ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 29 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2013 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo nas entidades locais galegas, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social, mediante a concesión de subvencións para o financiamento dos custos derivados da creación ou posta en marcha de oficinas de fomento cooperativo por parte de entidades locais ou agrupacións de concellos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 23 de xaneiro de 2012 e tendo en conta o ditame 29/11, emitido polo Consello con data 28 de novembro de 2011, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

No apartado 3 do artigo 3º indícase que se subvencionará o aluguer de locais e os custos salariais do persoal asesor en materia de fomento cooperativo que sexa contratado pola entidade beneficiaria e sempre que se dedique a tempo completo para tal fin, co que modifica a redacción anterior, segundo a cal se requiría dedicar tan só un mínimo de 10 horas semanais.
En relación con isto, no apartado 5 do mesmo precepto recóllense os límites para calcular o investimento máximo auxiliable. No novo proxecto normativo desaparece a posibilidade de subvencionar a contratación dun técnico a tempo parcial e se minora a contía máxima que corresponde á contratación con dedicación exclusiva a tempo completo.

Neste artigo 3º tamén se establecen, no apartado 6, os límites de investimento para as accións a levar a cabo, observándose unha redución das contías respecto da orde anterior.
En consecuencia, prodúcese unha minoración na contía máxima do investimento total auxiliable, tal como se reflexa no apartado 7 deste artigo.

O artigo 7º.2 relaciona os criterios de avaliación que a Comisión terá en conta.
Nas letras e) e f) obsérvase como a puntuación asignada, respectivamente, ao número de accións  realizadas no ano anterior e ao número de proxectos consolidados no ano anterior, aumenta de 20 a 65 puntos.

O artigo 18º, que recolle o financiamento, vese modificado no seu primeiro parágrafo, no que se refire tanto ao código do programa orzamentario, como á contía do crédito deste.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo e se procede a súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, dezaoito artigos, unha única disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.


O día 11 de febreiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.














DITAME 10/13





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de xaneiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de febreiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, xa que se observa a utilización reiterada do masculino xenérico (por exemplo, no artigo. 2) e o uso abusivo das barras (por exemplo, no artigo 6), que consideramos non é a solución máis axeitada  para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Obxecto e contía das subvencións.
No segundo parágrafo do apartado 4 deste artigo establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Porén, non se establece a participación dos interlocutores sociais.

Este Comité considera que neste parágrafo debería constar expresamente que se procurará a participación, ademais das asociacións de cooperativas, das organizacións sindicais e empresariais máis representativas.




Segunda.- Artigo 6º. Avaliación das solicitudes.
Este Comité considera que debería establecerse -no parágrafo 2 do apartado 2 deste artigo- que dos resultados do exame dos expedientes pola comisión de avaliación darase conta tamén ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Terceira.- Artigo 7º. Criterios de avaliación.
No apartado 4 deste precepto faise referencia á aplicación de módulos, que serán obxecto de exposición pública na páxina web da consellería .

Este Comité considera que se debería facer constar a dirección da web, polo que propón que se inclúa expresamente no citado apartado.

Cuarta.-Artigo 9º.Xustificación e forma de pagamento.
No apartado 7 deste artigo relaciónanse os documentos que se acompañarán á presentación da solicitude entre os que figuran, na letra a), orixinal ou copia compulsada das facturas.

Este Comité propón que se admita tamén a copia cotexada.

Quinta.-Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Obsérvase tamén que, a diferenza doutros proxectos normativos, estas dúas disposicións non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción a expresión “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha de elas.


ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

O proxecto normativo ten por obxecto o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, contribuíndo ao financiamento daquelas iniciativas que resulten de maior interese mediante a concesión dunha subvención aos concellos ou mancomunidades de concellos de Galicia que as promovan.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no proxecto normativo deberían estenderse non só ás entidades locais, senón tamén a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.