ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013

I. ANTECEDENTES

O día 15 de abril de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Nesta orde regúlanse os programas que teñen por obxecto establecer incentivos para a creación de emprego das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, recollendo nos seus Anexos A e B, respectivamente, o programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e o programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego.
O Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, agás a subvención do custo salarial que é regulada noutra orde da Consellería de Traballo e Benestar.
Os incentivos para a integración laboral das persoas con discapacidade establecidos nesta orde para a creación de emprego nos centros especiais de emprego, complementanse cos  previstos na orde desta consellería pola que regulan os programas de incentivos para o fomento da contratación das persoas con discapacidade na empresa ordinaria e o programa de emprego con apoio como medida de fomento do emprego das persoas con discapacidade no mercado ordinario de traballo.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da Orde publicada no DOG o día 9 de marzo de 2012 e o ditame emitido polo Consello con data 3 de xaneiro de 2012 (ditame 1/2012), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


O novo proxecto normativo contén as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

En canto á xustificación e pagamento (artigo 10º), neste proxecto normativo introdúcese como novidade un inciso no apartado 4 segundo o cal, tanto o pagamento dos gastos obxecto das subvencións como a emisión e pagamento das facturas, deberán terse realizado antes do 20 de decembro de 2013.

A disposición adicional sexta, que recolle as aplicacións orzamentarias e o importe dos créditos asignados a estes programas, amosa unha importante minoración nas contías que, no caso do programa de integración laboral das persoas con discapacidade, supón unha redución dun 73% (ao pasar de 1.500.000 euros a tan só 400.000), mentres que no programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional a minoración é dun 30% (pasa de 600.000 euros a 420.700,71 euros).

Este proxecto inclúe, como novidade, a cofinanciación por parte do Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80%, do programa de subvención ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego (disposición adicional sétima).

A base terceira do Anexo A regula os proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego. O apartado segundo desta base recolle, entre os criterios para determinar a contía das axudas, a porcentaxe de persoas traballadoras con discapacidade respecto do total do cadro de persoal.
Suprímese, neste proxecto normativo, a posibilidade de optar á contía máxima cando o número de persoas con discapacidade supere o 70% e se complete o cadro de persoal ata superar o 90% coa contratación doutros colectivos en risco de exclusión social, opción que permitía o proxecto do exercicio anterior.

En canto aos criterios de avaliación dentro do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (base décima, Anexo B), suprímese o apartado e) que outorgaba ata 5 puntos polo emprego da lingua galega na elaboración da memoria e no desenvolvemento da unidade de apoio, cuestión que agora tan só será avaliada como criterio auxiliar para distinguir entre as solicitudes ás que se lles asignara o mesmo número total de puntos.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezasete artigos, sete disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e dous anexos.


O día 24 de abril de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e nove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG.



















DITAME 27/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de abril de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de abril de 2013 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Este Comité observa que no texto do proxecto normativo existen algunhas incorreccións en materia de xénero como o uso do masculino xenérico (por exemplo “polo representante legal” no Anexo A, base quinta) e o uso das barras (por exemplo, “contratados/as” no Anexo A, base terceira), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver e notificar a resolución será de seis meses.

Este Comité considera que este prazo resulta excesivamente longo, polo que propón que a resolución se dite no prazo de tres meses.

Segunda.- Artigo 12º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 14º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia con outras subvencións.... ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Terceira.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Neste artigo, así como na base novena do Anexo B, faise referencia ás letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as sete disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Quinta.- Disposición derradeira primeira e disposición derradeira segunda.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Sexta.- Anexo A. Quinta. Solicitudes e documentación.
No apartado 4, letra d) e no apartado 6, letra f), desta base, esíxese a presentación de “balance e conta de perdas e ganancias provisionais para o exercicio corrente e os dous próximos”.

Este Comité sinala a escasa claridade destas disposicións, posto que os balances provisionais e, moito máis, a conta de perdas e ganancias son estados contables futuribles, que non poden coñecerse no momento da presentación da solicitude de axuda.

Se a finalidade deste apartado é esixir a presentación do orzamento, debería mencionarse expresamente dese xeito nestas disposicións.

Sétima.- Anexo B. Oitava. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que as unidades de apoio á actividade profesional estarán compostas por persoas profesionais técnicas de grao medio ou superior.

Este Comité considera que deberían esixirse titulacións da rama social para acceder á categoría de persoal técnico, tendo en conta o obxectivo da orde e o colectivo específico ao que se refire.

Oitava.- Anexo B. Oitava. Composición das unidades de apoio á actividade profesional.
Esta disposición establece que os centros especiais de emprego que accedan a estas subvencións deberán dispoñer de unidades de apoio á actividade profesional, compostas por persoas profesionais técnicas e por persoas encargadas de apoio á produción.

Este Comité considera que debería regularse con maior concreción a figura de “persoas encargadas de apoio á produción”.

Novena.- Anexo B. Décima. Comisión e criterios de avaliación e adxudicación.
No proxecto de Orde que se recibiu orixinariamente no Consello Galego de Relacións Laborais para o seu ditame, figuraba no apartado 2, letra e), entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración da memoria e no desenvolvemento da unidade de apoio á actividade profesional. Ata 5 puntos.”

Con posterioridade, recíbese no Consello un novo texto, que modifica o dito precepto, eliminando a letra e), que é substituída por un último parágrafo no apartado 2, a saber: “Avaliarase o emprego da lingua galega na elaboración da memoria e no desenvolvemento da unidade de apoio á actividade profesional, como criterio auxiliar para distinguir entre as solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos anteriores criterios”.  Por outro lado, os 5 puntos que correspondían engádense no criterio de avaliación identificado coa letra d).

Este Comité Delegado entende que debe manterse a redacción inicial deste precepto, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.












ANEXO


CONSIDERACIÓNS XERAL  E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre a empresa na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Existen dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

A realidade amosános a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma da que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.



Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de Emprego.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS:

Primeira.- Anexo B. Sétima. Subvencións e a súa contía.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestan a súa disconformidade coa supresión do apartado 2 desta base, que establecía que os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, que tiveran no seu cadro de persoal 5 ou menos persoas traballadoras con discapacidade, cun contrato indefinido e a xornada completa, poderían percibir unha subvención de ata  50% dos custos da unidade de apoio á actividade profesional, propoñendo que se reincorpore ao proxecto normativo.

Segunda.- Anexo B. Décima. Comisión e criterios de avaliación e adxudicación
En relación coa consideración específica unánime novena, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas polo Anexo B desta Orde (Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea. De feito, os restantes criterios de avaliación que permanecen refírense a porcentaxes de persoas traballadoras discapacitadas, porcentaxes de mulleres e número de persoas discapacitadas. Por estas razóns é polo que se considera que debe manterse a redacción inicial deste proxecto.