ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/13

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de maio de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Consellería de Traballo e Benestar dentro dos programas de incentivos de apoio ao autoemprego, xestiona os programas de apoio ás Iniciativas Locais de Emprego (ILE) e o das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), que apoian especialmente a aquelas empresas que se implanten nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego de mozos e mulleres en situación de desemprego.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG do 28 de marzo de 2011 e o Ditame 8/2011, emitido polo Consello con data 16 de febreiro de 2011, obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Como principal novidade, este proxecto refunde os programas de apoio ás Iniciativas Locais de Emprego (ILE) e o das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E),  dada a similitude de ambos programas (exposición de motivos).

En consecuencia, inclúense como entidades beneficiarias (artigo 3º) as empresas privadas constituídas e que iniciasen a súa actividade, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que obtivesen a cualificación como iniciativa local de emprego, sempre que non transcorrese máis dun ano dende a notificación da resolución de cualificación ou no prazo que se estableza na resolución.

O prazo para resolver e notificar a resolución redúcese de seis a cinco meses (artigo 17º).

En canto ás obrigas das persoas beneficiarias (artigo 20º), obsérvase que o tempo mínimo durante o cal se esixe a realización da actividade que fundamenta a concesión da subvención pasa de tres a dous anos.

En canto á financiación destas subvencións, a disposición adicional cuarta fixa a contía do crédito asignado en 4.445.360 euros, o que supón un aumento de 2.536.742 euros.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e seis artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 20 de maio de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezaseis específicas, todas elas de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma; unha xeral e unha específica manifestadas pola CIG (Anexo I); unha específica manifestada polas tres organizacións sindicais (Anexo II); dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo III); tres específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV) e unha específica manifestada pola organizacións sindicais UGT-Galicia e CIG (Anexo V).


DITAME 29/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de maio de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de maio de 2013, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “mozos” na exposición de motivos e  artigos 1º, 4º, 6º) e o uso das barras nos artigos 3º, 4º, 15º e 20º, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que, debido á publicación tardía de que será obxecto este proxecto de orde, non se pode garantir a eficacia do desenvolvemento do programa.

Por iso, proponse que a orde reguladora destas axudas sexa tramitada no último trimestre do exercicio inmediatamente anterior ao que se subvenciona, de xeito que poida publicarse ao inicio do mes de xaneiro e garantir así que o programa permaneza vixente todo o ano. Subsidiariamente, proponse que o programa teña carácter plurianual e unicamente sexa obxecto de publicación anual a convocatoria de axudas.

Por outro lado, considérase que o prazo para resolver e notificar a resolución en relación co prazo fixado para a presentación de solicitudes dá lugar a unha demora excesiva, habida conta de que non se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, polo que se propón que o prazo de resolución sexa de tres meses en lugar dos cinco que establece o apartado 2 do artigo 17º.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.
Obsérvase que, no apartado 1 deste artigo, suprímese a referencia a que as iniciativas emprendedoras deberían estar promovidas por persoas desempregadas, inciso que se recollía na orde anterior publicada no DOG o 28/03/2011 e que desaparece de novo neste proxecto normativo.

Este Comité considera que eliminando esta alusión se desvirtuaría o carácter da orde, como consta na exposición de motivos “o programa das “Iniciativas Emprendedoras e de Emprego” (I+E+E) apoia especialmente a aquelas empresas que se implanten nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego de mozos e mulleres en desemprego”, pois o que se pretende é o fomento destas iniciativas polas persoas desempregadas.  

Segunda.- Artigo 4º. Definicións.
No parágrafo segundo do apartado a) deste artigo, establécese que a comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como persoa demandante de emprego, na data da alta na Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que a inscrición fose realizada noutro servizo público de emprego distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este Comité considera que se debería establecer no texto do artigo quen realiza a comprobación cando a inscrición é realizada nun servizo público de emprego distinto ao da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.- Artigo 4º. Definicións.
Na letra h) deste artigo establécese que persoas terán a consideración de desempregadas de longa duración.

Este Comité considera que debería substituírse na última liña a expresión “se fosen maiores de 25 e menores de 45 anos” pola de “se fosen maiores de 24 e menores de 45 anos”, para evitar a exclusión das persoas de 25 anos.

Cuarta.- Artigo 4º. Definicións.
Neste artigo utilízanse na clasificación as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Quinta.- Artigo 7º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Sexta.- Artigo 7º. Subvención financeira.
No apartado 4 deste artigo indícase que a solicitude desta subvención deberá presentarse no mes seguinte ao inicio da actividade.

Este Comité propón que o prazo debería ser de tres meses, tal e como se establecía na orde do ano 2009.

Sétima.- Artigo 9º. Subvención para o inicio da actividade.
O apartado 2 deste precepto esixe xustificar os gastos subvencionables mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

Este Comité considera que, ademais dos documentos bancarios, se deberían ter en conta os demais medios legais existentes para o pagamento.

