ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se regula o rexistro e depósito das actas de designación de delegados e delegadas de prevención de riscos laborais.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de xuño de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o rexistro e depósito das actas de designación de delegados e delegadas de prevención de riscos laborais, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


A Lei 31/1995 do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, define os delegados e delegadas de prevención como os e as representantes das persoas traballadoras e regula o mecanismo para a súa elección, así como o seu sistema de elección, competencias, funcións e garantías.

Froito desta regulación, mediante Orde do 4 de xaneiro de 2000 establecíase o rexistro e depósito de actas de designación dos delegados e delegadas de prevención.

Pero resulta necesario e imprescindible adaptar dito rexistro ás novas esixencias, ofrecendo a posibilidade de levar a cabo os trámites a través de medios telemáticos.

Este proxecto normativo derroga a referida Orde e modifica o rexistro no senso de recoller a posibilidade de rexistrar de oficio, como delegados e delegadas de prevención de riscos laborais, as persoas elixidas como representantes das persoas traballadoras naquelas empresas nas que só se elixa unha persoa representante.

Do proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Esta orde ten por obxecto a regulación do rexistro das actas de designación dos delegados e das delegadas de prevención de riscos laborais da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 1º).


Segundo o artigo 3º, o rexistro terá as seguintes funcións: inscribir os datos relativos aos delegados e delegadas de prevención de riscos laborais (e as persoas membros dos órganos específicos que os substitúan, de ser o caso), modificar eses datos e emitir certificacións relativas a eles, así como subministrar información ao respecto.

O artigo 4º, pola súa banda, desenvolve o procedemento para levar a cabo o rexistro e depósito das actas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o rexistro e depósito das actas de designación de delegados e delegadas de prevención de riscos laborais” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, unha disposición derrogatoria e dúas derradeiras.

O día 21 de xuño de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime seguintes: unha xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), unha xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (anexo II) e unha xeral manifestada pola CIG (anexo III).













DITAME 32/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se regula o rexistro e depósito das actas de designación de delegados e delegadas de prevención de riscos laborais, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de xuño de 2013, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xuño de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Habida conta da existencia  do denominado Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, este Comité entende que este proxecto debería someterse á deliberación do devandito organismo, especializado nesta materia.

Segunda.
Obsérvanse algúns erros ortográficos no texto do proxecto de orde sometido a ditame, polo que este Comité propón a súa revisión.

Terceira.
Os anexos a este proxecto normativo non puideron ser ditaminados ao non remitirse a este organismo xunto co texto do proxecto de orde.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Finalidade e funcións do rexistro.
No apartado 2, letra c) deste precepto inclúese como función do rexistro a emisión de certificacións relativas aos datos inscritos a instancia de quen acredite un interese lexítimo.

Este Comité propón que se especifique na redacción deste apartado que, en todo caso, enténdese que ostentan este interese lexítimo e directo as organizacións sindicais e empresariais representativas.

Segunda.- Artigo 3º. Finalidade e funcións do rexistro.
A letra d) do apartado 2 deste precepto sinala como función do rexistro a de informar, sobre os datos que nel figuren, á Inspección de Traballo e Seguridade Social e a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten un interese lexítimo.

Este Comité propón que se inclúa, ademais, ás organizacións sindicais e empresariais representativas como destinatarias desa información.

Así mesmo, proponse un apartado e) que recolla como función do rexistro a de remitir esta información, cunha periodicidade anual, ás organizacións sindicais e empresariais representativas que así o soliciten.

Terceira.-  Artigo 4º. Procedemento.
O apartado g deste precepto establece que “unha vez que estean correctas, as actas serán rexistradas e custodiadas nas oficinas públicas de rexistro das xefaturas da Consellería de Traballo e Benestar”.

Este Comité propón que se engada, a continuación: “Os datos persoais dos delegados e delegadas de prevención recolleranse desagregados por sexos e integraranse no ficheiro de datos do rexistro de delegados e delegadas de prevención”.

Así mesmo, proponse que se engada ao final deste apartado g o seguinte parágrafo: “Cumprido o trámite de rexistro e depósito da acta de designación de delegados e delegadas de prevención, de constitución do Comité de Seguridade e Saúde ou de constitución do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde, a Consellería de Traballo e Benestar procederá de oficio a emitir certificación individualizada ás persoas designadas que figuran na acta, conforme ao modelo do anexo que corresponda”.

