ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de técnicos para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013

I. ANTECEDENTES


O día 11 de febreiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de técnicos para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a concesión de subvencións ás entidades que realicen accións de información, orientación e busca de emprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de técnicos para a realización do servizo de información, orientación e prospección de emprego, en colaboración coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde do ano 2012, publicado no DOG o día 11 de xaneiro de 2012 (modificada pola orde publicada no DOG de 6 de xullo de 2012) e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de decembro de 2011 (Ditame 31/11), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.






Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

As axudas reguladas neste proxecto normativo teñen por obxecto subvencionar a contratación de persoal técnico para que as entidades beneficiarias realicen accións de orientación  profesional para o emprego e asistencia para o autoemprego (artigo 1º), mentres que na orde precedente era obxecto de subvención a realización mesma das accións de información,orientación e busca de emprego.

En consecuencia, as accións subvencionables recollidas na orde anterior, aparecen neste proxecto normativo enumeradas como funcións que deben cumprir o persoal técnico que se contrate (artigo 3º).

Polo que respecta ao financiamento das axudas (artigo 1º), farase con cargo aos créditos de dous programas correspondentes a fondos finalistas transferidos (mentres que na orde precedente figuraban tres programas) e dun único programa correspondente a fondos procedentes do Fondo Social Europeo (anteriormente, figuraban dous programas). O resultado é unha diminución no total dos importes.

O artigo 2º relaciona as entidades beneficiarias coa novidade de que xa non figuran, como tales, as universidades públicas.

En canto á presentación de solicitudes (artigo 5º) suprímese a posibilidade da presentación en formato papel, permitindo unicamente a vía telemática.
Outra novidade salientable ao respecto é que a declaración responsable, acreditativa do cumprimento dunha serie de requisitos, forma agora parte da solicitude e non é unha opción da entidade solicitante.

Polo que respecta aos criterios de valoración das solicitudes (artigo 8º), obsérvase a inclusión de dous novos criterios nas letras e) e f), así como o incremento da puntuación outorgada á experiencia da entidade, que pasa de 15 a 20 puntos.

O artigo 10º regula o pagamento das subvencións, cuxa principal novidade radica no feito de que o seu aboamento farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foron concedidas, de igual maneira que se fai na regulación das subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local (AEDL). En consecuencia, suprímese o pagamento en tres fases regulado na orde anterior que prevía un anticipo da subvención, unha liquidación parcial e unha final.

Neste proxecto regúlase, no artigo 13º, o cofinanciamento polo Fondo Social Europeo, tema ao que, na orde precedente, tan só se aludía na disposición adicional segunda para establecer a posibilidade da cofinanciación.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de técnicos para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013” consta de: Exposición de motivos, catorce artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O 25 de febreiro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións xerais de carácter unánime, así como vinte e tres consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha xeral (Anexo I) e dúas específicas (Anexo II) manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia , unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) (Anexo III) e tres específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV).




























DITAME 13/13





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de técnicos para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de febreiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de febreiro de 2013 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.
Este Comité avalía negativamente os cambios que se veñen introducindo na regulación das actividades a desenvolver ao abeiro desta Orde. En concreto, considérase que a evolución das variables orzamentarias, as diversas limitacións no financiamento, a desaparición das posibilidades de contratar persoal de apoio, así como da imputación dos gastos xerais, materiais ou desprazamentos xerados polo desenvolvemento das accións, ou en fin, os cambios operados nos criterios de valoración, parecen apuntar á idea de que as entidades acaben realizando cunha escaseza de fondos e cun maior esforzo a execución dunhas accións que forman parte das políticas activas de emprego dependentes da Administración Pública, tendo presente ademais que na actualidade non existe persoal de orientación nas oficinas do Servizo Público de Emprego.

No que respecta á evolución orzamentaria dos diferentes programas incluídos nesta Orde, este Comité non comparte que fronte ao incremento do 23% previsto para as accións desenvolvidas polas administracións locais, se minoren nun 43% os fondos destinados a aquelas entidades máis directamente vencelladas ao ámbito laboral, é dicir, ás organizacións sindicais e empresariais.

Outro tanto cabe dicir en relación coa importante diminución da contía máxima da subvención por persoa técnica contratada (de 30.688,29 a 20.000 euros/ano), que unida á eliminación das posibilidades de anticipos e liquidacións parciais, converten ás entidades executantes das accións non só en obrigadas cofinanciadoras parciais das obrigas da Administración, senón mesmo en axentes financiadores da totalidade das accións durante a execución anual das mesmas.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, evitando a utilización do masculino xenérico (por exemplo, no artigo 6º “usuarios” ou no título do artigo 9º “técnicos”). Ademais recoméndase que se utilice a neutralidade na denominación dos cargos públicos (por exemplo, persoa titular da Dirección Xeral en lugar de director ou directora xeral).

