ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2013.

I. ANTECEDENTES.

O día 21 de xuño de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2013, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo alúdese á importancia da creación de postos de traballo a nivel local, xa que é neste ámbito onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego. Por esta razón é fundamental a presenza de axentes de emprego e desenvolvemento local, coa formación e experiencia adecuada, que actúen como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa, centrándose sobre todo en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

O obxecto deste proxecto normativo é o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para 2013, das axudas e subvencións para a contratación polas entidades locais de axentes de emprego e desenvolvemento local, como instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 2 de outubro de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 31 de xullo de 2012 (ditame 22/12), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.





Respecto ao texto da orde do ano anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

Para o exercicio de 2013 establécese a esixencia  do uso e a aplicación de medios telemáticos para tramitar e presentar a solicitude, exclusivamente, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (exposición de motivos e artigo 5º).

Suprímese o apartado i) do artigo 8º que outorgaba ata 5 puntos polo emprego da lingua galega na elaboración e realización dos proxectos, cuestión que agora tan só será tida en conta como criterio auxiliar en caso de empate nas puntuacións.

A agrupación de concellos para a presentación da solicitude, criterio antes avaliable con ata cinco puntos, valórase agora cun incremento do 35% sobre a puntuación final (artigo 8º).

No mesmo precepto engádese un apartado que recolle os criterios que posibilitan incrementar nun 30% a puntuación total das solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade.

O prazo de resolución e notificación redúcese de seis a cinco meses, e comezarán a contar a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude e non desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, como acontecía na orde do exercicio anterior (artigo 9º).

Neste novo proxecto normativo suprímense dous artigos: o artigo 10º (Réxime da aceptación e renuncia da subvención) e o artigo 11º (Modificación da resolución de concesión).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2013” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 10 de xullo de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).










DITAME 34/2013





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións no ámbito de colaboración coas entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local para o exercicio 2013, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de xuño de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de xullo de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo xa que se observan erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, como a utilización reiterada do masculino xenérico (por exemplo, “os desempregados” no artigo 3º).

Segunda.
Aínda que estamos ante un proxecto normativo que establece axudas para as entidades locais, este Comité considera que debería recuperarse a liña de axudas prevista en exercicios anteriores, específicas para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio polas entidades sen ánimo de lucro, para contribuír á dinamización do emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 6º. Resolución.
No apartado 1, ítem IV deste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas pola seguintes que correspondan.

A mesma consideración formúlase respecto do artigo 16º, apartado 1.

Segunda.- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Na orde do exercicio anterior figuraba no apartado 1, letra i), entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración da memoria-proxecto que desenvolverá cada AEDL valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción anterior, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Terceira.- Artigo 9º. Resolución.
Obsérvase que neste proxecto normativo suprimiuse parte do contido do apartado 2 deste artigo respecto da Orde do exercicio de 2010, propoñendo este Comité que se volva a incluír o que nel se dispoñía: “A resolución pola que se conceda a subvención, que será motivada e individualizada, e que se lles deberá notificar aos interesados nos termos previstos no devandito artigo...”.

Cuarta.- Artigo 9º. Resolución e recursos.
No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de cinco meses, contados desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, prazo que se considera excesivo.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de dous meses xa que, ademais, neste caso, o prazo de cinco meses suporía trasladarse ao exercicio de 2014, ao estarse a tramitar o proxecto normativo a mediados deste mes de xullo.




Quinta.- Artigo 10º. Requisitos e selección dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (sic).
Este Comité considera que debería suprimirse a parte final do apartado 3 deste artigo na que se elimina a obriga da inscrición como demandantes de emprego das persoas a contratar, no caso de acudir a outros procedementos de selección por non atopar candidatos idóneos.

Ademais, consecuentemente co exposto na consideración xeral primeira, proponse a substitución da contracción “dos” pola preposición “de”, para corrixir así o emprego do masculino xenérico.







ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

CONSIDERACIÓN XERAL:

As organizacións sindicais que integran este Comité considera que debería terse en conta, na función de axente de emprego e desenvolvemento local que se regulan neste proxecto de orde, a posible colaboración dos plans de acción para o emprego que desenvolverá cada axente ou grupo de AEDL cos acordos locais ou territoriais de emprego existentes e cos que se formalicen no futuro.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA:

Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción inicial deste proxecto.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


CONSIDERACIÓN XERAL:

A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneizar as ordes que emite a Consellería de Traballo e Benestar en materia de contratación de axentes de emprego.

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito de que, por exemplo, no proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio, no apartado de asignación de contías e asignación orzamentaria, establécense criterios diferentes respecto do proxecto normativo que estamos a ditaminar.


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA:

Artigo 10º.- Requisitos e selección dos Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local (sic).
No apartado 3 deste artigo non se priorizan, como sería desexable, aquelas titulacións, másters e posgraos que teñen relación co ámbito de xestión empresarial (empresariais, económicas ou outras).

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se faga esa priorización.