ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 20 de marzo de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Tal e como se recolle na exposición de motivos deste proxecto normativo, a crise en que está inmersa a nosa economía repercute en termos de emprego, destruíndose día a día numerosos postos de traballo e aumentando o número de persoas inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego e, por tanto, as taxas de desemprego. Esta situación, aínda que repercute en todos os tramos de idade, presenta unha maior gravidade no sector máis novo da poboación, e particularmente naqueles mozos e mozas con menor cualificación.

En base a esta situación e no marco do Diálogo Social deséñanse un programa mixto de formación e contratación (FORCON) dirixido a mozos e mozas con baixa cualificación que versa sobre especialidades formativas vencelladas a ocupacións incluídas nos sectores estratéxicos de Galicia, segundo o plan estratéxico Galicia 2010-2014, de xuño de 2010.

Os sectores estratéxicos de futuro son os relacionados coa economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación medioambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia) e economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización), sectores nos que se prevé maiores posibilidades de empregabilidade e estabilidade.

Á vista do borrador remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 14 de agosto de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de xuño de 2012 (Ditame 14/12), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Especifícase, neste proxecto normativo, que as contratacións temporais e as transformacións en indefinidos dos contratos temporais serán subvencionables cando se realicen ou formalicen, respectivamente, con mozos e mozas que formaran parte do alumnado na etapa formativa do programa FORCON nos cursos que se relacionaban no anexo IX da orde para o exercicio anterior (artigo 4º).

En canto a presentación das solicitudes, fíxase un prazo de dous meses desde a data da publicación da orde, mentres que na orde anterior ese prazo era dun mes (artigo 9º).

Recóllese a obriga de manter á persoa traballadora no cadro de persoal durante dous anos cando o seu contrato temporal se transforme en indefinido e dita subvención fose subvencionada.  Tamén se inclúe como novidade a regulación do suposto de extinción da dita relación laboral en canto á cobertura desa vacante (artigo 16º).

O incumprimento dos requisitos de substitución  nas contratacións subvencionadas dá lugar, co novo proxecto de orde, ao reintegro da axuda concedida (artigo 18º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación -Programa FORCON -, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 10 de abril de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime seguintes: unha xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), dúas específicas manifestadas pola CIG (anexo II), unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo III) e unha xeral manifestada pola CEG (anexo IV).


DITAME 22/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de marzo de 2013, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de abril de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este programa diríxese á formación e á contratación pero só desenvolve exhaustivamente este último aspecto.

Este Comité considera que se debería regular tamén a parte formativa do programa.

Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “os administradores” no artigo 3º, “alumnos” no artigo 4º ou “beneficiarios” no artigo 16º), polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 2º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como persoa demandante de emprego realizaraa o órgano xestor das axudas, agás que fose realizada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité considera que se debería establecer como se resolve este último suposto, xa que non se concreta como se vai a realizar esa comprobación.

Segunda.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Terceira.- Artigo 7º. Exclusións.
No apartado 2 deste artigo figura, como excepción á exclusión dos beneficios deste proxecto normativo, a contratación a un só familiar menor de 45 anos.

Este Comité considera que se debería rectificar o referido apartado, xa que só se poden acoller a este programa as persoas menores de 30 anos.

Cuarta.- Artigo 11º. Documentación.
Neste artigo relaciónase a documentación que se ten que acompañar ás solicitudes.

Este Comité considera que a expresión “Cumprimento por parte da empresa...” establecida no apartado 5 deste artigo, debería substituírse pola seguinte redacción: “Acreditación do cumprimento por parte da empresa...”, xa que a primeira expresión non se refire a ningún tipo de documentación.

Quinta.- Artigo 13º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de seis meses.  

Este Comité considera este prazo excesivo e propón que sexa de tres meses.

Sexta.- Artigo 16º. Obrigas dos beneficiarios (sic).
Chama a atención a utilización do masculino xenérico no título deste precepto, sobre todo tendo en conta que este comeza establecendo “Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas ..”, polo que se propón modificar o título polo de “Obrigas das entidades beneficiarias” para adecualo a unha correcta linguaxe en materia de xénero.

Sétima.- Artigo 17º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.


Oitava.- Artigo 18º. Reintegros.
Este Comité considera que, nos supostos de extinción da relación laboral recollidos no apartado 2 deste artigo, se debería introducir unha referencia á posible substitución da persoa traballadora, establecendo un prazo breve a ese efecto.

Novena.- Artigo 21º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose na letra e) as empresas en crise.

Este Comité considera incorrecta a inclusión das “empresas en crise” neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recolla este suposto nun apartado separado.

Décima.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.






























ANEXO I

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA , CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
Á vista dos resultados da execución do programa no exercicio anterior, que expresan unha evidente escasa utilidade, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debería cuestionarse a súa continuidade.

Consideración específica:

Artigo 16º.- Obrigas dos beneficiarios.
O apartado 10 deste precepto recolle, para o caso de que se subvencione a transformación dun contrato temporal en indefinido, a obriga de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un período de dous anos.

Normalmente, nos condicionantes do programa operativo, a administración establece, polo que respecta a esa obriga, un período de tres anos, pero as organizacións sindicais consideran que debería ampliarse a cinco anos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Primeira.- Artigo 5º. Requisitos.
No apartado 2 deste artigo faise referencia ao mantemento do cadro de persoal da empresa respecto á media dos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita a subvención.

A CIG considera que esta referencia é un lapso temporal moi escaso e polo tanto debería ampliarse.

Así mesmo, no segundo parágrafo deste mesmo artigo establécese que para o cálculo do mantemento do cadro de persoal non se computarán, entre outras, as baixas por finalización do contrato. A CIG considera que debería suprimirse esta causa.


Segunda.- Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.















ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 11º. Documentación.
No apartado 6 deste artigo esíxese acompañar á solicitude orixinal ou copia compulsada ou cotexada dos documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que non debería esixirse esta documentación posto que existe un convenio de colaboración coa Seguridade Social e xa obra en poder da Administración.






























ANEXO IV


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


A CEG considera que, á vista dos datos que figuran no cadro de resultados do programa para o ano 2012, debería levarse a cabo unha revisión do mesmo de cara a mellorar a súa eficacia.