Terceira.
Este Comité considera que se debería avanzar na clasificación e concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas técnicas, tanto nas accións individuais, como especialmente nas colectivas.

Cuarta.
Este Comité considera que no proxecto  normativo se debería asegurar que as accións que se executan ao abeiro desta orde se poidan facer ao longo de todo o ano, sen que existan períodos sen cobertura de apoio económico.

Quinta.
Este Comité bota en falta a referencia á participación institucional a través do Consello Autonómico de Emprego, que recollía o artigo 17 na orde do exercicio anterior, o cal foi suprimido, polo que propón que se inclúa de novo no articulado do proxecto normativo.

Sexta.
Este Comité considera que neste proxecto normativo debería incluírse o procedemento dos Itinerarios Personalizados de Inserción (IPIs), que se mencionan no apartado 1 do artigo 1º.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.-Exposición de motivos.
A exposición de motivos comeza aludindo a un decreto polo que se asume “por parte desta Comunidade Autónoma de Galicia as funcións(...)”.

Este Comité considera que a expresión antedita debería substituírse por unha máis acertada como, por exemplo, “pos parte da Comunidade Autónoma de Galicia as funcións(...)”.

Segunda.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
Este Comité entende que todas as administracións locais que poden ser beneficiarias, identificadas nas letras a), b) e c) do apartado 1 deste artigo, deberían agruparse nun só apartado, establecéndose a continuación os requisitos de acceso en cada caso e garantindo que non se produzan duplicidades de acceso por un mesmo concello.

Terceira.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 1. e) deste artigo faise referencia aos centros especiais de orientación.

Este Comité considera que se deberían definir máis no proxecto normativo este tipo de centros, os requisitos que deben cumprir, etc.

Cuarta. – Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 4º que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que puidera corresponder e aquelas outras que poidan esixirse legalmente.

Quinta.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo establécese que a contía da subvención para o persoal contratado será ata un máximo de 20.000 euros anuais por técnico, o que supón unha rebaixa dun 35% respecto ao exercicio anterior.

Este Comité considera que se debería incrementar o importe da subvención para que sexa posible cubrir o custo total do persoal contratado.

Sexta.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado co texto que figuraba na orde para o exercicio do ano 2011: “Igualmente, subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.

Sétima.-Artigo 5º. Presentación de solicitudes e prazo.
O primeiro apartado deste precepto suprime a posibilidade de presentar as solicitudes en formato papel, sendo a vía telemática a única opción.

Tendo en conta que isto supón unha novidade deste proxecto normativo e que o prazo para a presentación é tan só dun mes, este Comité considera que algunhas entidades solicitantes poden atoparse con dificultades durante este exercicio para adaptarse ao novo sistema, polo que propón a inclusión dunha disposición transitoria que permita, durante esta convocatoria, a presentación tanto en formato papel como por vía electrónica.

Oitava.- Artigo 6º. Documentación.
Na letra d) do apartado 1 deste artigo esíxese a referencia na memoria aos recursos humanos.

Tendo en conta que este Comité considera que se debería subvencionar tamén a contratación do persoal de apoio, entendemos que, neste sentido, haberá que xustificar esta contratación de xeito razoable.

Novena.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1, letra d), ítem 2, relativo ao custo do persoal, engádese a necesidade de facer referencia ao cofinanciamento por parte da entidade.

En coherencia co manifestado na consideración xeral primeira, este Comité propón que se elimine ese engadido, quedando a redacción do precepto como figuraba na orde do exercicio anterior.

Décima.- Artigo 7º. Procedemento, competencia e resolución.
Examinada a redacción do texto dos distintos apartados deste artigo, este Comité considera que se debería manter na súa integridade o texto do artigo 9º da orde correspondente ao exercicio de 2009, publicado nas páxinas 1.385 e 1.386 do Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009.

Décimo primeira.- Artigo 7º. Procedemento, competencia e resolución.
No apartado 5 deste precepto, fíxase un prazo para resolver e notificar de 3 meses a contar dende o día seguinte ao da entrada da solicitude no rexistro.

Este Comité propón que os tres meses comecen a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes, dado que se aplica o réxime de concorrencia competitiva.

Décimo segunda.- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité considera mellor o baremo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009, no que a valoración mínima para ser entidade beneficiaria era de 25 puntos sobre 100, mentres que no actual proxecto normativo é de 40 sobre 95.

