ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

I. ANTECEDENTES

O día 29 de abril de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31º que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38º dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 20 de xaneiro de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 16 de decembro de 2012, obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

En primeiro lugar, suprímense catro das seis liñas de axudas: a subvención para asistencia técnica, a subvención para formación, a axuda excepcional e a subvención pola primeira contratación indefinida, aínda que esta última axuda é obxecto dunha orde independente que tamén subvenciona ata a terceira contratación indefinida. Segundo a exposición de motivos deste proxecto normativo: “con esta simplificación preténdese reducir os prazos para a percepción das subvencións solicitadas”.

O artigo 4º establece, no seu apartado 2, as contías da subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia. Como novidade, nos seus apartados 3 a 6 recolle unha serie de supostos nos que esas contías se ven incrementadas.

O prazo para resolver e notificar a resolución redúcese de 6 a 5 meses neste proxecto de orde (artigo 10º).

En canto ás obrigas das persoas beneficiarias (artigo 12º), obsérvase que o tempo mínimo durante o cal se esixe a realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención pasa de tres a dous anos.

Finalmente, obsérvase unha redución dun 34,3% no crédito asignado a estas axudas (disposición adicional cuarta).

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 13 de maio de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catorce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, tres consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.





DITAME 28/2013






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de abril de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de maio de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo figuran algunhas incorreccións puntuais en materia de xénero: no uso do masculino xenérico (por exemplo, nos artigos 2º.2, 4º.2.A e 5º.2.A e B), no emprego das barras (por exemplo: artigo 2.1, artigo 2.2, artigo 3.1.VII) e na denominación dos cargos públicos na disposición adicional cuarta “director xeral”.

Tendo isto en conta, proponse unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, xa que, ademais, as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Neste proxecto de orde elimínanse catro das seis liñas de axuda recollidas na orde do exercicio anterior: a subvención para asistencia técnica, a axuda excepcional, a subvención para formación e a subvención pola primeira contratación indefinida, aínda que esta última é obxecto dunha orde independente.

Este Comité considera que, sobre todo, as dúas primeiras axudas mencionadas contribuían dun xeito moi importante á posta en marcha dos negocios das persoas autónomas, ao suplir os problemas de liquidez iniciais.


Por iso, proponse que as liñas de axuda eliminadas sexan recuperadas ou, subsidiariamente, que os créditos que se lles viñan asignando se destinen ás liñas subsistentes, agás a parte correspondente á subvención pola contratación indefinida que conta xa co seu propio financiamento.

Terceira.
Este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que, debido á publicación tardía de que será obxecto este proxecto de orde, non se pode garantir a eficacia do desenvolvemento do programa.

Por iso, proponse que a orde reguladora destas axudas sexa tramitada no último trimestre do exercicio inmediatamente anterior ao que se subvenciona, de xeito que poida publicarse ao inicio do mes de xaneiro e garantir así que o programa permaneza vixente todo o ano. Subsidiariamente, proponse que o programa teña carácter plurianual e unicamente sexa obxecto de publicación anual a convocatoria de axudas.

Por outro lado, considérase que a concatenación dos prazos fixados neste proxecto de orde para a presentación de solicitudes (artigo 6º) e para a súa resolución (artigo 10º) dá lugar a unha demora excesiva, habida conta de que non se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, polo que se propón que se establezan prazos máis flexibles para evitar que a vixencia das axudas que se regulan neste proxecto de orde, poida quedar limitada a un período demasiado breve.

En consecuencia co anterior, proponse que o prazo para resolver e notificar a resolución sexa de tres meses en lugar dos cinco que establece o apartado 2 do artigo 10º.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queren mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Segunda.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo exclúe das axudas reguladas no proxecto normativo “os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e autónomos colaboradores”.

Este Comité considera que debe aclararse o alcance do termo “autónomos colaboradores” para os efectos desta orde.

