ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 22 de marzo de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que o traballo autónomo constitúe un sector de importancia fundamental na creación de emprego e riqueza e no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

Por outra banda, a Lei 5/2011, do 29 de marzo, de Economía Social establece que os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral forman parte das entidades que integran a economía social. Así, esta lei dispón que as entidades da economía social poderán constituír asociacións para a representación e defensa dos seus intereses, e no seu artigo 8 recoñécese como tarefa de interese xeral a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades da economía social e das súas organizacións representativas, respectando as competencias das comunidades autónomas.

Neste contexto, esta orde establece axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento, infraestrutura e mantemento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer á súa estrutura.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 18 de setembro de 2012 e tendo en conta o ditame 17/2012, emitido polo Consello con data 18 de xullo de 2012, obsérvase que foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Deste novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Obsérvase unha redución no importe do crédito total asignado de 13.750 euros (disposición adicional terceira).

A base terceira dos tres Anexos que forman parte do proxecto de orde, relaciona os gastos subvencionables engadindo, neste proxecto, as cotas pola pertenza a outras organizacións autonómicas e os gastos de organización ou participación non só en congresos, seminarios ou xornadas se non, tamén, en outras actividades de natureza semellante.

Dentro da mesma base, recóllense os gastos que non serán subvencionables, suprimíndose no presente proxecto, o apartado 2º da orde anterior, que consideraba non subvencionables “os gastos que, en concepto da prestación de servizos, aboe a entidade solicitante a outras entidades asociativas que integre ou nas cales se atope integrada, agás a autorización regulada na base cuarta deste anexo”.

Na base cuarta dos tres Anexos contidos no proxecto, regúlase a subcontratación das actividades subvencionables.
Segundo o último parágrafo, o importe da actividade subcontratada non poderá superar o 70% do importe da actividade subvencionada (na orde anterior a porcentaxe era do 50%), sen que o importe por persoa ou entidade vinculada poida ser superior ao 50% do custo total da actividade (na orde anterior fixábase o límite do 15%).

Polo que respecta á documentación que debe acompañar ás solicitudes (base sexta dos Anexos), o novo proxecto esixe presentar unha memoria das actividades previstas para o 2013 así como as últimas contas anuais aprobadas acompañadas da certificación acreditativa do dito extremo expedida polo representante legal.

Por outra banda, suprime a necesidade de presentar a declaración responsable, entre outros extremos, de non estar incursos nas prohibicións do artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia (base sexta dos Anexos).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais, dúas derradeiras e tres anexos.

O día 10 de abril de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia.





























DITAME 23/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de marzo de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de abril de 2013, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que non se xustifica suficientemente na exposición de motivos a decisión de agrupar nunha mesma orde ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas con entidades asociativas de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral, dado que son entidades con finalidades moi dispares.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa vixente para a escrita da lingua galega, corrixindo as enumeracións nas que se utilizan as letras j e k (anexos A, B e C, bases 3 e 6), letras que non son propias do alfabeto galego, considerando que deben substituírse polas seguintes que correspondan.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Terceira.- Anexo A. Base terceira. Gastos subvencionables.
O apartado 1 deste artigo establece que serán subvencionables os gastos realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de outubro de 2013.

Este Comité considera que, para os efectos de subvencionar un exercicio completo, o período debería ser o comprendido entre o 1 de novembro de 2012 e o 31 de outubro de 2013.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base terceira e para o anexo C, base terceira.

Cuarta. – Anexo A. Base quinta.- Contía das subvencións.
No apartado 2 deste artigo establécese que a contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 20.000 €.

Este Comité propón que a redacción deste apartado sexa a que figura na Orde do 1 de xuño de 2010, que establecía a posibilidade de rateo do importe do crédito existente.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base quinta (10.000 €) e para o anexo C, base quinta (7.500 €).

Quinta.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
Tendo en conta que na base sexta do Anexo A se esixe que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados aos seus asociados, este Comité propón que se engada como criterio de valoración o que establecía o apartado 1.d) do artigo 11º da orde do exercicio 2010 : “d) Actividades realizadas no exercicio 2012 e servizos que prestan aos seus asociados: Ata 15 puntos”.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima e  para o anexo C, base sétima.

Sexta.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado d) desta base valóranse, ata 15 puntos, os acordos de interese profesional concertados.

Este Comité considera que deberían manterse a valoración de ata 10 puntos que establecía a orde do ano 2011, dado que non aparece xustificación axeitada para este incremento.

Sétima.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado 1.g) desta base valóranse os convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia en ata 10 puntos.

Este Comité considera que se deberían valorar tamén os acordos ou convenios que asinasen coas organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima, 1.g) e para o anexo C, base sétima, 1.g).



ANEXO


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son conceptualmente dunha excesiva flexibilidade e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas

Consideración específica:

Anexo A. Base Sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas. Letras a) ata h) do apartado 1.

As organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia consideran que non se concreta suficientemente o baremo aplicado para outorgar a puntuación a cada solicitude.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima e para o anexo C, base sétima.