ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 5 de febreiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais establece un conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación das persoas desempregadas como socias traballadoras ou de traballo nas cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar as distintas fórmulas de autoemprego colectivo como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio. Así mesmo, preténdese mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto último de manter o seu emprego.

Os programas de promoción do cooperativismo establecen axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, incluso na fase previa a súa constitución formal, potenciando singularmente os procesos de asesoramento e acompañamento de novas iniciativas e fomentando, especificamente, o acceso á condición de persoas socias traballadoras para incentivar a plena integración na empresa cooperativa. Así mesmo, establécense axudas para a realización de actividades de promoción do cooperativismo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 19 de xaneiro de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de novembro de 2011 (Ditame 27/11), obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

A principal novidade deste proxecto normativo con respecto ao ditaminado para o exercicio de 2012 é que, neste caso, ten por obxecto, ademais da convocatoria das axudas para os programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo, o establecemento das súas bases reguladoras (artigo 1º), que modifican as publicadas no DOG do 21/01/2011, aprobadas pola Orde do 31 de decembro de 2010 .

Así, o proxecto de orde obxecto de ditame contén unha sección primeira que recolle as bases e unha sección segunda coa convocatoria de axudas para o ano 2013. Inclúe, así mesmo, un Anexo I no que se detallan as bases reguladoras para cada programa.

Obsérvase, no artigo 1º, unha redución no numero de programas, que pasan de cinco a tres, suprimíndose os de “Mellora da competitividade en cooperativas e sociedades laborais” e “Actividades de promoción do cooperativismo”.

O artigo 20º , relativo ao financiamento e normativa reguladora, fixa as contías iniciais das aplicacións orzamentarias, do orzamento total e da súa distribución por programas, mostrando unha redución en tales contías.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, vinte artigos, tres disposicións adicionais, dúas derradeiras e un anexo coas bases reguladoras de cada un dos tres programas de axudas.

O día 11 de febreiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.



DITAME 9/13




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se  establecen as bases reguladoras dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción do cooperativismo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de febreiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de febreiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, particularmente no emprego das barras, utilizadas reiteradamente, como, por exemplo na exposición de motivos, nos artigos 2.1, 5 ou 8, entre outros, ao considerar que non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité considera que se debería suprimir a referencia que se fai no parágrafo terceiro á Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005 entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais e empresariais.

Segunda.- Artigo 2º.Persoas e entidades beneficiarias.
Obsérvase que, no primeiro apartado deste precepto, as letras asignadas a cada subapartado non se atopan na orde correcta, ao figurar a letra c) antes da letra b), polo que se propón a súa corrección.

Terceira.- Artigo 7º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses.
Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, dado que se aplica o réxime de concorrencia competitiva.


Cuarta.- Artigo 11º.Obrigas dos/as beneficiarios/as (sic).
Este artigo destaca algunhas das obrigas que recaen sobre as entidades beneficiarias, observándose que os apartados d) e e) obrigan ás entidades beneficiarias a manter unhas condicións por un período mínimo de 5 anos, mentres que no apartado c) a obriga imponse só durante 3 anos.

Este Comité considera que a obriga de manter, durante 3 anos, á persoa pola que se concede a subvención como socia traballadora ou de traballo, deberíase estender a 5 anos, igual que nos apartados d) e e) .

Quinta.- Artigo 18.-Período de execución das accións.
No segundo parágrafo deste artigo figura a contracción “ó” e, aínda que na escrita admítense as dúas formas “ó” e “ao”, este Comité propón que se utilice a grafía “ao”, utilizada no texto do proxecto normativo.

Sexta.- Artigo 19.- Xustificación das accións subvencionadas.
No primeiro parágrafo deste artigo utilízase o masculino xenérico “os beneficiarios”, debendo substituírse pola fórmula neutra “as entidades beneficiarias”.

Sétima.-Disposicións Derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Oitava.- Anexo I
Na base primeira deste anexo, no apartado 2.1, figura a letra j), impropia do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúa pola seguinte que corresponda.