ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/13

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 22 de marzo de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade convócanse estas subvencións como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Á vista do borrador remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 12 de marzo de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 27 de decembro de 2011 (Ditame 37/11), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Obsérvase unha importante minoración na contía total asignada para o financiamento destes programas (artigo 2º). Redúcese tamén a contía máxima subvencionable para cada concello (artigo 2º).

Suprímese a esixencia de que as entidades solicitantes, para poder ser beneficiarias, deban garantir a inserción laboral posterior dun determinado número de persoas participantes no proxecto, en función do número de prazas solicitadas e concedidas (artigo 3º).

A valoración dos proxectos presentados presenta algunhas novidades (artigo 8º). Así, por exemplo, introdúcese a previsión de que se outorguen ata 30 puntos no caso de obras ou servizos relacionados con protección civil e a seguridade das persoas e bens, podendo incrementarse en 15 puntos máis se os concellos non dispoñen de servizos profesionais de emerxencias.

Suprímese o artigo 10º da orde anterior, que contiña o réxime da aceptación e renuncia da subvención.

O artigo 12º prevé que, para poder iniciar os proxectos de urxente posta en marcha, poderanse contratar anticipadamente aquelas persoas traballadoras desempregadas que sexan autorizadas pola respectiva xefatura territorial, mentres que a orde para o exercicio 2012 limitaba esas contratacións a un máximo de dúas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 5 de abril de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como Anexo, unha consideración xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais.




DITAME 21/13





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2013”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de marzo de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de abril de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións ortográficas e da linguaxe en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico e das barras (artigos 4º, 5º ou 8º, por exemplo) polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.
Recoméndase revisar, así mesmo, a definición dos cargos públicos, que debe ser neutra (por exemplo, no artigo 9º úsase “a conselleira” en lugar de “a persoa titular da consellería”)

Segunda.
Este Comité considera que debería substituirse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” pola de “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Financiamento.
Respecto do apartado 4 deste artigo, este Comité considera que contradí o establecido no apartado 3 respecto do reparto provincial de créditos, dado que a axuda se prevé directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado e inversamente coa evolución da poboación no citado período.

Así, este Comité considera que deben revisarse os tramos establecidos en función do número de habitantes, xa que se considera que non se está a producir un reparto proporcional, beneficiando claramente aos concellos máis pequenos (que supoñen o 80% do total dos concellos de Galicia) sen ter en conta que case o 50% da poboación galega se agrupa nas sete grandes cidades, sendo ademais, o número de persoas paradas (que é criterio de referencia) maior no caso destas últimas.

Segunda.- Artigo 2º. Financiamento.
Este Comité considera que debería clarificarse o cálculo da axuda mínima disposta no último parágrafo deste apartado 4, xa que no proxecto normativo non consta a contía máxima establecida por unha contratación, senón a contía máxima disposta para cada concello.

Terceira.- Artigo 4º.- Requisitos das obras e servizos.
O apartado f) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O apartado 3 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Quinta.- Artigo 8º. Procedemento.
No apartado 4 deste artigo aparecen as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.


Sexta.- Artigo 9º. Resolución.
Dado que o procedemento de concesión das axudas é o de concorrencia competitiva, segundo establece o apartado 1 do artigo 8º, este Comité considera que o prazo de resolución establecido no apartado 2 deste artigo 9º se debería contar desde o último día do prazo de presentación de solicitudes e non a partir da presentación da solicitude.  

Sétima.- Artigo 9º. Resolución.
Este Comité entende que o prazo de seis meses que se establece para resolver as solicitudes presentadas é excesivo, polo que propón que se reduza a tres meses.




































ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA

No proxecto de orde obsérvase, en relación co proxecto para o exercicio anterior, unha importante minoración nos créditos asignados, que pasan de 45.132.082 euros a 8.600.000 euros, o que supón unha redución dun 80,09 %.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que son conscientes de que a vía dos programas de cooperación non é o que ten que sustentar os servizos públicos que se prestan dende as entidades locais nin os empregos públicos, consideran que este recorte implicará unha rebaixa en ambas áreas.