ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de xuño de 2013 recibiuse no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual da persoa traballadora.

O Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, ten como obxecto ofrecer ás persoas traballadoras, tanto ocupadas como desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas e as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal dos traballadores, de forma que os capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego. Entre as iniciativas que recolle este real decreto figuran os plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, que son obxecto de regulación nesta orde de convocatoria.

A Orden TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o dito Real Decreto, desenvolve a formación de oferta co obxectivo de integrar e dar un tratamento coherente e unitario a toda a formación de oferta dirixida ao conxunto dos traballadores, ocupados e desempregados, e regula as bases que deben rexer a concesión de subvencións públicas destinadas a financiar dita formación polas diferentes Administracións Públicas no seu ámbito de xestión.

As axudas previstas no proxecto de orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e pola Administración Xeral do Estado e están incluídas no Programa Operativo Plurirrexional  “Adaptabilidade e Emprego”, imputables ao novo período de programación dos fondos estruturais 2007-2013.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 14 de setembro de 2012 e o Ditame 18/2012, emitido polo Consello con data 18 de xullo de 2012, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas pola CEG.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Inclúese, no actual proxecto de orde, unha maior regulación da modalidade de teleformación para garantir a súa calidade (artigo 6º).

No mesmo precepto engádese un apartado 7 no que se desenvolve, en dez puntos, o sistema de avaliación da formación, que non figuraba na orde do exercicio anterior.

O artigo 5º relaciona os colectivos que poderán solicitar a súa participación nos plans de formación, que neste proxecto normativo agrúpanse en tres categorías: plans de formación intersectoriais en xeral, plans dirixidos a autónomos, e plans dirixidos a traballadores e socios de economía social.

O apartado 2 do dito precepto recolle os colectivos que teñen a consideración de prioritarios. Engádese neste exercicio o seguinte parágrafo: “3. Os desempregados pertencentes aos seguintes colectivos: mulleres, mozos, persoas con discapacidade, afectados e vítimas do terrorismo e da violencia de xénero, desempregados de longa duración, maiores de 45 anos e persoas con risco de exclusión social”.

Neste proxecto normativo introdúcese a regulación do procedemento a través do cal o Servizo Público de Emprego proporá as persoas desempregadas participantes nos plans de formación (artigo 6º).

En canto aos criterios de avaliación (artigo 16º), obsérvase a inclusión de novos parámetros a valorar (adecuación das accións formativas do plan ás necesidades do mercado de traballo, por exemplo), así como a modificación da puntuación que se lle outorgaba a algúns criterios (a experiencia acreditada da entidade solicitante en formación de persoas traballadoras ocupadas puntúase ata con 10 puntos, cando antes podía acadar ata os 15).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

Os días 12 e 21 de xuño de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezaseis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime seguintes: unha xeral manifestada pola CIG (anexo I), unha específica manifestada pola CEG (anexo II) e dúas específicas manifestadas pola organización sindical UGT-Galicia e e a CEG (anexo III).













DITAME 31/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de xuño de 2013, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois das xuntanzas celebradas os días 12 e 21 de xuño de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que a administración laboral debe ter en conta o relevante papel que o sistema de formación para o emprego asigna aos axentes sociais representativos, como elemento esencial e central na xestión da formación para persoas traballadoras en activo, á hora de retornar en forma de acción formativa os fondos de formación profesional para o emprego ás persoas traballadoras e ás empresas que previamente os cotizaron.

Sería necesario que por parte da administración competente se habilitaran os fondos precisos para poder financiar a formación necesaria a nivel intersectorial e sectorial, coma en exercicios anteriores, xa que os citados fondos teñen carácter finalista (cuestión que mesmo foi sinalada polo Tribunal Constitucional na sentenza 244/2012) e proveñen, maioritariamente, das cotizacións empresariais e das persoas traballadoras.

En consecuencia, este Comité insta á Consellería de Traballo e á Xunta de Galicia á convocatoria de plans de formación sectoriais, cun reparto equilibrado dos fondos de formación profesional para o emprego considerando o seu carácter finalista, polo que non poden ser destinados a outros recursos que non sexan a súa aplicación a través das organizacións sindicais e empresariais.



Segunda.
Este Comité considera que debería revisarse a guía informativa de plans de formación para adaptala a esta orde nas materias que fora necesario.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-Artigo 3º. Prazo de execución dos plans de formación.
Este Comité considera que se debe permitir ás entidades poder xustificar os seus gastos á finalización da totalidade do plan formativo e non en atención aos períodos sinalados neste artigo en tanto en canto o período de execución comprende a totalidade do plan.

