ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES


O día 15 de abril de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde agrupa os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, regulando nos seus Anexos A e B, respectivamente, os programas de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e de emprego con apoio como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

As subvencións pola contratación das persoas con discapacidade establecidas nesta orde, en concorrencia coas bonificacións das cotas á Seguridade Social, resultan un apoio á obriga legal sobre a cota de reserva a favor das persoas con discapacidade.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da Orde publicada no DOG o día 27 de agosto de 2012 e o ditame emitido polo Consello con data 13 de febreiro de 2012 (ditame 2/12), obsérvase que foron aceptadas algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no ditame.


O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Os créditos asignados ao programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria supoñen unha redución de 114.250 euros respecto á orde para o exercicio anterior (disposición adicional sexta). Pola contra, as contías asignadas ao programa de emprego con apoio non varían.  

Modifícase a base décima do Anexo A, que regula as incompatibilidades e concorrencias dentro do programa de fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, establecendo que as axudas non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades (na orde anterior as anualidades eran tres), ou o 100% do custo salarial da contratación temporal subvencionada (este último inciso é unha novidade, posto que non figuraba na orde anterior).

Polo que respecta ás obrigas das persoas ou entidades beneficiarias (base décimo primeira, Anexo A), redúcese de tres a dous anos o período mínimo durante o que se debe manter ás persoas contratadas con carácter indefinido.
En canto aos criterios de avaliación dentro do programa de emprego con apoio (base décimo primeira, Anexo B), suprímese o apartado f) que outorgaba ata 5 puntos polo emprego da lingua galega na elaboración e realización do proxecto, cuestión que agora tan só será avaliada como criterio auxiliar para distinguir entre as solicitudes ás que se lles asignara o mesmo número total de puntos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezaseis artigos, nove disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e dous anexos.

O día 24 de abril de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas consideracións xerais e tres específicas manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).




DITAME 26/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de promoción da integración laboral das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, e do Programa de emprego con apoio, como medida de fomento do emprego de persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de abril de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de abril de 2013 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo “os administradores” no artigo 2º.d) e o uso xeral das barras (por exemplo, “incluídos/as” no artigo 3º), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité non pode compartir a importante minoración do orzamento adicado á integración laboral das persoas con discapacidade, que supón un recorte de case o 80% en tres anos.

Terceira.
Obsérvase que no proxecto normativo non se recollen as subvencións para financiar o desenvolvemento de plans de prospección laboral.

Este Comité non está conforme coa supresión destas subvencións e propón que se volvan a regular no proxecto normativo, considerándose imprescindibles as actuacións de prospección laboral consistentes na promoción, difusión, asesoramento, busca activa, selección, entrevista e consulta e información ás potenciais entidades empregadoras dos traballadores e traballadoras con discapacidade cuxa inserción laboral se persegue.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses, agás as de concorrencia competitiva (Anexo B) nas que se debería establecer un prazo de tres meses desde o último día de presentación de solicitudes.

Segunda.- Artigo 11º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 13º, faise referencia á obtención concorrente de axudas ou subvencións “outorgadas por entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Terceira.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo, así como na base oitava do Anexo A e na décima do Anexo B, utilízanse nas clasificacións as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as nove disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Quinta.- Disposición derradeira primeira e disposición derradeira segunda.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.
Sexta.- Anexo A. Terceira. Exclusións e requisitos.
No apartado 3 desta base establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose na letra e) as empresas en crise.

Este Comité considera incorrecta a inclusión das “empresas en crise” neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recolla este suposto nun parágrafo separado

Sétima.– Anexo B. Sexta. Requisitos e duración dos proxectos de emprego con apoio.
A letra f) do apartado 1 desta base dispón que no proxecto de emprego con apoio deberá constar “o nomeamento, por parte da empresa que vai contratar ás persoas traballadoras con discapacidade que van recibir apoio, entre o seu persoal, da figura do coordinador/a do proxecto con apoio, que desenvolverá accións para facilitar as relacións entre as persoas con discapacidade, os preparadores e preparadoras laborais, e o persoal da empresa, así como o seguimento e avaliación por parte da empresa”.

Tendo en conta os labores a desempeñar pola figura da persoa coordinadora, este Comité suxire que se esixa como requisito necesario a posesión dunha titulación universitaria da rama social.

