ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 1 de abril de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, co obxectivo de vincular todas as políticas activas de emprego e a implicación real do tecido empresarial na recuperación do mercado laboral, establécese a obrigatoriedade da participación activa nos programas de fomento da empregabilidade por parte das persoas desempregadas e a colaboración activa das diferentes empresas galegas coa Administración. Isto supón a modificación dos programas de incentivos á contratación que só beneficiarán ás persoas desempregadas participantes activas nos programas de fomento da empregabilidade e ás entidades colaboradoras coa Administración.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 14 de agosto de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de xuño de 2012 (Ditame 13/12), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:

Redúcese o número de programas de cinco a tres, eliminándose o programa de incentivos á contratación indefinida inicial a tempo parcial “programa CONIIP” e o programa de emprego, orientación e formación “programa Emporfor”(artigo 1º).

Obsérvase unha diminución no orzamento total asignado ao conxunto dos programas que supón unha redución de 3.206.437 euros (disposición adicional terceira).

Dentro do programa de incentivos á contratación indefinida inicial, inclúese como novidade a posibilidade de que sexan tamén obxecto de subvención as contratacións a tempo parcial, opción que, na orde anterior, establecíase no programa CONIIP(Anexo I, base primeira).

Tanto neste programa como no  programa de incentivos á transformación de contratos temporais en indefinidos, redúcese de tres a dous anos o período durante o cal a entidade beneficiaria está obrigada a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde (Anexo I, base sétima; Anexo II, base sétima).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, quince artigos, tres disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e tres anexos.

O día 16 de abril de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral e dúas específicas manifestadas pola CIG (anexo I), catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo II), catro específicas manifestadas polas organizacións UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (anexo III), unha específica manifesta polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo IV) e dúas específicas manifestadas pola CEG (anexo V).









DITAME 24/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de abril de 2013, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de abril de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (“beneficiarios” no Anexo I, base sétima), e no uso das barras (“os/as” no artigo 2º), que consideramos non son as solucións máis axeitadas para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego realizaraa o órgano xestor das axudas, agás que fose realizada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité considera que se debería establecer como se resolve este último suposto, xa que non se concreta o modo de realizar esa comprobación.

Segunda.- Artigo 2º. Definicións.
O apartado 3 deste precepto define o concepto de “persoa desempregada de longa duración”, esixindo diferentes períodos de inscrición ininterrompidos segundo a idade da persoa.

Da literalidade da redacción, parece desprenderse que o suposto das persoas que teñan exactamente 45 anos non se atopa regulado, polo que este Comité propón unha revisión da redacción para incluír de xeito específico as persoas de 45 anos.

Terceira.- Artigo 2º. Definicións.
Como xa se indicou nos Ditames 10/2011 e 13/2012, este Comité considera farragosa a redacción do apartado 4 deste artigo, propoñendo que se substitúa por outra que resulte intelixible.

Cuarta.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Quinta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de seis meses.  

Este Comité considera este prazo excesivo e propón que sexa de tres meses. Debe terse en conta que as solicitudes que se presentasen os últimos días do prazo, que remata o 30 de setembro de 2013, serían resoltas no exercicio 2014 xa que o prazo de resolución supera os tres meses.

Sexta.- Artigo 9º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Sétima.- Artigo 15º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose na letra e) as empresas en crise.

Este Comité considera incorrecta a inclusión das “empresas en crise” neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recolla este suposto nun parágrafo separado.




Oitava.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Novena.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décima.- Anexo I. Base Cuarta. Exclusións.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos incentivos as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debería definirse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décimo primeira.- Anexo I. Base Sétima. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que no segundo parágrafo do apartado 1 debería constar a mención do prazo dos 20 días seguintes ao da substitución para a comunicación ao órgano que concedeu a axuda, tal e como figuraba na orde do 2011.






ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

CONSIDERACIÓN XERAL
A CIG ven preconizando e manifestándose reiteradamente nos ditames deste Comité Delegado, sobre a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais. A diminución da precariedade contractual relativa non é produto dun avance na calidade do emprego, senón que resulta do efecto estatístico da expulsión da actividade laboral de persoas traballadoras con contrato non estable, que se ten acentuado como consecuencia da crise económica.

Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:


1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta a problemática da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.

A Orde que agora ditaminamos parece querer avanzar nun destes criterios, en concreto o de destinar as axudas a colectivos específicos. Sen embargo, este aparente avance queda moi mediatizado pola amplitude e diversidade de colectivos definidos no artigo 2, polo que practicamente outorga carácter xeral ás subvencións, e en consecuencia o posible efecto selectivo resulta claramente prexudicado.

Por outro lado, temos que avaliar negativamente que os relativos avances producidos en anos anteriores en canto ao establecemento de plans empresariais de estabilidade laboral e a esixencia dun determinado nivel de taxa de estabilidade para que a empresa poidese acceder a incentivos, resultaran eliminados para o exercicio de 2010, 2011 e 2012 e séguese mantendo esta eliminación para o de 2013.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS

Primeira.- Exposición de motivos.
Na exposición de motivos vencéllase esta orde cuns acordos asinados no seo do “Diálogo Social”. A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que substancialmente, e agás retoques cosméticos, ven sendo reprodución doutras anteriores.

Segunda.- Artigo 10º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 3 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.
A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

























ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Primeira.- Anexo I. Base Segunda. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Segunda.- Anexo I. Base Segunda. Requisitos.
No apartado 5 desta base, establécese que a xornada de contratación indefinida inicial a tempo parcial deberá ser pactada entre o 35% e o 75% da xornada a tempo completo establecida  no convenio colectivo de aplicación.

As organizacións sindicais propoñen que o incentivo á contratación a tempo parcial teña a mesma redacción que figuraba na orde do exercicio anterior, segundo a cal, a contratación debía pactarse ao 50% da xornada a tempo completo.

Terceira.- Anexo I. Base Cuarta. Exclusións.
O apartado 4 desta base recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Cuarta.- Anexo I. Base Sétima. Obrigas das entidades beneficiarias.
Esta disposición obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.
Esta mesma consideración formúlase respecto do Anexo II na Base Sétima.

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Anexo I. Base Sétima. Obrigas das entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que no apartado 2 debería manterse a mesma redacción da orde correspondente ao exercicio anterior.

Igual consideración formúlase respecto do apartado 2 da Base Sétima do Anexo II.

Segunda.- Anexo I. Base Sétima. Obrigas das entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que o termo “netas” que aparece no apartado 2 debería figurar tamén no Anexo II ou, pola contra, que se suprima deste apartado.










ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Anexo I. Base Quinta. Solicitudes e documentación.
No apartado 5 desta disposición esíxese acompañar á solicitude orixinal ou copia compulsada ou cotexada dos documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que non debería esixirse esta documentación posto que existe un convenio de colaboración coa Seguridade Social e xa obra en poder da Administración.

A mesma consideración formúlase respecto do Anexo II, Base Quinta, apartado 5.




























ANEXO V

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo I. Base Primeira. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables.
O apartado 2 desta base relaciona os colectivos de persoas traballadoras que considera prioritarios, incluíndo, na letra e), aos “mozos e mozas desempregados sen cualificación”.

A CEG propón que se elimine a expresión “sen cualificación”, debido a que o contexto económico evolucionou endurecendo as condicións de acceso dos mozos e mozas en xeral ao mercado de traballo, proba do cal é o progresivo incremento das taxas de desemprego xuvenil que se veñen dando dende a posta en marcha deste programa. Por este motivo, solicítase dotar dun maior alcance a esta medida no contexto actual.

Segunda.- Anexo I. Base Sétima. Obrigas das entidades beneficiarias.
A CEG considera que debería eliminarse a palabra “netas” que figura no apartado 2 desta base xa que, dados os cambios sufridos na economía galega e no mercado de traballo e a previsión das circunstancias económicas, este requisito é, na actualidade, excesivamente restritivo para as empresas. A modo de exemplo, podería darse o caso de que as empresas que, no prazo establecido no borrador da orde, tiveran finalizacións de contratos de duración determinada, estiveran obrigadas a reintegrar as axudas.