Cuarta.-Artigo 7º. Comunicacións.
Este artigo establece que as incidencias que se produzan no rexistro e depósito das actas serán comunicadas ás inspeccións provinciais de Traballo e Seguridade Social e ás áreas de seguridade e saúde laboral do Instituto Galego de Seguridade e Saúde laboral e demais organismos que corresponda na comunidade autónoma.

Este Comité propón que se concrete o termo “demais organismos que corresponda” por supoñer unha indeterminación ou, subsidiariamente, que se elimine.

Quinta.-Disposición transitoria.
Este Comité propón que se engada unha disposición transitoria ao texto do proxecto normativo, do seguinte teor literal: “As actas de designación de delegados e delegadas de prevención efectuadas de conformidade co establecido na Orde do 4 de xaneiro de 2000 e que se atopen vixentes a entrada en vigor desta orde, serán obxecto de inscrición de oficio no novo rexistro”.

Sexta.-Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Sétima.-Disposicións derradeiras[sic].
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.































ANEXO I

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA , CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL.
As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que deben engadirse na regulación deste proxecto normativo outras figuras representativas de participación efectiva das persoas traballadoras nas políticas de seguridade e saúde coa inscrición dos Comités de Seguridade e Saúde e os Comités Intercentros de Seguridade e Saúde.

A tal efecto, proponse modificar o título do proxecto normativo, de xeito que se inclúan estas figuras non contempladas: “Proxecto de orde pola que se regula o rexistro das actas de designación de delegados e delegadas de prevención de riscos laborais; e de constitución dos Comités de Seguridade e Saúde e dos Comités Intercentros de Seguridade e Saúde”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS.

Primeira.-Artigo 1º. Obxecto.  
As organizacións sindicais consideran, como xa se indica na consideración xeral precedente, que debe ampliarse o obxecto do rexistro a outras figuras non incluídas neste proxecto.

En consecuencia, proponse que se engada, no artigo 1º, a regulación do rexistro das actas de constitución dos Comités de Seguridade e Saúde como elemento obxecto de rexistro.

No mesmo sentido, proponse que se inclúa unha referencia expresa á devandita figura na redacción dos artigos 2º.1, 3º.1 , 4º.1 e 7º.1.

Ademais, no artigo 3º.1, proponse que se inclúan dous novos apartados que figurarán como apartados f) e g):

f) Os Comités de Seguridade e Saúde e os seus membros electos.
g) Os Comités Intercentros de Seguridade e Saúde e os seus membros electos, de conformidade co disposto no artigo 38.3 da Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais.

Segunda.-Artigo 4º. Procedemento.
As organizacións sindicais propoñen que se engada na letra a) do apartado 1 deste precepto unha referencia ao Comité Intercentros de Seguridade e Saúde, trala mención que se fai á persoa ou as persoas designadas como delegadas de prevención de riscos.
Así mesmo, propoñen a incorporación de dous novos apartados que se incluirían como letra b e c, respectivamente:
b. Constituído o Comité de Seguridade e Saúde, a través da persoa que exerza a súa representación, polos Delegados de Prevención que integren o Comité de Seguridade e Saúde, as organizacións sindicais as que representen ditos delegados ou pola representación legal da empresa, se solicitará a inscrición da acta de constitución do Comité de Seguridade e Saúde, previa ao seu depósito á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde se producise tal constitución, no prazo de15 días hábiles desde a data de designación, conforme o modelo que figura no anexo…………..
c.  Os Comités Intercentros de Seguridade e Saúde creados segundo o disposto no parágrafo 2 do artigo 38.3 da Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais, inscribiranse no Rexistro da provincia en que radiquen os centros de traballo. No caso de que os centros de traballo afectados atópense en máis dunha provincia, inscribiranse no rexistro da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia en que radique o domicilio social da empresa.
Constituído o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde, a través da persoa que exerza a súa representación, polos Delegados de Prevención que integren o Comité Intercentros de Seguridade e Saúde, as organizacións sindicais as que representen ditos delegados ou pola representación legal da empresa, se solicitará a inscrición da acta de constitución do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde, previa ao seu depósito á xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia onde se producise tal constitución, no prazo de15 días hábiles desde a data de designación, conforme o modelo que figura no anexo que corresponda.

Terceira.-Artigo 4º. Procedemento.
No letra h) do apartado 1 deste precepto regula o suposto en que procede o rexistro de oficio.

As organizacións sindicais consideran que debe eliminarse o inciso final dese apartado que condiciona o rexistro de oficio a que as persoas que soliciten o rexistro das actas faciliten os datos necesarios para completar a información dos delegados ou delegadas de prevención, xa que se trata de datos que xa figuran nas actas.

