ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 30 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A finalidade destas axudas é o fomento e consolidación das estruturas representativas do cooperativismo e a economía social, principalmente as asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos normais de funcionamento e a realización de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social, así como a realización de actividades de fomento do emprendemento realizadas en rede.

Este proxecto normativo é practicamente idéntico ao anterior existente que non chegou a publicarse, que foi ditaminado por este Comité en data 17 de decembro de 2012 (ditame 24/2012), que ía ser tramitado como expediente anticipado de gasto. Debido a que o expediente non foi autorizado por Intervención, se tramita agora de xeito ordinario.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, sete artigos, tres disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 11 de febreiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e tres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo dous anexos que inclúen, respectivamente, dúas consideracións xerais non unánimes manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), e unha específica non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia e polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (anexo II).




DITAME 11/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se procede á convocatoria de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais para o ano 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de febreiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité solicita a modificación das bases reguladoras contidas na Orde do 25 de febreiro de 2011 na liña do manifestado no seu ditame 51/2010.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Contía e límites das axudas.
Este Comité considera que se debería coordinar a formación establecida nas letras a) e b) do apartado 3 deste artigo cos programas de formación para o emprego.

Segunda.- Artigo 4º. Presentación de solicitudes.
Nas letras a) e f) deste artigo solicítase copia compulsada da documentación que debe acompañar ás solicitudes.

Este Comité considera que se debería admitir a copia cotexada ademais da copia compulsada.

Terceira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira:
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que as subvencións reguladas no anteproxecto normativo (só as relativas a asesoramento de proxectos) deberían estenderse non só as asociacións de cooperativas ou sociedades laborais, senón a todas aquelas entidades sen ánimo de lucro que veñen traballando en prol da difusión da cultura emprendedora.

Segunda:
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o financiamento das actividades de formación reguladas neste anteproxecto normativo debería establecerse a través das ordes reguladoras específicas como as relativas ás dos plans de formación sectoriais e intersectoriais ou outras que podan establecerse ao efecto.
O financiamento de formación ao marxe do marco da formación para o emprego non fai senón crear desigualdades e atomizar o reparto de fondos, tendo en conta que a última convocatoria da orde de plans sufriu unha redución do 83% e na que concorren outras asociacións que no se benefician de financiamento paralelo para a execución da súa formación.



















ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA .


A Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia consideran que, para a concesión de axudas para desenvolver accións formativas reguladas neste anteproxecto normativo, deberíanse establecer uns estándares mínimos que garantan a calidade das accións formativas en canto a instalacións, programas formativos, medios técnicos requiridos, e profesorado, entre outros aspectos.