ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/13

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 24 de xaneiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 17/2008, do 29 de decembro regula a participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia. Segundo a exposición de motivos do proxecto normativo, a participación institucional é un instrumento para a participación e o diálogo social, que ten como obxectivo reforzar a función dos interlocutores sociais e a súa implicación e participación na vida económica e social de Galicia.

A propia Lei 17/2008 establece no seu artigo 3º.2 que se desenvolverá mediante decreto a regulamentación e alcance da participación institucional. O referido proxecto normativo ven a cumprir este mandato, sendo o seu obxectivo desenvolver a lei concretando uns criterios mínimos e homoxéneos de participación.

Con posterioridade á Lei 17/2008, aprobouse a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispoñendo na súa disposición adicional décimo terceira que nos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público terán dereito a participar os sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, establecendo que asumirán a totalidade dos deberes e dereitos recollidos nos títulos II e III da referida Lei  17/2008.

En consecuencia, este proxecto normativo modifica o anterior existente e non publicado oficialmente, que foi ditaminado por este Comité en data 2 de abril de 2012 (ditame 8/2012).

Tendo en conta o proxecto normativo anterior, destacan as seguintes modificacións :

Tal como se establece na Exposición de motivos, a raíz da aprobación da Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, recoñécese o dereito dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas a participar nos órganos de participación institucional constituídos no seo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público.

En consecuencia, obsérvase que no artigo 1º relativo ao obxecto deste proxecto de orde, se fai referencia a esas organizacións como destinatarias das compensacións económicas xunto ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas.
Así mesmo, figuran de maneira expresa como entidades beneficiarias no apartado 1 do artigo 3º.
Outra novidade salientable atópase no artigo 5º, cuxo apartado 4 dispón unha data límite (o 15 de outubro de cada exercicio) para remitir ao órgano tramitador a documentación acreditativa do cumprimento das actividades obxecto de compensación, así como a certificación de representatividade ou, no seu caso, da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia” consta de: Exposición de motivos, seis artigos e dúas disposicións finais.

O día 18 de febreiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dúas específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais.








DITAME 12/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de decreto polo se regula, no marco da participación institucional, as compensacións económicas ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de febreiro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
O obxecto deste proxecto de decreto é o desenvolvemento do Título III da Lei 17/2008, do 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, previsto no segundo parágrafo do apartado 2., Artigo 6º da devandita Lei. Sen embargo, no proxecto de decreto engádese, no artigo 1, unha previsión para a participación de outra ou outras organizacións sindicais que non teñan a consideración legal da maior representatividade, pero que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas.

Entende este Comité -como xa indicou no seu ditame 8/2013 sobre o proxecto de decreto de desenvolvemento regulamentario da mencionada Lei 17/2008- que o proxecto de decreto confunde dous conceptos que non gardan directa relación entre sí, non son sinónimos, senón que teñen moi distinta natureza. Por un lado, a participación institucional e polo outro, a negociación colectiva. En termos constitucionais e en múltiples sentencias do Tribunal Constitucional, na normativa internacional (Convenios da Organización Internacional do Traballo), e nos preceptos recollidos tanto na Lei Orgánica de Liberdade Sindical como na Lei do Estatuto dos traballadores, ambos conceptos aluden a diferentes materias.

O dereito de Participación Institucional, como ben recolle a exposición de motivos da Lei 17/2008, conceptúase como parte integrante do contido adicional do dereito de liberdade sindical, atribuído soamente ás organizacións sindicais e empresariais que teñan a condición de máis representativas, ás que o marco legal lles confire unha posición xurídica singular e relevante na participación na xestión dos asuntos públicos de natureza socioeconómica, facendo así efectiva na práctica a presenza institucional dos axentes sociais máis representativos no ámbito autonómico.

A Negociación Colectiva nada ten que ver con ese contido adicional do dereito de liberdade sindical. As regras de lexitimación que establece o Estatuto dos traballadores, determinan o dereito á participación dunhas ou outras organizacións sindicais ou empresariais, segundo a súa implantación no concreto ámbito territorial e/ou sectorial da negociación en xogo. No eido específico do emprego público, existe normativa propia que adapta as regras de lexitimación ás súas específicas circunstancias, prevendo asemade a constitución de Mesas xerais ou sectoriais de Negociación, nas que están presentes as organizacións sindicais que neste ámbito acadan un determinado nivel de audiencia expresado a través dos resultados obtidos nas eleccións das persoas representantes legais do persoal. Efectivamente, o artigo 36 do Estatuto básico do empregado público establece que as Mesas Xerais de Negociación teñen como obxecto a negociación das materias relacionadas no artigo 37 do propio Estatuto, materias dentro das cales non se atopan as que se pretenden introducir por medio deste proxecto de Decreto.

Pois ben, resulta de todo punto arbitrario, discriminatorio, falto de rigor e realmente inexplicable en termos legais e de razonabilidade -agás que se tratase basicamente de beneficiar a algunha organización en flagrante prexuízo de outras-, que a simple presenza de algunha organización sectorial na Mesa Xeral de Negociación, sexa suficiente para conferir o dereito a participar en outros órganos da administración que non sexan, exclusivamente, aqueles nos que se adopten acordos que afecten ás condicións de traballo dos empregados públicos. As regras de acceso a estes órganos en representación do persoal afectado, a efectos de exercicio do dereito de negociación colectiva, en ningún caso poden atribuír un dereito adicional de participación institucional, que está regulado separadamente e reservado en exclusiva a aquelas organizacións sindicais máis representativas segundo a Lei Orgánica de Liberdade Sindical.