Propoñemos que se manteña a correlación porcentual dun cuarto sobre o total.

Décimo terceira- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Este artigo, inclúe como criterios de valoración a posta a disposición por parte da entidade de recursos humanos, técnicos, e materiais (apartado d) e a redución de custos polas aportacións económicas de aquela (apartado e).

Tendo de novo en conta o manifestado na consideración xeral primeira, este Comité propón que se supriman estes dous apartados.

Décimo cuarta.- Artigo 9º. Requisitos e selección dos técnicos de información , orientación e prospección de emprego.
Consonte ao establecido na consideración xeral primeira, na que se alude á necesidade de contar con persoal de apoio, este Comité considera que no apartado 1 deste artigo, a continuación do primeiro parágrafo, se debería incluír o seguinte: “Esta preselección non será necesaria respecto da contratación do persoal de apoio”.

Décimo quinta.- Artigo 10º.- Pagamento da subvención.
Este precepto esixe a presentación de determinada documentación.

Este Comité considera que habería que exceptuar desta obriga os supostos de contratacións indefinidas feitas polas entidades nas que xa se aportara a documentación en exercicios anteriores.

Décimo sexta.- Artigo 10º.- Pagamento da subvención.
Este Comité considera que se debería concretar con maior claridade o momento en que se fará efectivo o pagamento da subvención.

En calquera caso, proponse que se regule a posibilidade de anticipos do 100%  da subvención sen necesidade de constitución de ningún tipo de garantía e se faga efectivo o aboamento da subvención anticipadamente, xustificándose mediante a presentación da documentación que se considere necesaria.

Décimo sétima- Artigo 10º.- Pagamento da subvención
O apartado 1, letra f) deste precepto recolle a obriga de indicar o despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de información, orientación e prospección de emprego.

Tendo en conta que o artigo 2º, no apartado 2, letra a), fixa como requisito das entidades solicitantes o dispoñer de locais con despacho unicamente para a atención individual dos demandantes de emprego, este Comité considera que o cumprimento do dito requisito non esixe que necesariamente se teña que dispoñer de tantos despachos individuais como persoas se dediquen a estas accións, polo que propón suprimir a última frase que figura nesta letra f).

Décimo oitava.- Artigo 11º.- Seguimento e control das accións.
Este Comité propón recuperar a primeira parte do último parágrafo deste artigo, que figuraba na orde do exercicio anterior (artigo 14º) e foi suprimido, polo que se engadiría no actual artigo 11º a seguinte redacción: “Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade”.

Décimo novena.- Artigo 12º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo aparece numerado un apartado 1, cuxa eliminación se propón, por carecer o precepto de mais apartados e ser innecesaria, por tanto, a numeración.

Por outro lado, no último parágrafo do artigo, figura a letra j), impropia do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúa pola seguinte que corresponda.

Vixésima.- Artigo 13º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2.I.c) esíxese a obtención dunha autorización previa por parte da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Este Comité propón que esa autorización sexa substituída por unha comunicación á Dirección Xeral.


Vixésimo primeira.- Artigo 13º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2.II.a) establécese que as entidades beneficiarias deben manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada respecto de certas operacións.

Este Comité propón a eliminación do sistema de contabilidade separada, por considerar que é suficiente coa codificación contable.

Vixésimo segunda.- Artigo 13º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2.II.c) relaciónase a documentación a presentar unha vez finalizada a execución do servizo.

O primeiro parágrafo, esixe presentar un certificado de fin de servizo. Ao respecto, este Comité considera que se debería clarexar que documentación habería que acompañar.

O segundo parágrafo esixe a presentación, entre outra documentación, de copias compulsadas das nóminas. Este Comité propón que se admita tamén copia cotexada.

Vixésimo terceira.
De acordo co Decreto 25/2013, do 14 de febreiro, publicado no DOG nº 33 de 15 de febreiro de 2013, foi nomeada secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar, Dª María Jesús Lorenzana Somoza, polo que é necesario substituír o nome da anterior secretaria xeral técnica polo da actual titular.



















ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comparten os enormes recortes impostos nas últimas convocatorias para á contratación de Axentes de Emprego, que á vista dos cambios antes sinalados, semellan indicar que se está no camiño de subsumir os programas de orientación cos de axentes de emprego.

Neste senso, as organizacións sindicais non comparten a opción de substituír o estímulo da contratación por conta allea  pola insistencia en primar a “asistencia para o autoemprego”: a Administración non debería, e moito menos na presente situación de crise, abdicar da súa obriga de favorecer a xeración do emprego estable de calidade, trasladando esa responsabilidade a cada persoa por vía do seu “autoemprego”. O emprego autónomo pode ser unha das opcións posibles e merece o apoio público, pero non pode converterse na única ou principal vía de colocación.

