ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/13

Ditame sobre o proxecto de orde polas que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 15 de marzo de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro.
Segundo se establece na exposición de motivos do proxecto de orde, é necesario a colaboración das institucións sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuir o desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.
Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións, como instrumento a través do cal ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 12 de marzo de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 27 de decembro de 2011 (ditame 38/11), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración unicamente coas entidades sen ánimo de lucro (artigo 1º), polo que se suprime a consideración de entidades beneficiarias de que gozaban os órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, e as  universidades (artigo 3º).
Obsérvase unha importante diminución do importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 2º).
Para ser beneficiarias, esíxese agora que as entidades sen ánimo de lucro estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, e que establezan accións específicas para a inserción (artigo 3º).
Polo que respecta aos criterios de valoración (artigo 8º), a prestación de servizos de maior interese xeral e social pasa a puntuarse con ata 30 puntos, segundo a área na que sexan prestados os servizos.
Suprímese o artigo 10º, que recollía o réxime de aceptación e renuncia da subvención concedida. En consecuencia, suprímese tamén a obriga de comunicar esa aceptación ou renuncia (artigo 13º).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 5 de abril de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións xerais non unánimes sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: unha manifestada polas organizacións sindicais UGT-GALICIA, CIG e SN. DE CC.OO. DE GALICIA (Anexo I) e outra manifestada pola CEG (Anexo II).




DITAME 20/13



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2013”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de marzo de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de abril de 2013, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións ortográficas e da linguaxe en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico ao longo do texto e a utilización das barras (arts. 11 e 12), polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe,  tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
Ademais, proponse a revisión da redacción do artigo 9º e da disposición adicional segunda, que non respectan a neutralidade na denominación dos cargos públicos.

Segunda.
Este Comité considera que debería substituirse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” pola de “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.

Terceira.
Este Comité observa que se exclúe deste proxecto normativo o programa de contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, que se consideran imprescindibles para acadar os obxectivos previstos na orde, polo que propón que ou ben se inclúan ou ben que sexan obxecto dun proxecto normativo ad- hoc.


Cuarta.
Obsérvase como, neste proxecto, se rextrinxe aínda máis o acceso á condición de entidade beneficiaria ao esixir, no artigo 3º, que as entidades solicitantes estean debidamente inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Este Comité propón que se elimine ese requisito, permitindo o acceso a todas as entidades sen ánimo de lucro.

Por outra banda, este Comité non comparte a importante minoración operada na provisión inicial deste programa, que pasa de 19.672.855 euros a 8.200.00, o que supón unha  diminución do 54%, tendo en conta, ademáis, que o artigo 2º.2 prevé a posibilidade de que os créditos asignados poidan ser obxecto de modificacións, como xa aconteceu no exercicio anterior.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4º.- Requisitos dos servizos  a prestar.
O apartado d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.  

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.

Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio de 2011, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Terceira.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
En relación co establecido no apartado 5 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e pluses extrasalariais, xa que forman parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, tendo en conta, ademais, que noutros programas si teñen o carácter subvencionable.

Cuarta.- Artigo 7º. Documentación.
No apartado 2.e) deste artigo establécese a obriga de presentar unha declaración responsable na que conste que existe disposición de financiamento suficiente para financiar os custos do proxecto que terán que ser asumidos pola entidade, de ser o caso.
Este Comité solicita a eliminación desta obriga posto que a entidade veríase obrigada a renunciar á subvención se non ten capacidade económica para costear unha parte dos custos de contratación. Ademais, por outra parte, hai que ter en conta que, en realidade, xa existe unha cofinanciación por parte da entidade, xa que as contías de subvención establecidas na orde non acadan os custos salariais reais efectivamente soportados e custos indirectos (subministracións, material administrativo, etc.).

Quinta.- Artigo 9º. Resolución.
Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva, segundo establece o apartado 1 do artigo 8º, este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 2 deste artigo 9º se debería contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non a partir da presentación da solicitude.

Sexta.- Artigo 9º. Resolución.
Este precepto fixa un prazo de seis meses para resolver as solicitudes presentadas.
Este prazo considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Sétima.- Artigo 10º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Este Comité propón cambiar esta frase dado que consideramos que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. Así, o texto quedaría “... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Consecuentemente, o punto 2 deste artigo tamén sufriría unha modificación na redacción e quedaría como segue: “2. Conforme o establecido no apartado anterior, as persoas traballadoras que...”.

Oitava.- Artigo 10º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No apartado 2 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no exercicio pasado, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

Este Comité considera que debería manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12º da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).

Novena. - Artigo 14º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2. II.a) deste artigo establécese que as entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.
Este Comité considera necesario que se especifique neste apartado que gastos son os que deben asentarse na contabilidade separada, se soamente aqueles que son subvencionables ou todos os que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.











































ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do porxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, entendendo que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto, prohibindo expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.

































ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG):

No parágrafo cuarto da exposición de motivos deste proxecto normativo, sinálase como obxectivo do mesmo, dar aos desempregados unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade.

A CEG considera que este fin non é compatible co feito de que se circunscriba esa empregabilidade ás empresas prestadoras de servizos sociais, tal como se sinala no parágrafo sétimo da exposición de motivos, polo que propón que se amplíe a todos os sectores.