Segunda.-Artigo 4º. Accións formativas.
En relación co previsto nos apartados 2 e 3 deste precepto sobre módulos transversais, este Comité propón que, nos casos en que o alumnado dunha acción formativa estea exento da realización dos ditos módulos, o orzamento previsto a estes efectos se poida reprogramar pola entidade impartidora.

Terceira.-Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 5 deste precepto sinálase que, como norma xeral, os módulos transversais deberán impartirse ao final da acción formativa.

Este Comité considera que esta esixencia debe referirse soamente á formación a través da modalidade presencial, polo que debería especificarse no dito apartado 5.

Cuarta.-Artigo 6º. Selección de alumnado.
O apartado 1 deste precepto establece que a convocatoria pública que poderán realizar as entidades beneficiarias deberá publicarse en domingo.
Este Comité considera que a obrigatoriedade de publicar en domingo non é garantía de maior impacto, polo propón que se permita a publicación calquera día de semana.

Quinta.-Artigo 6º. Selección de alumnado.
No novo proxecto normativo elimínase un inciso recollido no texto do exercicio anterior segundo o cal: “Sempre que non se supere o número máximo de alumnos e alumnas por acción formativa establecido no artigo 4.6 desta orde, poderán asistir a unha acción formativa un número maior de alumnado que o inicialmente aprobado. O incremento de alumnado non suporá incremento da contía económica inicialmente prevista para cada acción”.

Este Comité propón que se manteña esa redacción.

Sexta.-Artigo 7º. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 3 deste artigo establécense os requisitos para a obtención do diploma. Obsérvase que non consta, na modalidade presencial. en que apartado se inclúen os módulos optativos (sensibilización ambiental e alfabetización informática), polo que se descoñece como se vai computar o 75% de tempo de aproveitamento.

Sétima.-Artigo 7º. Dereitos e deberes do alumnado.
Segundo o apartado 6 deste precepto, o alumnado que resulte seleccionado para un curso non poderá asistir, en ningún caso, a outro curso simultáneo.

Este Comité propón que se elimine esta prohibición ante a imposibilidade pola entidade impartidora de exercer un control ao respecto.

Oitava.-Artigo 9º. Plans de formación.
Este Comité propón que se elimine a obrigatoriedade imposta no apartado a) deste artigo de ter un mínimo dun 10% de accións formativas relacionadas coas  novas tecnoloxías e especialmente as especialidades industriais, tendo en conta que ademais neste último caso non están priorizadas no anexo da convocatoria.

Novena.-Artigo 12º. Solicitudes.
Este Comité propón que se incorpore a posibilidade de presentar as solicitudes en formato papel e non  exclusivamente por vía telemática, como impón o proxecto de orde para este exercicio, xa que isto pode supoñer problemas para as persoas interesadas ao non dispoñer dunha vía de presentación alternativa, ademais de estar excluídas as comunicacións dos custes elixibles.

Décima.-Artigo 12º. Solicitudes.
Obsérvase que, aínda que o contido do apartado 4, letra g) foi eliminado da redacción do proxecto normativo, permanece o encabezado do devandito apartado, polo que se propón a súa supresión.

Décimo primeira.-Artigo 18º. Módulos económicos máximos.
Este Comité considera que a redución na contía dos módulos máximos prexudicará a calidade das accións formativas, especialmente naquelas de carácter específico relacionadas coas especialidades industriais (e obrigatorias) que requiren dunha maior contía de gasto, polo que se propón que se recuperen os módulos económicos do exercicio pasado.

Así mesmo, deberían revisarse as porcentaxes mínimas da citada obrigatoriedade.  

Décimo segunda.-Artigo 18º. Módulos económicos máximos.
O apartado 2 deste artigo recolle que, excepcionalmente, poderá autorizarse un incremento de ata un 50% do módulo económico superior da modalidade presencial de formación.

Este Comité considera que se debería aclarar ou exemplificar que accións formativas poden ter carácter excepcional e que, polo tanto, serían susceptibles de acollerse a un incremento.

Décimo terceira.-Artigo 20º. Custos financiables e criterios de imputación.
Este Comité considera que se deberían incluír de forma explícita entre os custos financiables, ademais dos relativos ao persoal, aqueles que están directamente relacionados  coa actividade formativa, tales como telefonía, conexión a internet, auditorías, mantemento e os relativos ao equipamento informático, así como outros custos asociados, por tratarse de gastos necesarios e imprescindibles para a execución do plan.

Décimo cuarta.-Artigo 21º. Pagamento e liquidación das subvencións.
O apartado 6 deste precepto prevé a posibilidade de anticipar ata o 25% do total do orzamento de gastos do convenio.