En canto ao réxime de concorrencia competitiva, entendemos que tal réxime debería atemperarse con algún criterio avaliativo que teña en conta a representatividade social que ostentan as organizacións sinaladas na letra d) do apartado 1 do artigo 2º, así como garantir que prime o respecto da obxectividade, en evitación de prácticas de discrecionalidade que se teñen observado na concesión das axudas.

  







ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 1 deste artigo establécese que poderán ser beneficiarias das subvencións previstas na presente orde “as entidades que teñan personalidade xurídica propia e carezan de fins lucrativos”, concretándose a continuación as entidades con esa consideración.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debería suprimirse a frase que figura entre comiñas, ao estar xa concretadas as entidades no texto do artigo.

Segunda.  Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1, letra d), ítem 4,  in fine, deste artigo establécese que “Deberá, se é o caso, especificar a metodoloxía aplicable á prospección de empresas.”

As organizacións sindicais consideran que se debería eliminar este punto xa que esa función é propia dos axentes de emprego e non dos orientadores laborais.



.



















ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Financiamento.
No acordo de Diálogo Social con data 30 de xullo de 2010, asinouse o compromiso, por parte da Administración, de potenciar os programas de información e orientación dos vindeiros anos para os axentes sociais, polo que a diminución no financiamento que presenta este proxecto de orde entra en colisión co acordado e asinado.

































ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
Na letra d) do número 1 deste artigo disponse que serán entidades beneficiarias "as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia e as fundacións dependentes das anteriores, especializadas na realización de accións de información e orientación laboral. Neste caso, non se admitirán as solicitudes de entidades que pertenzan ou estean asociadas a outras dun ámbito territorial superior, cando estas últimas presenten solicitude ".

A redacción deste precepto descoñece a diferenza de personalidade xurídica que teñen as distintas asociacións empresariais constituídas conforme á lei 19/1977, o que pode ocasionar problemáticas na xestión do persoal contratado.

Iso supón que solo se resolvería favorablemente a solicitude presentada pola entidade de maior ámbito, que en hipótese tería que ter en conta as necesidades das entidades asociadas a esta de ámbito inferior. Pero isto suporía que tería que ser esta entidade a que contratase un persoal de orientación que desenvolvería servizos noutros centros de traballo, cunha titularidade que non lle corresponde á solicitante, o que ademais da necesidade de facer as correspondentes comunicacións á Seguridade Social, pode ocasionar posibles problemáticas relacionadas coa circunstancia de que as ordes e instrucións serían da entidade solicitante pero o réxime de horario, vacacións... serían da entidade inferior, o que a pouco que se reflexione pode provocar interpretacións de posible cesión ilegal.
Por este motivo, a CEG solicita a modificación deste parágrafo sen prexuízo de manter a validez da consideración específica non unánime manifestada pola CEG no Ditame 31/11, podería redactarse co seguinte tenor literal e sistematicamente nunha letra propia (separando tamén en letras independentes as organizacións sindicais e as fundacións dependentes de confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia): “As confederacións e asociacións empresariais intersectoriais máis representativas do ámbito provincial ou autonómico de Galicia, conforme ao disposto na disposición adicional sexta do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.”

Segunda.- Artigo 9º. Requisitos e selección dos técnicos de información, orientación e busca de emprego.
No último parágrafo do apartado 1 establécese que non será de aplicación o
disposto nos apartados anteriores para o persoal técnico de orientación que
xa fose baremado ao abeiro dos programas de información, orientación e busca
de emprego en exercicios anteriores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, ademais de
exceptuar ao persoal técnico xa baremado en exercicios anteriores, esta
excepción tamén debería ser de aplicación nos supostos nos que os centros
decidan manter o mesmo persoal, cuestión que permitiría cubrir todo o abano de posibilidades.

Terceira.-Anexo I
Consideramos que no anexo 1 punto 11, debería facerse constar  a diferenza entre  contratación de orientadores e contratación de prospectores.

De igual maneira consideramos que no punto 3 letra d, en relación ás acciones do programa, onde di que: “o que asina declara o emprego da lingua galega na realización de todas as accións do programa de información, orientación e prospección de emprego, debería dicir: “o que asina declara o emprego tamén da lingua galega na realización das accións de información, orientación e prospección de emprego” xa que na cooficialidade non debe primar a utilización dunha lingua sobre a outra, aínda que si é necesario, para atender as necesidades do servizo, o uso indistinto de ambas.