ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se dá publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación a presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 19 de xullo de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que dá publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación a presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Como normativa estatal básica, o Real decreto 2756/1979, do 23 de novembro, polo que o Instituto de Mediación, Arbitraxe e Conciliación asume parte das funcións que ten encomendadas, establecía na súa sección IV, o procedemento para levar a cabo a conciliación obrigatoria en caso de conflito individual, previo para a tramitación de calquera procedemento laboral.

No artigo sexto do referido Real decreto 2756/1979, establecíase, así mesmo, que a referida conciliación se promovería mediante papeleta, fixando o contido mínimo desta.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, dita conciliación é desenvolvida a través das seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) dos servizos de traballo e economía social, das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

Por outra banda, á vista do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso da cidadanía aos servizos públicos e do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como, na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible, segundo se afirma na exposición de motivos do proxecto normativo sometido a ditame, adaptar dita papeleta ás novas esixencias ofrecendo a posibilidade de levar a cabo a súa presentación a través de medios telemáticos, facilitando así a comunicación entre a administración e a sociedade



Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

O artigo 1º recolle o obxecto do proxecto normativo, é dicir, dar publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación que se recolle no Anexo I.

O artigo 2º regula a presentación da papeleta, que se levará a cabo preferiblemente por vía electrónica.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se dá publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación a presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, dous artigos e unha disposición derradeira.

O día 29 de xullo de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha consideración xeral e cinco específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG e pola organización sindical UGT-Galicia (Anexo II) .





DITAME 37/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que dá publicidade ao modelo normalizado de papeleta de conciliación a presentar nas seccións de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) da Comunidade Autónoma de Galicia, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de xullo de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de xullo de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Artigo 2º.

Este Comité observa un erro na numeración dos apartados deste artigo dado que comezan a partir do número 3, polo que propón que se corrixa e se numeren de xeito correcto (1, 2, 3 e 4).

ANEXO I


CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:

Consideración xeral


As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais comparten a necesidade de desenvolver a Administración electrónica e facilitar a presentación de documentos por medios telemáticos. Porén, entenden que nesta materia concreta non é acaída nin oportuna a imposición ás persoas administradas dun modelo normalizado que presenta excesiva rixidez e pouca adaptación á súa finalidade.

Neste sentido, non parece que se tiveran en conta, para a elaboración de tal modelo normalizado, as diferentes modalidades procesuais que regula o Libro Segundo da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social (LXS) ou os requisitos mínimos que debe conter unha demanda. Antes ao contrario, inclúense campos («cantidades pendentes de cobro» ou «no caso do despedimento, data») que revelan unha visión excesivamente simplista da variedade e complexidade que poden presentar as reclamacións xudiciais en vía social. Tampouco os «motivos» (sic) do modelo de papeleta (despedimentos, sancións, reclamacións de cantidade e causas varias) presentan correlación aparente coa LXS.

Téñase en conta que, consonte ao artigo 63 LXS, a conciliación previa é un requisito previo ao proceso e, polo tanto, ten unha incidencia directa no dereito fundamental á tutela xudicial efectiva (art. 24 CE), na medida en que a variación substancial (nos feitos, na súplica ou na causa de pedir) entre a papeleta e a demanda pode determinar a inadmisión desta última.

Esta desconexión entre o modelo normalizado e os requisitos procesuais da LXS poden dar lugar a denegacións de tutela xudicial que, na medida en que están provocadas por unha imposición previa da Xunta de Galicia, dean lugar á responsabilidade patrimonial da Administración.

En consecuencia, as organizacións sindicais solicitan a modificación do proxecto de Orde baixo as seguintes premisas:
a) A presentación telemática de papeletas de conciliación non terá ningún tipo de preferencia sobre os outros medios de presentación admisibles en dereito.
b) O modelo normalizado limitarase a unha folla de presentación na cal se identifique a identidade de demandante(s) e demandado(s), a modalidade procesual que se exercita e a data de presentación. A esa folla unirase a papeleta de conciliación, elaborada baixo o criterio técnico-xurídico da persoa administrada ou da sua asesoría legal.
c) Non serán requiridos á persoa administrada datos que xa obren en poder da Administración ou cuxa esixencia non teña unha habilitación legal específica.
Consideracións específicas:


Primeira.- Entendemos que carece de habilitación legal a previsión, contida no artigo 2, de que a papeleta se presente «preferiblemente» por vía electrónica. A Lei 11/2007, do 22 de xuño, non establece esa preferencia, polo que a presentación telemática é só unha máis entre as posibles que prevé o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.


Segunda.- O modelo normalizado traslada ás persoas administradas a carga de averiguar datos que non están ao seu dispor (número de traballadores da empresa, CNAE-2009) e que non veñen esixidos na lexislación administrativa ou procesual e que, polo contrario, son de fácil acceso para a propia Administración. Esta esixencia parece contraria ao disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro.


Terceira.- Como se indicou na consideración xeral, os campos e datos que se incorporan ao modelo normalizado de papeleta non se axustan aos requisitos procesuais da LXS.


Cuarta.- Inclúese no proxecto de Orde unha Disposición “derradeira” única, que se debería identificar como Disposición “final” única, para non contradicir a definición que do termo derradeira fai a Real Academia Galega.


Quinta.- A disposición que se cita na anterior consideración, establece a entrada en vigor da norma ao día seguinte da súa publicación no DOG. Entendemos que se debería habilitar un prazo razoable, que permita o coñecemento e adaptacións necesarias por parte das persoas afectadas, aos cambios metodolóxicos que a Orde establece, polo que a entrada en vigor non debería ser inmediata.















ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E A ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA:

Artigo 2º.

As organizacións CEG e UGT-Galicia consideran que neste artigo debería establecerse un procedemento que garanta a veracidade da data de presentación da solicitude.