Certo é  que a STC 98/1985 resalta que “en canto á representación institucional ante as Administracións públicas ou outras entidades e organismos de carácter estatal ou de comunidade autónoma que a teñan prevista, debe entenderse que a Lei (refírese á Lei Orgánica de Liberdade Sindical) limítase a establecer a capacidade representativa dos sindicatos que teñan o carácter de máis representativos a nivel estatal ou de Comunidade Autónoma, pero non impide que as comunidades autónomas, no exercicio da súas competencias de organización, integren ademais nos seus propios órganos a outros sindicatos que non teñan esta consideración legal”. Pero tal previsión non pode interpretarse no senso de que unha comunidade autónoma goza de absoluta discrecionalidade para introducir criterios arbitrarios de integración que, como neste caso, resultarían potencialmente discriminatorios (sentenzas do Tribunal Constitucional 7/1990 e 32/1990: “Sempre que o criterio utilizado para diferenciar a uns e outros sexa obxectivo, e a distinción establecida non poda estimarse como irracional ou arbitraria por ser proporcionada e razonable á finalidade constitucionalmente lexítima perseguida”). Efectivamente, o exercicio de tal prerrogativa esixe, á luz do conxunto do ordenamento xurídico internacional, estatal e mesmo nacional, o establecemento de criterios obxectivos na determinación dun umbral de acceso por parte das diferentes organizacións sindicais. No presente caso, o criterio da simple presenza nunha Mesa de Negociación de ámbito sectorial, non pode entenderse cabalmente como obxectivo, senón como claramente carente do mínimo rigor, pois podería darse o caso de que unha organización sindical que non tivese a  consideración legal de máis representativa, contando cunha implantación globalmente moi superior a outro sindicato que a teña limitada ao ámbito do emprego público, se vexa privada do acceso a un determinado órgano institucional, que a organización con menor representatividade si acada. Cabe traer eiquí a colación que a Lei 5/2008, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, ao igual que a súa predecesora Lei 7/1988, prevé, no seu artigo 4º, a participación institucional no seu seo, daquelas organizacións sindicais e empresariais que superen o dez por cento de representatividade.

Entende este Comité, en consecuencia, que a Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010 é imposible de harmonizar co conxunto do ordenamento xurídico, e especificamente coa Lei 17/2008, en cuxo desenvolvemento se elabora este proxecto de decreto, suscitándose ademais serias reservas de inconstitucionalidade da dita Disposición adicional.

Xa que logo, este Comité de Ditames considera que se deben retirar do proxecto de decreto todas cantas alusións se realizan á Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010, así como as referencias ou textos incorporados como consecuencia desta Disposición.

Segunda.
Este Comité reitera as consideracións feitas no Ditame 27/08 sobre o anteproxecto de lei de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia, que entende deberían terse en conta no desenvolvemento da dita lei. O citado ditame pode ser consultado na páxina web do Consello Galego de Relacións Laborais (http://cgrl.xunta.es).



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No parágrafo sexto da exposición de motivos, alúdese a que este proxecto normativo ven dar cumprimento ao acordado no proceso de diálogo social o día 25 de xaneiro de 2012.

Respecto a isto, hai que ter en conta que, se ben a Lei 17/2008 de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas de Galicia é anterior á Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o acordo que se menciona na exposición de motivos é posterior a esta, e nel non se prevé a inclusión de ningunha organización que non fora máis representativa.

Por iso, este Comité considera perversa a alusión ao referido acordo, tanto na forma como no fondo, ao utilizalo de forma arbitraria, non tendo en conta nin o asinado nin o espírito do asinado e chama a atención sobre o previsto no artigo 3º, apartado 3, da Lei 17/2008, segundo o cal: “Esta lei non lles será aplicable aos órganos sectoriais de participación ou negociación colectiva no ámbito da ocupación pública, que se rexerá pola súa regulación específica”.


Segunda.- Artigo 6. Competencia para resolver e pagamento.
Tendo en conta as especiais dificultades de acceso ao financiamento, que se teñen agravado nos últimos anos, este Comité propón que se contemple a posibilidade de concesión de anticipos a conta da liquidación final ou ben que se fagan libramentos parciais por trimestres vencidos.




























ANEXO


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA .

Artigo 5. Xustificación e control.
Entende este Comité que a certificación da representatividade prevista no apartado 2. do Artigo 3, que debe aportar cada organización, é suficiente xustificación habida conta do criterio de reparto das compensacións que se establece no Artigo 4. A relación de órganos ou entidades á que pertence cada entidade beneficiaria, o número de reunións convocadas por cada un destes órganos ou entidades e o número de reunións ás que efectivamente asistiron, son datos que obran en poder da administración. Por outro lado, no proxecto de Decreto polo que se desenvolve a Lei 17/2008  (Ditame 8/2013 deste Comité) xa se prevé no seu Art. 10, a presentación dunha memoria descritiva das actividades realizadas, na que constará como mínimo a relación de órganos ou entidades, número de representantes e número de reunións.

Xa que logo, este Comité propón unha nova redacción do artigo 5, que teña en conta esta consideración.