Oitava.- Anexo B. Oitava. Preparadores e preparadoras laborais.
O apartado 1 desta base establece que “as accións de emprego con apoio serán levadas a cabo por preparadores e preparadoras laborais, que deberán estar en posesión dunha titulación mínima de formación profesional de grao medio ou equivalente e acreditar unha experiencia previa de polo menos un ano en actividades de integración laboral de persoas con discapacidade que os capacite para a realización das funcións propias do seu posto”.

Este Comité considera que se debería explicitar na orde que as titulacións precisas para o desenvolvemento do posto de preparador ou preparadora laboral son as do ciclo de formación profesional de grao superior “Integración social” ou calquera das diplomaturas e/ou licenciaturas da rama social.

Novena.- Anexo B. Décimo primeira. Criterios de avaliación e adxudicación de solicitudes.
No proxecto de Orde que se recibiu orixinariamente no Consello Galego de Relacións Laborais para o seu ditame, figuraba no apartado 2, letra f), entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto de emprego con apoio. Ata 5 puntos.”

Con posterioridade, recíbese no Consello un novo texto, que modifica o dito precepto, eliminando a letra f), que é substituída por un último parágrafo no apartado 2, a saber: “Avaliarase o emprego da lingua galega na elaboración e na realización do proxecto de emprego con apoio, como criterio auxiliar para distinguir entre as solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos anteriores criterios”.  Por outro lado, os 5 puntos que correspondían engádense no criterio de avaliación identificado coa letra e).

Este Comité Delegado entende que debe manterse a redacción inicial deste precepto, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décima.- Anexo B. Décimo segunda. Pagamento e xustificación.
No apartado 3, letra a) desta base, esíxese a presentación da “certificación de gastos relativos aos custos salariais e de seguridade social dos preparadores e preparadoras laborais polos/as cales se concedeu a subvención, segundo o modelo do Anexo VII-B, xunto con copia das nóminas e dos documentos de transferencia bancaria que xustifiquen o seu pagamento.”

Este Comité considera que, ademais da transferencia bancaria, se deberían ter en conta os demais medios legais existentes para o pagamento dos salarios.

ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

CONSIDERACIÓNS  XERAIS:

Primeira.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amósanos a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.



Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.

Segunda.
As organizacións sindicais que integran este Comité non consideran unha medida de mellora o fomento da contratación temporal, xa que non se está a fomentar unha verdadeira integración estable das persoas pertencentes aos colectivos sinalados, funcionando máis como un programa de formación ou prácticas, cunha periodicidade anual.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Anexo A. Décimo primeira. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
O apartado 1 desta base obriga a manter no cadro de persoal ás persoas contratadas por un período mínimo de dous anos, no suposto da contratación indefinida ou da transformación do contrato temporal en indefinido.

Obsérvase unha rebaixa nese período que na orde do exercicio anterior era de tres anos.
As organizacións sindicais consideran que, cando menos, debería manterse a previsión da orde anterior aínda que sería máis adecuado aumentalo a cinco anos, como xa se ven considerando respecto das restantes ordes semellantes.

Segunda.- Anexo A. Décimo primeira. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
O último parágrafo do apartado 1 desta base concede un prazo de tres meses dende a data da baixa da persoa traballadora para realizar a súa substitución.

As organizacións sindicais consideran este prazo excesivo, polo que se propón que se reduza sensiblemente.

Terceira.- Anexo B. Décimo primeira. Criterios de avaliación e adxudicación de solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime novena, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego no proxecto pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas polo Anexo B desta Orde (Programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea. De feito, os restantes criterios de avaliación que permanecen, refírense a número de persoas traballadoras discapacitadas contratadas, integración da dimensión de igualdade de oportunidades, tipo e grao de discapacidade, modalidades de contratación, etc. Por estas razóns é polo que se considera que debe manterse a redacción inicial deste proxecto.

























ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo A. Sexta. Subvención pola contratación temporal.
No apartado 1, parágrafo 2º desta base, establécese que a duración inicial mínima da contratación temporal é de 12 meses.

A organización empresarial que integra este Comité considera que a duración mínima do contrato de duración determinada debería ser de 6 meses, ao igual que o disposto na base cuarta do Anexo B.

Segunda.- Anexo B. Cuarta. Persoas destinatarias finais.
A CEG non comparte a eliminación, no apartado 2 desta base, do disposto en ordes de exercicios anteriores respecto á duración da xornada de traballo, polo que propón que se recupere o referido apartado, que dicía textualmente: “No suposto de contratación a tempo parcial, a xornada de traballo será polo menos do 50% da xornada dun traballador a tempo completo comparable”.