ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 3 de abril de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo consta na exposición de motivos do proxecto normativo, a crise económica actual está a provocar un aumento do número de persoas traballadoras inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego e, por tanto, das taxas de desemprego. Corresponde á Xunta de Galicia poñer todos os medios ao seu alcance para facer fronte a esta situación, constituíndo as políticas activas de emprego o instrumento axeitado para loitar contra o desemprego.

O tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar á persoa emprendedora como axente dinamizadora da economía na comunidade autónoma. É necesario tamén articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas.

Neste marco e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e para contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que, con potencialidade para crear emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio, que ten unha especial relevancia nesta comunidade autónoma.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

No artigo 9º da Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, recollíase unha subvención para as persoas traballadoras autónomas pola primeira contratación que realizaran con carácter indefinido.

Este proxecto normativo ven a desenvolver o contido dese precepto, ampliándoo, xa que ten por obxecto subvencionar a contratación indefinida de ata tres persoas traballadoras, non só da primeira (exposición de motivos).

Segundo o artigo 3º poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas ou profesionais pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido durante o seu primeiro ano de actividade, así como pola segunda e terceira contratación indefinida nos tres primeiros anos de actividade.

O artigo 6º recolle as contías dos incentivos, que varían en función da pertenza da persoa contratada a un dos seguintes grupos:

-home desempregado
-mozo desempregado de 30 ou menos anos, home desempregado de 45 ou máis anos de idade que sexa parado de longa duración ou muller desempregada.
-moza desempregada de 30 anos ou menos ou muller desempregada de 45 anos ou máis que sexa parada de longa duración.

A contía é maior nos dous últimos grupos.

As solicitudes poden presentarse ata o último día do mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida e, en todo caso, o prazo de presentación remata o 30 de setembro de 2013.

No caso das contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2012 e a data de publicación da orde, as solicitudes poden presentarse no prazo dun mes dende a publicación (artigo 9º).

O prazo para resolver e notificar a resolución será de 6 meses a contar dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación (artigo 13º).

As contías recollidas na Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, ascenden a 3.825.000 euros, sendo estas axudas financiables polo FSE ao 80% (disposición adicional terceira).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinteún artigos, tres disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 16 de abril de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dezasete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, en anexos, as consideracións seguintes sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral e unha específica manifestadas pola CIG (anexo I), dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II), e unha específica manifestada pola CEG (anexo III).


















DITAME 25/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de abril de 2013, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de abril de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Definicións.
Aínda que o precepto leva por título “definicións”, chama a atención o feito de que o segundo e o terceiro parágrafo do apartado 1 recollen temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.

Este Comité propón que os referidos parágrafos se recollan noutro precepto distinto.

Segunda.- Artigo 2º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo establécese que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora desempregada como demandante de emprego realizaraa o órgano xestor das axudas, agás que fose realizada fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité considera que se debería establecer como se resolve este último suposto, xa que non se concreta o modo de realizar esa comprobación.

Terceira.- Artigo 2º. Definicións.
O apartado 3 deste precepto define o concepto de “persoa desempregada de longa duración”, esixindo diferentes períodos de inscrición ininterrompidos segundo a idade da persoa.
Da literalidade da redacción parece desprenderse que o suposto das persoas que teñan exactamente 45 anos non se atopa regulado, polo que este Comité propón unha revisión da redacción para incluír dun xeito específico as persoas de 45 anos.

Cuarta.- Artigo 3º. Persoas beneficiarias.
No apartado 4 deste precepto obsérvase un erro de concordancia de número, ao dispoñer que “non poderá obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas nas que concorran algunha das circunstancias  previstas no artigo 10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia”.

Este Comité propón a corrección desta redacción.

Quinta.- Artigo 3º. Persoas beneficiarias.
No apartado 4 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Sexta.- Artigo 5º. Requisitos.
No apartado 4 deste precepto, obsérvase un erro de concordancia de xénero ao esixir que “non se houberan realizado dous ou máis contratacións indefinidas (...)”, polo que se propón a súa corrección.

Sétima.- Artigo 5º. Requisitos.
O apartado 5 deste precepto esixe, nas contratacións indefinidas polas que se solicita a subvención, que exista correspondencia entre a categoría da titulación académica que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.

Este Comité entende que se debería suprimir tal requisito.

Oitava.- Artigo 7º. Exclusións.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos beneficios as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal.

Este Comité considera que debería definirse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Novena.- Artigo 10º. Autorizacións.
No apartado 5 faise referencia a o artigo 5º da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Emprégase un estilo directo ao recoller o contido dese artigo, empregando a expresión “infórmaselle”, polo que se propón a súa corrección.



Décima.- Artigo 13º. Resolución e recursos.
No apartado 1 establécese que a resolución seralle notificada ao “interesado”.

Este Comité entende que a utilización do masculino xenérico non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que propón que se substitúa por “persoa interesada”.

Décimo primeira.- Artigo 13º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de seis meses.  

Este Comité considera este prazo excesivo e propón que sexa de tres meses. Debe terse en conta que as solicitudes que se presentasen os últimos días do prazo, que remata o 30 de setembro de 2013, serían resoltas no exercicio 2014 xa que o prazo de resolución supera os tres meses.

Décimo segunda.- Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.
Á vista dos apartados 1 e 3 deste precepto, así como do artigo 17º, parece que se establecen diferentes límites de compatibilidade, polo que este Comité considera que se debería harmonizar o contido dos apartados e artigo sinalados.

Décimo terceira.- Artigo 17º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Décimo cuarta.- Artigo 21º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose na letra e) as empresas en crise.

Este Comité considera incorrecta a inclusión das “empresas en crise” neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recolla este suposto nun parágrafo separado.

Décimo quinta.-Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo sexta.-Disposicións adicionais.
Obsérvase como, na numeración de cada unha das disposicións adicionais como primeira, segunda e terceira, figura a expresión “disposicións adicionais”, cando debería figurar en singular.


Décimo sétima.-Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.









































ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

CONSIDERACIÓN XERAL
A Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

- As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen (entre os que se debe ter en conta a problemática laboral da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
- Destina os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.
- Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que: “Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A CIG considera que debería constar, en vez do establecido no citado apartado que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.













ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 7º. Exclusións.
O apartado 4 desta base recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Segunda.- Artigo 16º. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado 9 deste artigo obriga ás persoas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.

Esta mesma consideración formúlase respecto do apartado 10 do mesmo precepto.





















ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 7º. Exclusións.
O apartado 2 deste precepto exclúe dos beneficios deste proxecto normativo os contratos realizados con familiares, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, con algunha excepción.

A CEG propón que se suprima esta exclusión, que non figura recollida no artigo 9 da Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.