ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/13

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2013

I. ANTECEDENTES

O día 19 de febreiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2013 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto de orde faise constar que o seu fin é o de manter o fomento da realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

As subvencións reguladas na referida orde son de dous tipos:
• Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2013.
• Programa II: Axuda para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros sindicais.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 20 de abril de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 12 de decembro de 2011 (Ditame 33/11), obsérvase que non foron tidas en conta ningunha das consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Obsérvase, na exposición de motivos, unha diminución do importe das axudas para o exercicio do 2013 (1.244.500€) con respecto ás destinadas ao ano 2012 (1.758.900€).

O número de programas das axudas pasan de tres a dous (exposición de motivos, artigo 1º, artigo 3º), suprimíndose o programa II de axuda para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

No artigo 10º, relativo á documentación xeral que debe acompañar á solicitude, esíxese, como novidade, aportar unha declaración das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma actividade procedentes de entes privados.

Do mesmo xeito, no momento da xustificación total da actividade subvencionada, debe presentarse unha declaración complementaria das axudas concedidas e pendentes para a mesma actividade incluíndo, novamente, as que proveñan de entes privados (artigo 14º).

No apartado 2 do artigo 14º regúlase a posibilidade de anticipos, diferenciando entre que a contía da subvención non supere os 18.000 euros (podendo anticipar ata un 80%) e que supere esa contía (poderanse conceder pagamentos dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros).
Na orde anterior só se recollía a posibilidade de anticipar o 25% da subvención.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, quince artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións finais.

O día 4 de marzo de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello: dúas consideracións xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I), unha consideración xeral manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II) e unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo III).





DITAME 15/13



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de febreiro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de marzo de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-Exposición de motivos.
No segundo parágrafo da exposición de motivos, faise referencia ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Esa referencia debería facerse agora á Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Segunda.- Artigo 11º. Documentación específica.
No segundo parágrafo deste artigo esíxese xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete.

Este Comité considera que debe admitirse tamén a posibilidade de copia cotexada.

Igual consideración se formula respecto do artigo 14º, apartado 4, letra b).

Terceira.- Artigo 14º. Forma de pagamento e xustificación.
Este Comité observa que existe un erro no apartado 4.c) deste artigo, posto que a referencia ao 31 de outubro de 2012 debe entenderse feita ao 31 de outubro de 2013.

Cuarta.- Artigo 12º. Tramitación.
O último parágrafo do apartado 3 deste precepto establece, respecto da substitución de persoas compoñentes da comisión de valoración, que o nomeamento debe recaer nunha persoa cuxo posto de traballo estea adscrito á Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, sempre que sexa posible.

Este Comité propón a supresión do inciso “sempre que sexa posible”, por considerar que non procede tal expresión nunha disposición de carácter normativo.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.
No ditame desta norma para o exercicio de 2008, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestaron que non podían deixar de significar que persisten importantes diferenzas con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñían que se consignasen incrementos significativamente superiores ao IPC.

Malia isto, vense observando un descenso continuado dos importes globais das axudas obxecto deste proxecto normativo. Así, entre 2010 e 2013, produciuse unha minoración das contías nun importe de 880.500 euros, o que supón unha redución do 41,44 %.

Este Comité considera que a porcentaxe de redución aplicada a estes programas resulta moi superior á media do descenso do orzamento xeral que, entre 2010 e 2013, reduciuse nun 18,88 %, pasando dun orzamento total de 11.686.232.484 a 9.479.889.414 euros.

Segunda.
Unha das novidades deste proxecto normativo é a supresión do programa II, de axudas ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comprenden a desaparición das axudas a estes gabinetes, que poden constituír un importante elemento anti-crise mediante o seu asesoramento en temas como, por exemplo, o autoemprego.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.- Artigo 8º. Entidades beneficiarias e subvención.
No primeiro parágrafo deste artigo suprimiuse a alusión á Lei 11/1985 referida á representatividade das centrais sindicais, recollida na orde do exercicio de 2011, que consideramos debería manterse.




Segunda.- Artigo 14º. Forma de pagamento e xustificación.
Dado que os programas teñen por obxectivo subvencionar a actividade ordinaria e esta desenvólvese ao longo de todo o ano, este Comité considera que se debería habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos.

Terceira.- Artigo 15º. Compatibilidade e comprobación da aplicación das subvencións.
No segundo parágrafo deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas a promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2014 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2013 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2013.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de achega documental, cando xa no artigo 11º se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recollen no artigos 10º e 14º)


ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2013.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, estase a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende, ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferenzas establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.


A exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outogarmento de subvencións a uns órganos de representación (de traballadores e traballadoras) con obxecto de que desenvolvan a súa función de interlocución social coa idoneidade técnica e profesional requerida.


A exposición de motivos polo tanto podería dar cobertura á regulación  nun plano total de igualdade, de idénticas subvencións ás organizacións empresariais, para que estas podan desempeñar as funcións de interlocución social e fomento da profesionalidade de tales organizacións e de creación de emprego.


Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais e que consideramos, salvando as distancias e diferenzas entre Comunidades, debera terse en conta por parte da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Asi mesmo, non podemos esquecer que se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia solicitan que as expresións “centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” e “centrais sindicais intersectoriais” que aparecen recollidas no texto do proxecto normativo sexan substituídas por “organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”, tal como asinou o Presidente da Xunta no Acordo de Diálogo Social.