Oitava.- Artigo 11º. Incremento dos incentivos.
Este artigo establece un incremento do 25% na contía máxima das axudas para os supostos en que a empresa teña o seu domicilio social e centro de traballo nun concello das provincias de Lugo e Ourense.

Este Comité considera que se debería ter en conta que existen outras zonas de Galicia, non pertencentes a estas provincias, nas que, polo seu grao de desenvolvemento económico, estaría xustificado tamén ese incremento.

Novena.- Artigo 13º. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2013.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Décima.- Artigo 15º. Documentación.
O apartado 3, letra c), ítem cuarto deste precepto establece: “De conformidade co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros, prevista para o contrato menor no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público, no suposto de prestación de servizos de consultoría ou asistencia técnica, a persoa interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores (…)”.

Este Comité considera que se debería modificar esa redacción para aclarar que o suposto de prestación de servizos de consultoría ou asistencia técnica se refire ao proxecto de orde que se somete a ditame e non ao artigo 29º da Lei de subvencións de Galicia, polo que propón a seguinte redacción: “De conformidade co establecido no artigo 29º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros, prevista para o contrato menor no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público, a persoa interesada, no suposto de prestación de servizos de consultoría ou asistencia ténica, deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores (...)”.

Décimo primeira.- Artigo 15º. Documentación.
O apartado 3.d) deste artigo esixe acompañar á solicitude o orzamento dos gastos necesarios para o inicio da actividade, con indicación daqueles aos que se vai destinar a subvención.

Na orde do exercicio de 2009, o referido apartado esixía ademais indicar as fontes de financiamento, considerando este Comité que debería establecerse tamén neste proxecto normativo a esixencia de indicar que gastos necesarios se destinarán á subvención e cales son as fontes de financiamento.

Décimo segunda.- Artigo 18º. Xustificación e pagamento.
No segundo parágrafo do apartado 3 deste precepto establécese que: “As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real Decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que regula as obrigas de facturación (...).

Este Comité considera que se debería corrixir esa redacción evitando a cacofonía.

Décimo terceira.- Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo, ao igual que no artigo 21º, menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Décimo cuarta.- Artigo 25º. Axudas baixo condicións de minimis.
Este precepto recolle os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas, incluíndose na letra c) as actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou estados membros nunha serie de supostos.

Este Comité considera incorrecta a inclusión desas actividades neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recolla este suposto nun parágrafo separado.



Décimo quinta.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais .

Décimo sexta.- Disposicións Finais.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran unha disposición derradeira primeira [sic].e unha disposición derradeira segunda [sic]. que deberían denominarse “Disposicións finais” primeira e segunda, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

En relación coa subvención á xeración de emprego estable, a Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, entre os que deberían terse en conta o dos mozos e mozas desempregados, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.



CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O apartado 2 deste artigo establece que cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores ou traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debería constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.











ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo, no seu apartado 2, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de dous anos.

As organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se pervirta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dáse o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.


























ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O penúltimo parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia propoñen que non se incentiven os contratos a tempo parcial, por entender que antes de calquera promoción do traballo a tempo parcial é necesario mellorar a súa regulación, de tal maneira que se favoreza unha maior protección dos dereitos e intereses das traballadoras e dos traballadores.

Segunda.- Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O apartado 4 deste artigo establece que poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de outubro de 2012 e ata o 30 de setembro de 2013.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia consideran que debería esixirse que os postos de traballo estables que se creen sexan sempre para persoas desempregadas dos colectivos subvencionables, debendo figurar no texto da orde os seguintes:

 Persoas desempregadas de longa duración.
 Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego.
 Persoas desempregadas de máis de 45 anos.
 Mozas e mozos.
 Vítimas de violencia de xénero.
 Persoas con discapacidade.
 Persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social.
 Mulleres.







ANEXO IV


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.-Artigo 4º. Definicións.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que deberían poder ser persoas beneficiarias deste programa de axudas aquelas persoas que realicen un traballo por conta allea de prestación de servizos de duración igual ou inferior a dúas horas diarias, sempre que cumpran as condicións requiridas.

Segunda.-Artigo 9º. Subvención para o inicio da actividade.
No primeiro parágrafo do apartado 2 deste precepto establécese que serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade, especificando no parágrafo seguinte o tipo de gastos aos que se fai referencia, como son: gastos de constitución da empresa, compra de mercadorías ou de materias primas, entre outros.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se deberían subvencionar tamén os gastos producidos durante un período previo ao inicio da actividade (2-3 meses), por haber gastos que, necesariamente, teñen lugar antes do inicio da actividade, como os gastos de constitución ou a compra de mercadorías,

Terceira.-Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste precepto establécese que: “En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria”.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe aclararse o que se entende por “custo da actividade”.

Ademais, propón que o límite da contía das axudas, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións” poida acadar o 100% do custo.




ANEXO V


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste precepto redúcese de tres a dous anos o período durante o cal as empresas beneficiarias das axudas teñen a obriga de manter a forma xurídica pola que se lles concederon as subvencións.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e CIG consideran que se debería manter o prazo de tres anos previsto na orde anterior.