmente moi superior a outro sindicato que a teña limitada ao ámbito do emprego público, se vexa privada do acceso a un determinado órgano institucional, que a organización con menor representatividade si acada. Cabe traer eiquí a colación que a Lei 5/2008, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, ao igual que a súa predecesora Lei 7/1988, prevé, no seu artigo 4º, a participación institucional no seu seo, daquelas organizacións sindicais e empresariais que superen o dez por cento de representatividade.

Entende este Comité, en consecuencia, que a Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010 é imposible de harmonizar co conxunto do ordenamento xurídico, e especificamente coa Lei 17/2008, cuxo desenvolvemento regulamentario se realiza con este proxecto de decreto, suscitándose ademais serias reservas de inconstitucionalidade da dita Disposición adicional.

Xa que logo, este Comité de Ditames entende que se deben retirar do proxecto de decreto todas cantas alusións se realizan á Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, así como as referencias ou textos incorporados como consecuencia desta Disposición

Segunda.
Obsérvase, en diversos artigos do proxecto normativo, un uso incorrecto das barras en materia de xénero, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Terceira.
Este Comité reitera as consideracións feitas no Ditame 27/08 sobre o anteproxecto de lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, que entende deberían terse en conta no desenvolvemento regulamentario da dita lei. O citado ditame pode ser consultado na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo cuarto da exposición de motivos, alúdese a que este proxecto normativo  está rubricado no proceso de diálogo social, en concreto, no seu acordo de 25 de xaneiro de 2012.

Respecto a isto, hai que ter en conta que, se ben a Lei 17/2008 de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia é anterior á Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o acordo que se menciona na exposición de motivos é posterior a esta, e nel non se prevé a inclusión de ningunha organización que non fora máis representativa.

Por iso, este Comité considera perversa a alusión ao referido acordo, tanto na forma como no fondo, ao utilizalo de forma arbitraria, non tendo en conta nin o asinado nin o espírito do asinado e chama a atención sobre o previsto no artigo 3º, apartado 3, da Lei 17/2008, segundo o cal: “Esta lei non lles será aplicable aos órganos sectoriais de participación ou negociación colectiva no ámbito da ocupación pública, que se rexerá pola súa regulación específica”.

Segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.