ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2013.

I. ANTECEDENTES

O día 20 de xuño de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral  Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2013 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos sociais a través da prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio.

O mantemento para este exercicio do importante axuste nos orzamentos estatais en materia de políticas activas de emprego fai que se manteña a prioridade absoluta, establecida na convocatoria para 2012, para as entidades prestadoras de servizos sociais, especialmente para discapacidade e risco de exclusión social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 27 de setembro de 2012, publicada no DOG o día 2 de outubro de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 31 de xullo de 2012, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 21/2012.




As principais novidades do proxecto normativo son:

Para o exercicio de 2013 establécese como medio para tramitar e presentar a solicitude exclusivamente o uso da aplicación de medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (exposición de motivos e artigo 6º).

O importe global que se destina a financiar esta subvención increméntase respecto ao previsto no exercicio anterior ao pasar de 950.000 euros a 1.000.000 (exposición de motivos e artigo 2º).

Neste proxecto normativo especifícase que a subvención prevista será incompatible con outras axudas para a mesma finalidade procedentes de fondos de políticas activas de emprego (artigo 5º).

O prazo de resolución e notificación redúcese de seis a cinco meses (artigo 9º).

Suprímese o artigo 10º (Réxime da aceptación e renuncia da subvención) e o artigo 14º (Dotación de medios informáticos).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 10 de xullo de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.














DITAME 33/2013


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2013”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de xuño de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de xullo de 2013, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
O título do proxecto sometido a ditame, así como o contido dos artigos 1º e 3º fan referencia  á “prórroga da subvención para a contratación de axentes de emprego”. Este Comité considera que debería figurar “a subvención para a prórroga da contratación de axentes de emprego”.

Por outra banda, este Comité observa unha incoherencia entre o feito de subvencionar a prórroga da contratación e o de establecer un réxime de concorrencia competitiva,  xa que as entidades potencialmente beneficiarias serían só as subvencionadas no exercicio anterior, ao que se engade que para este exercicio figura unha maior dotación orzamentaria.

En consecuencia, este Comité propón que se resolva a incoherencia manifestada e que se faga referencia á subvención para a prórroga da contratación de axentes de emprego e non á prórroga da subvención.

Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “os desempregados” no artigo 4º ou “o secretario” no artigo 7º), polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe.

Terceira.
Aínda que para este exercicio obsérvase un incremento do 5,26 % nos créditos asignados a estas subvencións, a redución experimentada respecto do exercicio 2011 supera os 23 millóns de euros.

En consecuencia, este Comité non comparte o drástico recorte que o Goberno galego está a aplicar nos diferentes programas polos que se desenvolven en Galicia as políticas activas de emprego; recortes que, nalgúns casos, superaban a porcentaxe aplicada nos orzamentos xerais do Estado e restrinxen os colectivos beneficiarios das medidas. Non é entendible que, con máis de 280.000 persoas desempregadas en Galicia, as medidas para combater o paro non vexan incrementados os seus orzamentos senón que, pola contra, redúcense os recursos e o persoal destinado á atención das persoas paradas contribuíndo a súa vez a incrementar o volume de desemprego.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
Este Comité considera que non existe xustificación para que se manteña exclusivamente unha determinada tipoloxía de entidades sen ánimo de lucro e se exclúan todas as demais.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: contía.
O apartado 2 deste artigo, ao igual que o apartado 2 do artigo 11º, utilizan a expresión “contía máxima da subvención”; non obstante, a Consellería mantén o reparto das axudas ano tras ano sen actualizar.

Polo exposto e para evitar discrecionalidade, este Comité considera que se debe eliminar o termo “máxima”, co obxecto de que o disposto no artigo 5º.2 sexa realmente o que se aplica.

Terceira.- Artigo 5º. Subvención: contía.
Obsérvase que neste artigo figuran dous apartados numerados como 5, polo que se propón a súa corrección de xeito que o último apartado figure como número 6.

Cuarta.- Artigo 6º. Presentación de solicitudes.
Este artigo incorpora, como novidade, a esixencia de presentar as solicitudes e a documentación unicamente por vía telemática.

Este Comité entende que esta obriga debería ter un carácter transitorio para este exercicio, de xeito que se permita a posibilidade de presentar as solicitudes en formato papel e non  exclusivamente por vía telemática.

Quinta. - Artigo 7º. Documentación.
Ao recollerse a vía electrónica como única vía de presentación das solicitudes e da documentación, desaparece a especificación de que as copias que se deben presentar sexan cotexadas ou compulsadas.

Consecuentemente coa consideración anterior, este Comité propón que se recupere esa especificación para o suposto da presentación en formato papel.

Sexta. - Artigo 9º. Resolución.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas considérase excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses.

Sétima. – Artigo 15º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Entre as obrigas das entidades beneficiarias, na letra b) do apartado 2 deste artigo establécese a de identificar en conta contable separada todos os ingresos e os gastos referidos a operacións afectadas pola subvención.

Este Comité cre necesario que se especifique que gastos deben de asentarse na devandita conta, se só os que son subvencionables ou todos aqueles que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.

Oitava. - Artigo 15º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No último ítem da letra d) do apartado 2 deste artigo solicítase a presentación do resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF).

Este modelo normalizado ten un prazo de presentación que se estende entre o 2 e o 20 de xaneiro do ano seguinte, polo que este Comité considera que non é viable, nalgúns casos, a presentación deste documento no prazo de dous meses desde o remate da obra ou servizo como se require na orde.