Terceira.- Artigo 3º. Definicións.
Na orde do exercicio 2010, no número VI do apartado 1 deste artigo, definíase o concepto de persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares, facendo unha referencia ao salario mínimo interprofesional.

Este Comité solicita que se inclúa novamente esta definición no proxecto normativo e, así mesmo, tendo en conta que, para recoñecer o subsidio por desemprego, a Lei xeral da Seguridade Social esixe non superar o 75% da contía do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de pagas extras, este Comité considera que debería clarificarse se no concepto de salario mínimo interprofesional empregado na orde obxecto deste ditame debe incluírse ou non o rateo de pagas extras.

Cuarta.- Artigo 3º. Definicións.
No apartado 2 deste artigo establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.

Igual consideración formúlase para o artigo 12º.

Quinta.- Artigo 4º. Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia.
No apartado 3 deste precepto dáselles prioridade a determinados colectivos, incrementando a contía da axuda.

Este Comité considera que se debería incluír entre eses colectivos o das persoas desempregadas que capitalicen a prestación por desemprego para iniciar un novo negocio.

Sexta.- Artigo 4º. Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia.
Este artigo recolle en primeiro lugar as contías das subvencións para, posteriormente, nos apartados 3, 4 e 5, establecer os supostos en que esas contías se ven incrementadas, para finalmente, no apartado 6, relacionar os requisitos que permiten o acceso a eses incrementos.

Este Comité propón que, en prol da claridade, o establecido no apartado 6 figure con anterioridade ao apartado 3 e se numere de novo os apartados seguintes como corresponda.

Sétima.- Artigo 5º. Subvención financeira.
No terceiro parágrafo do apartado 1 deste artigo faise referencia a que os préstamos deben estar formalizados entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 30 de setembro de 2013.

Este Comité considera que o disposto neste parágrafo entra en colisión co prazo estipulado no apartado 1 do artigo 1º (desde o 11 de setembro de 2012 ata o 30 de setembro de 2013), xa que non se subvencionaría a alta dun autónomo ou autónoma posterior a esa data, pero si a solicitude dunha subvención financeira para a posta en marcha do proxecto empresarial, polo que se propón a modificación desta disposición.

Oitava.- Artigo 11º. Xustificación e pagamento.
Nos apartados 4 e 5 deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse xa que supón unha limitación, especialmente no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.

Novena.- Artigo 11º. Xustificación e pagamento.
O apartado 8 deste precepto establece que as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa do pagamento no prazo que fixe a resolución de concesión, que non poderá exceder de 15 días hábiles. Na orde do exercicio anterior prevíase a posibilidade excepcional de prorrogar o devandito prazo noutros 15 días hábiles, inciso que xa non figura no actual proxecto.

Este Comité propón que se recupere esa posibilidade de prórroga.

Décima.- Artigo 13º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo e no artigo 14º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia coas concedidas.... ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debe substituírse por “estatal ou estatais”.

Décimo primeira.- Artigo 15º. Revogación e reintegro.
No apartado 4 deste precepto regúlase a cancelación e a amortización parcial do préstamo como suposto de incumprimento total, empregando unha redacción que resulta confusa, polo que se propón unha aclaración do que se considera incumprimento por amortización parcial e por cancelación.

Décimo segunda.- Artigo 17º. Réxime das axudas.
No apartado 2 deste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose na letra c) as actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros nunha serie de supostos.
Este Comité considera incorrecta a inclusión desas actividades neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recolla este suposto nun parágrafo separado.


Décimo terceira.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo cuarta.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Primeira. – Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo establécese que quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda, considerando que deben ser beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia.

Segunda. Artigo 3º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1. VII deste artigo establécese que non se terán en conta os investimentos realizados .... agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería especificarse na orde que se entende por “investimentos imprescindibles”.

Terceira. - Artigo 5º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 1 deste artigo, parágrafo segundo, non se admitirán a efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados agás nos casos de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.