ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/13

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de xuño de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2014 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do decreto publicado no DOG o día 10 de agosto de 2012 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 20 de xuño de 2012 (Ditame 15/2012), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo non presenta novidades salientables.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e dúas disposicións derradeiras.

O día 10 de xullo de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración específica de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén, como anexos, unha consideración xeral e outra específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO., UGT-Galicia e CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO.e CIG (Anexo II).









DITAME 35/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia no calendario laboral para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de xuño de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de xullo de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.




ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG.

Consideración xeral
As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia, UGT-Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, respectando, de ser o caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.

Consideración específica
A diferenza do establecido no Decreto do exercicio 2011, no artigo 1º deste proxecto normativo obsérvase que tan só se relacionan as festas laborais propias da Comunidade Autónoma.

As organizacións sindicais consideran que o obxecto deste proxecto de decreto é determinar o calendario laboral do ano 2014, polo que se solicita que se manteña a redacción do Decreto de 2011 e que se incorporen as datas das festas laborais de carácter retribuído e non recuperable fixadas desde o ámbito estatal, con indicación da posibilidade da súa modificación, se fora o caso.




ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.

Seguindo coa liña argumental de anos precedentes e tendo en conta que o Parlamento Galego aprobou o día 9 de marzo de 2006 “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”, estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.

Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1º do proxecto de decreto como “Día Nacional de Galicia” e pase a designarse como “Día da Patria Galega”.