ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo de 2001.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de xullo de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo de 2001, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, establece medidas para facilitar a reinserción laboral, así como axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, de 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo de 2001.

O citado Real Decreto foi modificado polo Real Decreto 1783/2011, do 16 de decembro, establecendo unha axuda adicional á prevista neste para os traballadores, afectados polos expedientes de regulación de emprego citados, desempregados maiores de cincuenta e dous anos, para os exclusivos efectos de  financiar a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social pola perda do nivel de cotización que puidesen sufrir tales traballadores como consecuencia da perda de emprego.

A disposición adicional primeira do Real Decreto 196/2010, habilita as Comunidades
Autónomas que asumisen o traspaso da xestión realizada polo Servizo Público
de Emprego Estatal en materia de traballo, emprego e formación, a ditar normas de procedemento e bases reguladoras para adaptar a concesión das axudas especiais á súa propia organización.

En virtude da citada habilitación, publicouse no Diario Oficial de Galicia do 4 de outubro de 2011, a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvención ao abeiro do Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, e 25/2001, do 31 de xullo de 2001.

Mediante este proxecto normativo procédese á modificación da citada norma.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG o día 4 de outubro de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de xuño de 2011 (Ditame 20/2011), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

No artigo 3º (“Contía e remuneración”) recóllese, como novidade, o dereito a percibir unha cantidade adicional aos exclusivos efectos de financiar a subscrición dun convenio especial coa Seguridade Social pola perda de nivel de cotización que puidesen sufrir eses traballadores como consecuencia da perda de emprego.

Consecuentemente, introdúcense ao longo do texto do proxecto normativo novos apartados para regular ese dereito, por exemplo o apartado c) do artigo 6º.2 ou o apartado e) do artigo 7º.2.

Ademais, incorpórase ao texto un novo artigo, o 3º bis que regula a subscrición do convenio especial coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se modifica a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real Decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo de 2001” consta de: Exposición de motivos, un artigo único que inclúe sete puntos, unha disposición transitoria e unha final.

O día 19 de xullo de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.



DITAME 36/2013





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se modifica a Orde do 20 de setembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións ao abeiro do Real decreto 196/2010, do 26 de febreiro, polo que se establecen medidas para facilitar a reinserción laboral así como o establecemento de axudas especiais aos traballadores afectados polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001 e 25/2001, do 31 de xullo de 2001, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de xullo de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de xullo de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Obsérvase a existencia de erros no idioma galego ao longo do texto do proxecto normativo, polo que este Comité propón a súa revisión ortográfica.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo xa que observa moitos erros no uso da linguaxe en materia de xénero, como o emprego reiterado do masculino xenérico, a denominación dos cargos públicos que debe ser neutra e o emprego das barras no punto seis relativo ao artigo 11º (“aos/ás xefes/as territoriais”) que non se considera a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións  oficias establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.

Terceira.
Como xa se expón nos antecedentes deste ditame, á vista do texto da Orde de 20 de setembro de 2011 e tendo en conta o ditame 20/2011 emitido polo Consello, obsérvase que se tiveron en conta a maioría das consideracións manifestadas, polo que este Comité propón que se modifique o texto da Orde de 2011 no sentido das consideracións específicas sexta, sétima e novena do citado ditame.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Punto un (relativo ao artigo 2º).
O punto primeiro deste proxecto normativo modifica a redacción do apartado 1 do artigo 2º da Orde de 2011.

Este Comité considera que debería suprimirse nese parágrafo a expresión “consecuentemente”, de xeito que a redacción figure como segue: “Serán persoas beneficiarias da subvención especial e poderán selo da cantidade adicional as persoas traballadoras afectadas polos expedientes de regulación de emprego 76/2000, do 8 de marzo de 2001, ou 25/2001, do 31 de xullo de 2001(...)”.