Esa porcentaxe prevista non fai senón trasladar ás entidades problemas de tesouraría e sobrecustos para poder financiar as accións.

Considérase que é un sacrificio demasiado elevado, tendo en conta as dificultades no acceso ao financiamento e, ademais, non se corresponde con outros anticipos articulados nalgunhas comunidades autónomas que chegan ao 100%.

En consecuencia, este Comité entende que debería ampliarse a porcentaxe de anticipo ata acadar o 100%, sendo como son fondos finalistas.

Subsidiariamente, considérase que o proxecto de orde obxecto de ditame debería recoller elementos de flexibilidade para facilitar a xustificación das subvencións, en tanto non sexa restablecido o anticipo do 80% dos fondos concedidos ou ben se determine un sistema de garantía e aval para que as entidades xestoras da formación poidan acceder ao crédito sen que isto lles supoña asumir maiores custos financeiros.

Décimo quinta.-Artigo 24º.Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 3 deste precepto obriga ás entidades beneficiarias a requirir de cada alumno certa documentación, cinco días antes da incorporación dos alumnos.

Este Comité entende que a fixación deste prazo causa un prexuízo ás entidades xa que dificulta a xestión. Ademais, no artigo 5º deste proxecto normativo, establécese que a situación laboral da persoa participante será a que teña no día en que se inicie a acción formativa e esa situación pode variar no período de cinco días.

En consecuencia, este Comité propón recuperar a regulación da orde do exercicio anterior, que requiría esa documentación no momento da incorporación do alumnado.

Décimo sexta.-Artigo 24º.Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado 4 deste artigo impón ás entidades beneficiarias que remitan á Dirección Xeral de Emprego e Formación unha serie de datos, como mínimo cinco días naturais antes do inicio da acción formativa.

Na orde do exercicio anterior establecíanse dous prazos distintos segundo o tipo de datos de que se tratara, mentres que no actual proxecto fíxase o prazo sinalado no parágrafo anterior, o que pode producir tensións organizativas, polo que este Comité propón que se flexibilice o prazo agora fixado ou, subsidiariamente, se recupere a redacción anterior.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

A Confederación Intersindical Galega (CIG) entende que, vistos os datos de desemprego do noso país, así como a saída masiva de mozos e mozas ao estranxeiro en busca de oportunidades laborais, a política de investimento en formación para o emprego tería que experimentar un xiro radical, para o que resulta absolutamente imprescindible elevar o volume de recursos. O proxecto normativo obxecto deste ditame vai en sentido diametralmente oposto a esta necesidade, pois consolida a redución de máis dun 80% dos fondos, que se realizou no pasado ano 2012 respecto do exercicio anterior.

A CIG considera, por outra parte, que a Xunta de Galicia debería implementar as medidas necesarias para corrixir as continuas dilacións no pagamento dos fondos concedidos, dilacións que están a crear moi serias dificultades de xestión económica ás entidades xestoras de formación beneficiarias, obrigadas ao endebedamento e á asunción de déficits.




























ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 4º. Accións formativas.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) considera que debería revisarse a obrigatoriedade da realización de módulos transversais que obedecen a unha recomendación do FSE así como o módulo de igualdade, xa que na maior parte dos casos os alumnos xa os cursaron polo que o custo formativo asociado a estes queda infrautilizado e, dadas as circunstancias, todos os recursos son necesarios.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.-Artigo 4º. Accións formativas.
Este artigo, no seu apartado 2, esixe ao alumnado a realización duns módulos agás que acredite documentalmente estar en posesión dun diploma  oficial que acredite a súa formación en materia de igualdade.

A organización sindical UGT-Galicia e a CEG entenden que debería aclararse no articulado ou, no seu defecto, na guía informativa que é o que se considera "diploma oficial" e os termos en que se vai realizar a validación dos módulos. Para iso, proponse adoptar a redacción establecida no art. 33º da Lei 2/2007 do traballo en igualdade de Galicia: "O alumnado deberá realizar o dito módulo agás que acredite documentalmente ter realizado formación en materia de igualdade de duración igual ou superior ás horas que debe realizar (…) ".

Segunda.-Artigo 4º. Accións formativas.
Segundo o apartado 4 deste precepto: “ O alumnado que teña xa cursado algún destes módulos da Dirección Xeral de Emprego e Formación, non poderá volver a realizalo”.

A organización sindical UGT-Galicia e a CEG consideran que as entidades de formación non dispoñen de mecanismos que lles permitan contrastar a exención aquí considerada, polo que debería explicarse como se lles pode esixir.