Cuarta.-Artigo 4º. Procedemento.
As organizacións sindicais propoñen unha redacción alternativa ao apartado 2 deste artigo: “Así mesmo, cando como consecuencia de ter lugar substitucións, revogacións, dimisións, extincións de mandatos, variación dos datos inscritos ou calquera outro suposto previsto legal ou regulamentariamente, prodúzanse cambios nas persoas que desenvolven o cargo electo de Delegado ou Delegada de Prevención, ou unha modificación na composición dos membros electos que integren un Comité de Seguridade e Saúde, ou Comité Intercentros de Seguridade e Saúde, procederase, previa solicitude, ao rexistro de ditas variacións  cos mesmos prazos de presentación e rexistro e co mesmo procedemento que no caso de novas inscricións”.
Ademais, propoñen a incorporación dun apartado 3: “O empresario comunicará o peche da empresa ou centro de traballo dotado de delegado ou delegada de prevención, así como calquera outro cambio nos datos da empresa que poidan afectar ao rexistro. Dita comunicación levarase a cabo no prazo dos quince días hábiles seguintes a que o feito se produza”.







































ANEXO II

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO de Galicia consideran que debería introducirse, na exposición de motivos, a necesidade de crear un rexistro de natureza obrigatoria, de xeito que se supere a eiva do rexistro anterior de carácter meramente voluntario, non só para os delegados e delegadas de prevención de riscos laborais senón tamén para os demais suxeitos de participación efectiva dos traballadores e traballadoras nas políticas de seguridade e saúde coa inscrición dos Comités de Seguridade e Saúde e os Comités Intercentros de Seguridade e Saúde.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA.

Artigo 4º.Bis.Tarxeta acreditativa da designación como delegado de prevención en empresas de máis de 250 traballadores.
As organizacións sindicais UGT- Galicia e S.N de CC.OO Galicia propoñen introducir un novo artigo como 4º.bis aos efectos de regular a expedición dunha tarxeta acreditativa da designación como delegado ou delegada de prevención en todos os sectores de actividade, en atención  ao criterio empregado pola  Administración de crear no SERGAS esta tarxeta para todos os delegados e delegadas de prevención para o exercicio das súas competencias en tanto que garantes da actividade preventiva en representación dos traballadores e traballadoras e como compromiso coa calidade na xestión da prevención de riscos laborais.

A redacción proposta é a que segue:

Artigo 4º.Bis. Tarxeta acreditativa da designación como delegado de prevención en empresas de máis de 250 traballadores.

1.-Créase a tarxeta oficial de acreditación da condición de Delegado ou Delegada Prevención ou órgano específico que os substitúa, cuxo modelo se recolle no anexo (....que corresponda...).

2. A tarxeta será expedida pola correspondente Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar da provincia na que se efectuase o rexistro e terá eficacia durante o período de duración do mandato dos Delegados Prevención ou do órgano específico que o substitúa, e, en todo caso, caducará aos catro anos desde a súa expedición.

3. A tarxeta acreditativa é persoal e intransferible. O uso deste documento estará limitado ao exercicio das funcións reguladas no artigo 36 da Lei 31/1995, de Prevención de Riscos laborais.

4. En caso de subtracción, deterioro ou perda da tarxeta, o titular da mesma deberá comunicalo de forma inmediata á correspondente Delegación Provincial da Consellería de Traballo e Benestar, a efectos de control e da expedición dun novo documento.

5. Nos supostos de substitución, revogación, dimisión ou extinción do mandato como Delegado de Prevención, ou órgano específico que os substitúa, a tarxeta perderá a súa eficacia e o titular deste documento procederá a súa devolución no prazo de 15 días. Transcorrido este prazo, a correspondente Delegación Provincial da Consellería de Traballo e Benestar requirirá a devolución da tarxeta ao seu titular e poñerá o feito en coñecemento dos representantes do persoal e da empresa.


































ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

A CIG coincide coas demais organizacións sindicais na necesidade de que o Rexistro teña natureza obrigatoria. Non obstante iso, entende que, habida conta de que a lexislación laboral é materia de competencia exclusiva do ámbito estatal, tendo a administración autonómica limitadas as súas facultades ás de execución, para que a obrigatoriedade de rexistro non se reduza a unha mera declaración de necesidade sen transcendencia xurídica real, a autoridade laboral galega debería instar da administración central a promulgación dunha norma que estableza a dita obrigatoriedade de rexistro.